Lugo recuerda a las mujeres sin derechos y a las que los pierden

Muestra sobre Elisa y Jimena Fernández de la Vega en Lugo.
O Concello homenaxeou este ano ás xornalistas Ana Expósito e Érika Reija e á exconcelleira Branca Rodríguez Pazos

As xornalistas Ana Expósito e Érika Reija e a exconcelleira Branca Rodríguez Pazos foron as luguesas elixidas este ano pola corporación municipal para homenaxear ao resto de mulleres co gallo do 8 de maio, unha data que dende hai algo máis dun século se dedica á loita pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres.

O acto desenvolveuse no Concello coa presenza de representantes das administracións estatal, autonómica e local, doutras institucións, como a Policía Nacional e a Audiencia Provincial, e do tecido asociativo lucense. A homenaxe non só serviu para reclamar os dereitos máis básicos para as mulleres de moitas partes do mundo que aínda non gozan deles, senón tamén para denunciar os que se están perdendo neste país como consecuencia da crise. ''Estanse dando pasos cara a atrás'', dixo o alcalde, José López Orozco, que louvou a traxectoria das tres homenaxeadas e tivo mención especial para a súa exsocia de goberno. Dixo dela que era ''unha amiga dende hai moitos anos'' e que ''en máis dunha ocasión'' lle deu ''un tirón de orellas'' por cuestións relacionadas coa muller. ''Agradézollo porque moitas veces fíxome meditar sobre a condición femenina'', afirmou o rexedor.

Xunto a el interviron o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, que destacou o carácter ''matriarcal'' da sociedade galega, e a concelleira de benestar social e igualdade, Ana González, para quen as homenaxeadas son ''mulleres que nos fan ver o mundo doutra maneira, cos ollos da igualdade''. Pero, sen dúbida, foron as intervencións de Expósito, Pazos e Reija as que máis emocionaron.

O agradecemento de Expósito foi para mulleres que a precederon e para as mulleres musulmanas, que loitan polos seus dereitos en países onde a desigualdade é legal. Recordou que en países como Libia, Irak e Siria, os seus corpos son empregados como «campo de batalla dos homes» e tivo palabras tamén para as vítimas do extremismo de Boko Haram, en Nixeria. Pero antes diso, a xornalista da Televisión de Galicia que dende hai vinte anos fai información internacional e que dende os anos noventa cubriu varias guerras, tivo palabras para a coruñesa Sofía Casanova, que foi a primeira reporteira de guerra española, e para as mulleres da súa familia, que a precederon na entrada ao mundo laboral con traballos ''bastante prosaicos''. Unha das súas avoas traballou a terra e criou nove fillos, a outra foi ama de cría e tivo unha froitería, a súa tía Amadora foi pantaloneira, Dorita e Gloria foron tallistas de féretros e a súa nai Placer empezou a sentirse valorada como muller traballadora na emigración, dixo. Ela é a única muller española posuidora do premio internacional de xornalismo Actual á mellor reportaxe de televisión en situacións de risco.

Rodríguez Pazos dedicou o premio ''a todas as mulleres lucenses e galegas'',  e en especial ás que a través de movementos sociais loitan por mellorar o mundo de todos e ás mulleres que exercen a política, ''porque é un dos mundos onde hai máis discriminación'', asegurou con coñecemento de causa.

Porén, Pazos non destacou só pola súa faceta política, senón por ser unha ''traballadora incansable a prol do feminismo, da cultura e o idioma galegos'', destacou González, ademais de pola súa vertente profesional, como traballadora social. Pazos lamentou que, despois dos cambios ''radicais e profundos'' experimentados dende os anos setenta, hoxe haxa que volver a loitar por reivindicacións básicas, como un salario.

Por último, Reija dedicou o premio á súa nai - ''unha das mulleres máis traballadoras que coñez, dixo-, que xunto co resto da familia fixo que ela e o seu irmán foran os primeiros en ir á universidade, e ás mulleres das súas reportaxes, porque ''contan realidades moi difíciles, que custa moito contar''. A pesar da súa xuventude, Reija xa ten unha dilatada traxectoria profesional en Televisión Española, a través da cal informou de acontecementos como a caída de Mubarak en Exipto e a chegada de Dilma Roussef á presidencia de Brasil. Reija lembrou agradecida as ensinanzas que recibiu nos colexios públicos de Lugo e nos medios nos que empezou, El Progreso e TVG.