"Lugo vai saír da crise mellor que outros lugares porque nos colle nunha situación privilexiada"

Á volta das vacacións, a rexedora de Lugo, Lara Méndez, cumprirá 50 anos, nun momento no que, asegura, todas as horas de todo o ano llas ocupa o cargo. "Non hai dedicación parcial", dispara contra a nova alcaldable do PP, Elena Candia.
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ / AEP
photo_camera Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ / AEP

Empeza uns días de descanso despois dun ano no que non faltaron os sobresaltos.

Na administración sempre hai imprevistos, e este mandato caracterízase pola falta de normalidade. Aínda estamos saíndo da pandemia e nunha situación bélica que nos está afectando. Neste contexto, creo que o Concello ten feito os deberes. Estamos facendo un esforzo importantísimo para acadar, máis alá da transformación da cidade, a económica, que ten aínda máis importancia se cabe. Facémolo dende a formación, a captación de empresas...

Cre que a xente ve ese esforzo?

Totalmente. Tivemos o primeiro comité de investimentos do Lugo Transforma e as empresas que forman parte activa do fondo felicitáronnos pola repercusión que vai ter. Os catro primeiros proxectos que valoramos supoñen 80 novos postos de traballo directos. E sobre a mesa hai 37 proxectos máis. Os esforzos estanse visualizando. Trasládanolo o sector da hostalería, do comercio…, co plan Localmente Lucense que dinamiza os barrios e co que damos formación, cos coworkings, os obradoiros...

Non percorrín o carril bici. As poucas veces que andei en bici foi máis no casco histórico e outras zonas. Pero irei

O último sobresalto foi o veto da Xunta ás piscinas flotantes no río. De verdade non pensou que, por partidismo ou polas condicións do río, o proxecto podía encallar?

Non. Somos conscientes de que é un expediente complexo e somos tremendamente respectuosos co río, por iso propoñemos unha estrutura desmontable. A Xunta terá que dicir por que é viable noutros concellos, mesmo no Miño. Fauna e flora haina en todos. É unha tomadura de pelo que fale agora do inconveniente desta localización ou de que a estrutura non é a máis recomendable cando emitira un informe favorable, a expensas de que se fixese o estudo do río antes da instalación por se existía esa colonia de mexillóns e buscar alternativas se así fose, como fixemos. Se estivésemos no 2021 non habería ningún problema. Pero como estamos diante dunhas eleccións, a Xunta quere utilizar unha institución por rédito político. 

Iso é tanto como cuestionar o criterio dos técnicos, aos que vostede tamén defende no Concello.

Cando hai un criterio sólido acatámolo. Pero os informes da Xunta son futuribles, se se puidese dar, se hai unha riada… Pois se hai unha tormenta, a xente non baixa ao río. E sobre os mexillóns, o sistema que propoñemos non os prexudica, e cabe o traslado.

Tamén tivo satisfaccións. Entre as maiores estarían o novos contratos de limpeza e de xardíns.

Son unha satisfacción porque había moitas cousas que mellorar, pero a maior satisfacción, na situación na que estamos, é a transformación económica. Na pandemia fixemos esforzos brutais para axudar a hostalería, o comercio, as pemes, os autónomos... O máis satisfactorio é atender as persoas con menos recursos, seguir mantendo postos de traballo e coa ambición de crear moitos máis para que a xente non teña que coller a maleta e marchar por falta de oportunidades. Son filla de emigrantes e sei o duro que é.

Sempre houbo compatibilidades e non dubido da capacidade de Candia, pero cando falamos de tres simultáneas...

Os gastos tamén soben para o Concello, que leva dous anos con déficit. Hai que ir pensando en axustes fiscais ou de servizos?

De momento non o contemplamos. Dende o 2017 tiñamos débeda cero, temos unha economía saneada, o que nos permitiu poñer en marcha iniciativas como o Lugo Transforma, e levamos anos traballando na eficiencia enerxética e en adaptarnos ao cambio climático, coa instalación de placas fotovoltaicas en edificios públicos, o deseño do urbanismo do futuro co barrio multiecolóxico... Quixemos ver as oportunidades e cóllenos nunha posición privilexiada.Imos saír reforzados, estou convencida de que a resposta de Lugo vai ser mellor á doutros lugares.

Nun contexto de crise enerxética, como casan as caldas, nas que haberá que quentar a auga?

En termos de orzamento municipal o gasto será mínimo. E canto máis elementos de atracción turística teñamos máis xente sairá á rúa e contribuirá a dinamizar a economía. Vémolo con accións como os mercados do Miño. É como se dicimos que imos cerrar as piscinas porque teñen custo.

As piscinas son instalacións probadas e ata necesarias por saúde. Sobre as caldas hai dúbidas.

Eu non teño ningunha.

Percorreu o carril bici?

Non.

E iso?

Porque as poucas veces que andei en bici foi máis polo casco histórico e outras zonas. Pero irei.

Os membros do goberno non percorreron o carril, non se ven ciclistas por el, e vostede inaugurouno pero sen pisalo. Algo anómalo é. É este o carril que precisaba Lugo?

De momento non o inauguramos. Estabamos dicindo que xa estaba en funcionamento e poñiamos en marcha a mesa do observatorio da bicicleta. E logo, eu non deseñei o carril por esas rúas. E non facelo non é unha opción. Este proxecto iniciámolo noutro contexto, pero estabamos totalmente concienciados de que este é o camiño, e ademais as directrices da UE cada vez son máis impositivas. Circunscribir o debate a estes 14 quilómetros é un erro e é o que fai o PP por rédito político. Está o carril do Rato, o que estamos facendo por Duquesa de Lugo... É  unha estratexia de cidade, ten que ser un cambio estrutural, de mentalidade. Moitas persoas non o usarán, pero non significa que eu como responsable pública non teña que pensar no futuro da cidade. Non se poden facer obras pensando na inmediatez e en votos. Imaxínese que nos anos 80 por rédito político non se empezaran as peonalizacións, levariamos un retraso na cidade. 

