Lugo non terá Feira do Libro tras a renuncia en bloque das sete librarías locais

O certame ía a celebrarse dende o martes ao domingo

Preparación de libros de texto en una librería lucense. aep
photo_camera Preparación de libros de texto en una librería lucense. AEP

As sete librarías de Lugo adscritas á Federación de Libreiros de Galicia declinaron participar na Feira do Libro de Lugo, que se debería celebrar entre o martes e o domingo vindeiros, e que quedou anulada.

O presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo, Miguel Vigo (Librería Tótem), despachou a dúbida sobre se habería certame alegando "cuestións persoais de cada libreiro que fan imposible que participen este ano". Vigo parapetouse tras "un comunicado que ten que emitir a Federación de Librarías de Galicia" para evitarse ofrecer máis explicacións.

O desafío petou contra a Federación de Librarías. A súa presidenta, Pilar Rodríguez Álvarez, devolveu a pelota tal e como lle chegou: "Non vai haber feira, pero ten que ser a Agrupación de Libreiros de Lugo a que faga o anuncio porque son eles os que deciden se a organizan ou non". O seu argumento baséase en que "dende hai uns anos" son os profesionais lucenses os que programa o evento "polo que lles corresponde facer o anuncio. A Federación non pode entrar niso".

A Agrupación ou a Federación deberían responder por Tótem, El Faro de los Tres Mundos, Trama e Lectocosmos, que son os establecementos lucenses asociados que renunciaron. Concordan con esta decisión as librarías lucenses non asociadas Aguirre, Biblos e La Voz de la Verdad. Tras semanas sen chegar a un acordo para instalar caseta na Praza Maior, o pasado xoves os profesionais reuníronse para tratar de salvar o evento ou, cando menos, de adialo.

A presenza nestes certames require dos libreiros manter unha persoa nas casetas durante toda a xornada de cada día nos que se desenvolve. O número de traballadores dos establecementos é cada vez menor —unha persoa, en moitos—, o que complica que se apunten a feira. Esa cuestión explica a deserción desta edición e as declaracións de Miguel Vigo nas que culpa a "cuestións persoais".

Algunhas librarías foráneas estaban dispostas a achegarse ao certame lucense, pero "non ten sentido se non están as locais", como indica o expresidente da Federación de Librarías, Antonio Fernández Maira. A súa confianza é que "o reconsideren para o ano".

FEIRAS. O calendario das 16 feiras do libro de Galicia mantense. As outras tres da provincia de Lugo son as que pechan o programa: Viveiro (11 a 15 de agosto), Foz (16 a 19 de agosto) e Monforte (22 ao 25 de agosto).