Lugo lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo

O deputado de Memoria Histórica lembrou que este ano se cumpren 80 anos da instauración do Día da Galiza Mártir
Homenaxe institucional polo Día da Galiza Mártir 2022. CONCELLO DE LUGO
photo_camera Homenaxe institucional polo Día da Galiza Mártir 2022. CONCELLO DE LUGO

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, realizou a homenaxe institucional a todas as persoas represaliadas polo franquismo organizada polo concello e a deputación de Lugo polo Día da Galiza Mártir. No acto, que tivo lugar no Vello Cárcere, Maite Ferreiro destacou o compromiso do Goberno de Lugo para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais". Durante o acto, Maite Ferreiro leu o manifesto elaborado pola fundación Alexandre Bóveda para o día da Galiza Mártir de 2022.

O deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, lembrou que este ano se cumpren 80 anos da instauración do Día da Galiza Mártir, e destacou que Alexandre Bóveda “é un símbolo de todas as persoas que loitaron contra o réxime fascista”, e engadiu "as institucións públicas debemos honrar a todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego". 

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, quen foi vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra, e de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego.

Con esta acción desde o Concello e a Deputación de Lugo preténdese dar un paso máis na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda

O Concello de Lugo acordou institucionalizar a celebración do Día da Galiza Mártir en febreiro do ano 2020, e desde a área de Cultura realizouse a primeira homenaxe o 17 de agosto nese ano.

A área de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, creada de forma específica en 2019, comezou a promover a celebración institucional desta data no ano 2020, cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, en Sarria, a carón da placa que lembra ás vitimas do franquismo na comarca. Nese mesmo ano, retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo durante a ditadura.

Día da Galiza Martir

Maite Ferreiro e Efrén Castro no acto. CEDIDA
Maite Ferreiro e Efrén Castro no acto. CEDIDA

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e politicamente foi dentro do marco constitucional da IIª República Española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde produciuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado Español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIª República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936, gañadas polo Frente Popular.

Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, foi vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira

Logo desta sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de persoas, foron asasinadas sen xuízo previo ou executadas por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outras formaron parte da resistencia armada na guerrilla antifranquista, outras persoas foron para o exilio, onde seguiron loitando polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado Español.

Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum Galicia Mártir a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro Sempre en Galiza, e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu discurso Alba de Gloria, foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira (Poio) o 17 de Agosto de 1936.

Comentarios