O máis satisfactorio é axudar a xente para que non teña que marchar por falta de oportunidades. Son filla de emigrantes e sei o duro que é

Dise que esas peonalizacións contribuíron a que o PP perdera a alcaldía. Aínda que o exalcalde que a impulsou acabou sendo dos máis queridos polos lucenses.

De verdade que non se poden facer actuacións pensando no curto prazo. Non se nos pode permitir aos políticos que o único interese que teñamos sexa o rédito político porque entón estamos abocando as cidades ao fracaso.

A miúdo fala do partidismo e da deslealdade da Xunta, como no caso do auditorio. Pero o que sucede ás veces no Concello tampouco é fácil de entender. Como pode tardar dous anos en licitar os arranxos e cando está a punto un informe interno free o proceso?

Non estivemos dous anos para licitar. Licitamos o estudo das deficiencias, adxudicámolo e houbo que rescindir o contrato. Ás veces esquécesenos no momento no que estamos, as empresas estano pasando francamente mal. Ás veces non poden empezar unha obra por falta de persoal. Agora estamos no proceso de que os servizos municipais validen o proxecto que fixo a empresa, e non é a primeira vez que hai discrepancias entre un arquitecto e outro, de aí que tamén esteamos unificando criterios en urbanismo. O PP pretende facer da normalidade unha confrontación política. 

"O candidato non sae das filas locais debido ao seu non polo non"

A diferenza de 2019, o PSOE chegará ás eleccións con obras executadas e en curso. Servirán para contrarrestar a forza coa que parece que chega a candidata do PP?

Non se nos vota polo que teñamos feito, para iso xa nos votaron a anterior vez. O que hai é que trasladarlle á cidadanía o que queremos para o Lugo do futuro. O noso programa ten moi fixado o horizonte. O que vexo no PP é unha ausencia total de proxecto e unha negativa continua ás accións do goberno, o non polo non, e creo que iso foi o que invalidou que houbera candidato dentro das filas do PP. A xente non quere crítica, quere alternativas. Poño un exemplo: o carril bici está dentro da estratexia Muramiñae, que tiña unha comisión de seguimento na que estaban os partidos. Presentáronse catro opcións e o PP non preguntou nada nin aportou alternativa. Están aí as actas e pode verse. 

"Creo que o candidato do Partido Popular non saíu das filas municipais polo seu continuo non polo non"

Veulle ben á cidade un goberno de coalición pola competición que supón á hora de xestionar?

Veulle ben a estabilidade presupostaria. No anterior mandato houbo cinco partidos que dixeron non a todos os orzamentos e modificacións de crédito. Como moito fóronse á abstención.

Un orzamento si llo aprobaron.

O primeiro, cos votos de Lugonovo, e con el pagáronse as expropiacións do Carme, que levaban vinte anos; acabáronse os proxectos Urban, algúns complicados, como O Vello Cárcere... O PP é sempre o non polo non. E unha vez os proxectos están finalizados deixan pasar un tempo sen dicir nada e despois xa se suman a eles, como na pasarela da N-VI, chamábanlle pasarela inútil, dicían que ninguén a ía usar, e logo recordarán que eles levaron unha iniciativa ao Parlamento para acabar con ese punto negro.

Pero con Candia como adversaria seguro que non contaba.

Eu nin quito nin poño candidatos. O PP é un partido que quita e pon candidatos nominativamente. Nós temos outra forma de elección. O primeiro que hai que ter é compromiso. Eu téñoo as 24 horas os 365 días do ano. Non pode haber dedicacións parciais. Cando di que lle dedica as tardes a Lugo...

Vostede tamén ten outras responsabilidades, no PSdeG e no Eixo Atlántico.

Sempre houbo compatibilidades, pero cando falamos xa de tres simultáneas... Vicepresidenta do Parlamento, concelleira en Mondoñedo e candidata.Non dubido da capacidade de ninguén, pero máis aló diso hai que ter un proxecto claro que o PP non ten.

"Santos é peculiar, pero sei do seu compromiso"

Aumentaron as dores de cabeza co regreso de Álvaro Santos [concelleiro de urbanismo] tras máis dun ano de baixa por enfermidade?
En absoluto. É unha persoa que ten un compromiso por catro anos, como temos todos. Todos e cada un dos membros do goberno están traballando por e para Lugo.

Dígoo polas recentes declaracións do concelleiro nas que anunciaba que non seguiría en política a partir de 2023 e que xa llo dixera a vostede para aforrarlle que llo preguntase, porque igual non lle apetecía que continuase na súa candidatura.
Eu creo que se coñecemos a o concelleiro Álvaro Santos sabemos que é unha persoa de carácter peculiar en canto á forma de expresarse, pero sabemos do seu compromiso, responsabilidade e de finalizar etapas. Dito isto, teño unha relación fluída con todos os concelleiros e a Álvaro Santos téñolle un aprecio persoal porque o coñezo dende hai moitos anos. Sei das súas capacidades, pero evidentemente o compromiso é individual e todo o mundo ten a capacidade de decidir se quere seguir na vida pública de forma activa ou non. Son tremendamente respectuosa con iso, como fun cos compañeiros que estiveron comigo e hoxe xa non están. Son ciclos.

Comentarios