Luis Davila encherá de humor a celebración polo Día dos Museos en Lugo

Fará unha mostra e un obradoiro en cada centro da provincia ►O programa inclúe obradoiros e monicreques
Luis Davila
photo_camera Luis Davila

O enxeño de Luis Davila será a atracción máis destacada no programa que a Rede Museística preparou para o Día Internacional dos Museos, que se celebra o vindeiro día 18. O debuxante impartirá un obradoiro e achegará unha exposición baixo o nome común de Humor do país aos catro centros museísticos.

O acto central do día 18 terá lugar no Museo Provincial de Lugo co comezo do obradoiro ás 19.00 horas e a apertura da mostra ás 20.00 horas. Eses mesmos actos repetiranse no Pazo de Tor (o día 19, ás 12.30 horas), no Museo do Mar de San Cibrao (o día 19, ás 18.00 horas) e no Museo de San Paio de Narla (o día 27, ás 12.00 horas).

As actividades, que foron presentadas pola deputada de Cultura, Pilar García Porto, comezarám o venres no caso do Museo Provincial de Lugo. Ás 11.30 horas empezará o obradoiro Nós+outrxs en rede, con Julio Leira, que vai dirixido aos asociados de Cogami e a As Rioplatenses.

O día 17, ás 13.00 horas, haberá o espectáculo de marionetas O agasallo de Anya, por Teatro Marionetas Trécola. A entrada é libre ata completar o aforo.

O Museo de San Paio de Narla, aparte das actividades relacionadas con Luis Davila, programa a Noite dos Museos, que está pensada para os membros do club Pequeamig@s, que poderán botar a noite no interior da fortaleza.

ÁGORA. O programa do Pazo de Tor continuará o día 19 ás 11.30 horas, co obradoiro Nós+outrxs en rede, con Violeta Bernardo, dirixido neste caso aos integrantes de Ágora Monforte.

Ao día seguine, dende as 11.00 horas, iniciarase o obradoiro ‘A horta de Tor’, que vai dirixido ao Club Pequeamig@s, no que plantarán produtos agrícolas, como tomates, pementos, ou patacas, entre outros. A maiores, farase un obradoiro de xogos tradicionais.

O día 25 ás 16.30 horas, comezará o obradoiro de Álbum de memoria, no que participarán os usuarios do xeriátrico municipal de Monforte de Lemos, no que realizarán distintas actividades enfocadas en traballar a memoria.

Este ano o lema escollido polo Consello Internacional dos Museos (Icom), é Museos e historias controvertidas. Dicir o indicible en museos. Con esta iniciativa, a organización busca que os museos establezan un diálogo entre distintos interlocutores e busquen exercer un papel activo e, no seu caso, reconciliador cos feitos e historias que resultan traumáticas e coas memorias que sufriron feridas.

Comentarios