"O máis duro que vivín foi o enterro dunha rapaza, ao que só pudieron ir os pais e o irmán"

Xestionar a dor pola morte dun ser querido é máis difícil que nunca ► Volven as restricións aos enterros e Balado reivindica o valor do dó
Jorge Balado. AEP
photo_camera Jorge Balado. AEP

Jorge Balado, ao frente de Serfuja e presidente da Asociación de Empresas Funerarias (Aprefu), di que os lucenses asumiron as limitacións, pero que as familias sofren cos límites ao dó.

Volven as restricións estritas a velatorios e enterros.

Si, aínda que agora poderá haber ata quince persoas nos enterros e cinco nos velorios. Nos lugares de culto o aforo será dun terzo da capacidade. Cando só se permitían tres persoas no enterro vimos situacións moi duras. O peor que vivín foi o enterro dunha rapaza, no que só puideron estar presentes os pais e o irmán. Sen o resto da familia, foi dramático. E houbo fillos que non puideron estar no enterro dun pai ou unha nai. Só se permitían tres persoas e había casos de catro ou máis irmáns. Foi duro.

E os lucenses reinventaron o dó ou renunciaron a vivilo.

O dó hai que vivilo. Hai que asumir a morte, porque se non despois pode ser máis difícil saír adiante. Pero, con dor, a xente asumiu as restricións. Tamén vivín algún caso extraordinario, como o dos veciños dunha parroquia que se organizaron para situarse nos cruces por onde ía pasar un difunto, para que así a familia sentira que non estaba soa nese momento tan duro. Sentíase a emoción a flor de pel ao ver esa capacidade de adaptación para arroupar unha familia. Os costumes mudan, pero segue a necesidade da familia de sentir a cercanía e a necesidade de amigos e veciños de arroupar a quen sufriu unha perda.

As funerarias adaptáronse para permitir que as familias vivan o dó doutros xeitos?

Os tempos son moi complicados e cambian os costumes, pero faise duro que a xente non poida abrazar ou dar a man nun enterro. Con todo, a xente adaptouse e, como pasou en tantos ámbitos, abriuse paso o tema informático e as videochamadas fixéronse habituais, por exemplo.

Agora os límites seguen, pero non tan estritos.

Non son tan estritos, pero, para os costumes que temos, quince persoas nun enterro son moi poucas. Con todo, a xente cumpre, e a gran maioría sen problemas. Ves que a xente asumiu as normas, que ao mellor fai amago de dar a mno e deseguida dáse conta e evita ese xesto.

Comentarios