Lugo homenaxea a Alonso Montero pola súa impronta como docente

Persoeiros e exalumnos do profesor, como José de Cora ou Fernando Ónega, falarán del ► O evento desenvolverase no instituto Lucus Augusti, onde impartiu clase de 1960 a 1976
undefined
photo_camera Xesús Alonso Montero. AEP

O instituto Lucus Augusti fará unha homenaxe ao profesor Xesús Alonso Montero (1928) o próximo día 19, venres, "pola impronta que deixou nos seus alumnos" durante os seus 16 anos de docencia no centro (1960 a 1976), en palabras dos organizadores.

O programa comezará ás 12.30 horas no propio instituto cunha motivación do evento a cargo de Antonio Pardo Gómez, quen falará sobre como era o Lucus Augusti entre 1960 e 1976, cando Alonso Montero impartiu clases nel.

A seguinte intervención será a do periodista Perfecto Conde, que actúa como mantedor. Sus palabras abrirán unha mesa redonda con exalumnos coma José de Cora, Paco Martín, Pedro Figueroa, Arturo Reguera, Fernando Ónega, Xulio Valcárcel, Manuel Calvo e Antón Grande.

Xesús Alonso Montero dará unha charla centrada nas súas lembranzas do seu traballo docente en Lugo, para que o seu fillo Cuchús Pimentel poña o peche interpretando varias pezas musicais, co himno galego ao remate.

Esta parte do acto será introducida polo director, Carlos Cazón, e presentada por Manuel Celso Matalobos.

O recoñecemento continuará ás 14.30 horas cun xantar no restaurante do hotel Méndez Núñez. Nas sobremesas haberá palabras de Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Alexandre Veiga, José López Orozco, Xesús Rábade Paredes, Felipe Arias, Manuel Muñiz e Francisco López 'Chesqui'. Soará tamén a música de Pilocha, Mero Iglesias e Miro Casavella. Estas intervencións serán coordinadas por Tonina Gay.

A asistencia está aberta no teléfono do instituto, 982.82.80.20., e no espazo habilitado na páxina web

Os promotores da homenaxe destacan que "Lugo é a patria de Alonso Montero porque foi onde empezou a traballar, a desenvolver o coñecemento sobre a literatura. Merece a homenaxe porque en Madrid, en París ou en Lisboa sempre fala de Lugo como o tempo da felicidade e da emoción. Deixou unha impronta nos alumnos, que non o esqueceron".