Lugonovo propón a creación do defensor do veciño 

Xosé Chorén presentou este mércores o programa electoral para as eleccións municipais do próximo 26 de maio

Xosé Chorén. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé Chorén. SEBAS SENANDE

O candidato de Lugonovo (marca de En Marea) á Alcaldía de Lugo, Xosé Chorén, presentou este mércores, en rolda de prensa, o programa electoral para o próximo 26 de maio, onde se inclúe a creación da figura do Valedor do Veciño.

Chorén expuxo que "ten que ser unha figura" coa súa participación "regulada" e debería presentarse como "a voz directa dos veciños no pleno ou ante o goberno".

Pretende que "non sexa algo que dependa da actitude caprichosa de quen estea no goberno (local), senón que sexa algo regulado". Todas estas propostas de participación, dixo, son iniciativas que recollen en Lugonovo como plataforma, porque foron trasladadas polo movemento veciñal.

Ademais incorporan ao programa unha renda mínima de inclusión social e atención inmediata ás urxencias sociais mediante un servizo de triaxe e a través de "un portelo único".

Chorén volveu insistir tamén na necesidade dunha actualización inmediata da Relación de Postos de Traballo, sobre un persoal próximo aos 600 funcionarios.

Ante o "enquistamento" das relacións do goberno local cos representantes sindicais, desde Lugonovo propúgnase a mediación, "ante este conflito laboral", do que fose subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe.

Comentarios