Os lugueses subiron aos carruseis e probaron o polbo para estrear o San Froilán nun día solleiro

Algunhas familias aproveitaron o bo tempo e a ausencia de aglomeracións para levar os cativos ás barracas

Curiosas incitacións ao pulpo nas rúas. EP
photo_camera Curiosas incitacións ao pulpo nas rúas. EP

O termómetro marcaba 26 graos este xoves a media tarde, pero o feiral de San Froilán ulía a outono. A castañas asadas e a polbo cocido. E un pouco a algodón de azucre e a améndoa con almibre. Son os sabores de Lugo cando as mañás e as noites empezan a ser xeadas e o sol baixo queima nos mediodías.

O San Froilán foise aproximando entre novas que falaban de pouco polbo e caro, pero os restauradores do feiral non aprezan —ou iso din— ese receo. Ao contrario, este mércores, día de apertura, Aurora do Carballiño andivo preto de mediar a caseta a mediodía e en La Palloza pasadas as cinco da tarde aínda había algunha sobremesa. Restaurante Nadela, que se estrea no feiral, empezou a servir cefalópodo pola noite, mentres que Torre de Núñez abre este mediodía. A maioría teñen boa parte das mesas reservadas para os días grandes, aínda que deixan espazo para a xente «de paseo». E, aínda que, semanas atrás, algún polbeiro suxeriu cobrar a ración algo por baixo do prezo que os restauradores acordaron co Concello (12 euros), ao final, ese será o custo do polbo nas catro casetas.

Restaurante Nadela arrinca cunha caseta moi luminosa e a ración está a 12 euros, pero os restauradores ven interese

Quen máis quen menos ten algunha novidade, de mobiliario, decoración ou servizo. Aurora do Carballiño, por exemplo, sinala que cada vez dá máis protagonismo aos produtos galegos na súa carta. E a quen teña medo a saír "escaldado", recoméndalle que acuda co prezo do cuberto (de 27 a 35 euros) pechado.

Restaurante Nadela estréase cunha caseta moi luminosa, na que domina a madeira e a decoración tradicional, aínda que en tons máis claros. O seu polbo cocerao o persoal de Fuchela, do Carballiño, que xa traballou hai anos no feiral. "O polbo vai ser grande e de boa calidade. O único malo vai ser o prezo, pero 12 euros xa dán para poñer racións xeitosas", afirma unha das polbeiras.

Os prezos dos carruseis son similares ós doutros anos e Gastroarte ofrece alimentos e artesanía nun dos laterais do parque

O San Froilán non arrinca ata este xoves pola tarde, co pregón e os foguetes, e onte algúns feirantes aínda non acabaran de instalarse, pero no recinto xa se respiraba festa por tódolos costados. Moitas atraccións, sobre todo as dos máis cativos, xa funcionaban porque entre os máis pequenos hai ansia de carruseis. Carla, de cinco anos, dispoñíase a subir no Ratón Vacilón porque, di súa nai, "é unha atrevida". A atracción é "careira", pero para iso está a avoa. Polas costas baixa outra Carla, con Sara e a súa nai. O feiral está no camiño do colexio, así que haberá máis paradas das que a proxenitora querería. A vantaxe de acudir o primeiro día é que non hai aglomeracións, di. Os prezos andan nos doutros anos: unha ficha, tres euros; dúas, cinco e seis, dez.

Pero o San Froilán é máis que polbo e carruseis. No primeiro bancal do Parque, unha ducia de postos teñen artigos propios das festas (roupa, compelmentos, xoguetes...), e nun dos laterais do Rosalía de Castro, Gastroarte ofrece alimentación (queixos, embutidos, licores...) e artesanía en madeira, liño e coiro. As festas son para todos.

Comentarios