#LugoPatrimonioMundial, a iniciativa viral que xa apoian Odón Elorza ou Martín Barreiro

Lucía Pérez, Alfonso Reyes ou José López Orozco son algúns dos persoeiros que se sumaron á campaña nas redes lanzada por Guido Álvarez Parga

Lugo, a vista de pájaro. XESÚS PONTE
photo_camera Lugo, a vista de paxaro. XESÚS PONTE

A muralla xa é Patrimonio Mundial, pero por que non toda a cidade de Lugo? Eso debeu pensar o guía turístico e turismólogo Guido Álvarez Parga (@guidoalvarezp) cando o pasado mércores lanzou nas redes sociais o hashtag #LugoPatrimonioMundial.

Aínda que se trata dun dos lucenses máis influentes nas redes sociais, non imaxinaba a repercusión que ía ter a súa iniciativa, á que nuns poucos días se sumaron persoeiros como o meteorólogo Martín Barreiro, o exalcalde de San Sebastián Odón Elorza, a cantante Lucía Pérez ou o ex xogador de baloncesto Alfonso Reyes, por citar só algúns.

"No último mes lin bastantes novas sobre a posibilidade de que Lugo se candidatase como Cidade Patrimonio da Humanidade e este pareceume un bo modo de alimentar o debate e potencialo", explica Guido Álvarez, quen aclara que sería unha ampliación da declaración coa que xa conta a muralla.

Como guía turístico, e tamén cun máster en xestión de paisaxes culturais, unha temática moi ligada ás actividades da Unesco, Guido Álvarez entendeu que este era "un bo xeito de axudar a quen desenvolvan a candidatura". E non só iso, tamén cre que pode servir para facer unha relación de lugares da cidade, non só intramuros, para incluír nesta eventual proposta.


O guía turístico Guido Álvarez. ARQUIVO

[Guido Álvarez Parga. ARQUIVO]

"É un xeito de involucrar á sociedade", di. Por agora, vaia se o conseguiu. Ocorréuselle mencionar nas redes a persoas nadas ou vencelladas de algunha forma con Lugo. A iniciativa, nuns días, volveuse viral e, por exemplo, esta fin de semana foi un dos hashtags máis empregados no norte da península, segundo Trendsmap.

"Son un convencido de que a promoción do turismo e dos valores patrimoniais, culturais e naturais non só benefician economicamente aos lugares, senón que tamén inciden na sociedade local, na súa autoestima e identidade", ilustra o promotor dunha idea que tamén recibiu o visto e prace de políticos locais, como o exalcalde José López Orozco, de deportistas como José Miguel Antúnez ou Salva Arco, e mesmo de entidades como o Breogán.

Comentarios