Ás luguesas non lles falta discurso

O Concello entregou onte os premios Entre Mulleres, que recoñecen a referentes na cidade como a Adiaratou Iglesias, Carmen Lence, Dina Pérez, Carmen Basadre, Pilocha, Patrocinio Morrondo, Neri Regueiro e o Colexio de Enfermería
Foto de familia no salón de plenos do concello de autoridades e agraciadas con premios Entre Mulleres. CARMEN UZ
photo_camera Foto de familia no salón de plenos do concello de autoridades e agraciadas con premios Entre Mulleres. CARMEN UZ

DAS OITO mulleres que onte recibiron, en nome propio ou dos colectivos que representan, os premios Entre Mulleres, que outorga o Concello de Lugo, só unha levaba verbas preparadas porque a maioría non foran avisadas de que terían oportunidade de falar, pero non se notou porque, como sinalou a concelleira de muller e igualdade, Silvia Alonso, "cando se buscan referentes femininos, a estes non lles falta discurso".

Abofé que non, porque cando se fala do que se vive e do que se sabe non fai falta preparación. Tras a recepción por parte da alcaldesa, Lara Méndez, que lembrou as cifras do machismo e se referiu ás homenaxeadas como "pioneiras e referentes na loita pola igualdade", abriu a quenda a nai da atleta paraolímpica Adiaratou Iglesias. A Lina rompéuselle a voz ao recordar cando hai oito anos Adiaratou chegou á súa vida fuxindo tamén dunha guerra, como a que agora ten a Occidente en vilo, e dun país, Mali, onde ser muller e ser albina é tanto como "non ser nada". Aquela rapaza de 14 anos era dócil e submisa e se de algo está orgullosa a súa nai é de como logrou "empoderala porque se algo sei é que, se ti non te empoderas, non te empodera ninguén", afirmou Lina.

PANDEIRETEIRAS. Neri Regueiro Viñas, promotora de grupos de pandeireteiras e cantareiras e integrante da asociación Bolboreta Fiandeira, deulle as grazas polo galardón ao Concello e a toda a xente que lle ensinou a tocar a pandeireta. Foi breve porque "eu falar, pouco; cantar, si", concluiu entre aplausos.

A conselleira delegada do Grupo Lence, Carmen Lence, non puido recoller o premio e fíxoo no seu nome a directora de márketing, Covadonga Noguerol. A homenaxeada enviou un vídeo no que sinalou que a posición que ten obrígaa a darlle visibilidade sobre todo ás mulleres que menos a teñen, como as do mundo rural, ás que apoia con programas como Actitud Río, lembrou.

Cando o feminismo aínda non tiña o recoñecemento social do que goza hoxe, Dina Pérez Roibás xa dirixía varios negocios e se poñía á fronte das mulleres empresarias de Lugo e formaba parte tamén da federación galega. Recoñeceu que ela tivo unha vida boa –"creo", matizou–, pero non a puido vivir, lamentou, porque tiña a responsabilidade de coidar. A liberdade para non ser abnegada e ter tempo libre é o que reivindicou para todas as mulleres, o que lle valeu fortes aplausos dos convidados ao acto que se celebrou no salón de plenos do consistorio, amigos e familiares das homenaxeadas e representantes da corporación municipal.

IMPULSORA DOS PREMIOS. A máis sorprendida por ter sido escollida para un dos premios Entre Mulleres foi a exconcelleira Carmen Basadre, a muller que os puxo en marcha hai vinte anos. Lembrou que os primeiros tempos no Concello, no que contribuiu a poñer en marcha políticas e recursos contra a violencia de xénero e a igualdade, foron "durísimos", pero tamén foi satisfactorio ver como "moitas mulleres saíron dese círculo e hoxe son felices", dixo. Rematou a súa intervención animando aos homes "a que se unan ao feminismo".

O papel máis reivindicativo tívoo a cantante e mestra de música Pilocha, que viña "armada" cun discurso "porque a palabra é unha arma". Criticou o traballo silencioso dos coidados no fogar e como en 1978 seu pai tivo que darlle un permiso para gravar o seu primeiro disco sen moitas ganas porque "unha muller neses ambientes...". Amosou tamén carraxe polo descoñecemento que hai das grandes compositoras e músicas ou por como, ao igual que noutros eidos, a obra dalgunhas se atribúe a homes.

Por último, a veterinaria e doutora en Ciencias Biolóxicas Patrocinio Morrondo, que ademais é presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, lembrou como o pai da súa filla, o profesor Pablo Díaz Baños, se ocupou da nena con nove meses para que ela puidese cumprir o seu soño e ir ensinar a un instituto a 200 quilómetros.

Pechou o acto a concelleira de muller, que quixo lembrar na súa intervención as sufraxistas coa súa vestimenta. "Sempre vivas -como as frores do mesmo nome que adornaban o salón-, libres e xuntas", dixo, antes de que Pilocha puxera a guinda cantando Alecrín acompañada de todos e compensando un discurso que lle quedara "pouco festivo".

A Escola Politécnica acolleu a entrega dos premios do VI Concurso de TFGs Enxeñería e Muller Rural e este mércores clausúrase a mostra 'A muller e a nena na enxeñaría e na ciencia'. XESÚS PONTE
A Escola Politécnica acolleu a entrega dos premios do VI Concurso de TFGs Enxeñería e Muller Rural e este mércores clausúrase a mostra 'A muller e a nena na enxeñaría e na ciencia'. XESÚS PONTE
O Concello fixo un recoñecemento a María do Carme Porto e María Andrade, as mulleres que máis anos levan traballando na praza de abastos e vendendo no mercado tradicional. EP
O Concello fixo un recoñecemento a María do Carme Porto e María Andrade, as mulleres que máis anos levan traballando na praza de abastos e vendendo no mercado tradicional. EP

 

O sindicato UGT de Lugo organizou este martes, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, un acto de homenaxe á profesora Montserrat Rodríguez. XESÚS PONTE
O sindicato UGT de Lugo organizou este martes, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, un acto de homenaxe á profesora Montserrat Rodríguez. XESÚS PONTE