Lugo ábrese ao mundo en Fitur da man de Arde Lucus e Camiño Primitivo

Méndez destaca o "turismo de calidade e non masificado" que representa a cidade e Ferreiro presenta o novo vídeo de 'Lugo, km 100'
Presentación do Concello de Lugo en Fitur. EP
photo_camera Presentación do Concello de Lugo en Fitur. EP

Lugo presumiu este venres en Fitur de Arde Lucus e de Camiño Primitivo, entre outros atractivos lanzados como parte da nova campaña promocional Lugo, dez portas abertas ao mundo que presenta unha cidade con "enorme proxección" internacional.

“Lugo conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado, a historia, o patrimonio, a riqueza natural e as nosas xentes atraen a visitantes de proximidade, pero tamén do mundo enteiro, e temos que seguir traballando nesta liña", dixo a alcaldesa lucense, Lara Méndez, que encabezou a delegación.

A rexedora avanzou que se deron grandes pasos no impulso do Arde Lvcvs no mundo: "Só na última campaña en medios internacionais chegamos a 35 millóns de persoas de catro continentes, o que nos axudará a obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional".

Pola súa banda, a concelleira de cultura, a nacionalista Maite Ferreiro, que presentou o vídeo Lugo, km 100 para impulsar o Camiño Primitivo, e o concelleiro de xuventude, Mauricio Repetto, fixo o propio co vídeo promocional do Arde Lvcus deste ano, de formato cinematográfico.

WOMEN FRIENDLY. Fitur tamén foi o escenario onde a alcaldesa recolleu o galardón de Lugo como mellor destino turístico Tourism Women Friendly. O premio destaca a visibilización das mulleres castrexas na festa lucense de recreación histórica e foi outorgado polo xurado da Asociación Mujeres para el Diálogo y la Educación.

Méndez gradeceu este recoñecemento "porque destaca o papel que xogou a muller lucense ao longo da historia da cidade". O Concello realizará un acto en Lugo para entregarlle ás mulleres castrexas este galardón.

Lugo recibe el Premio Tourism Women Friendly. EP

Comentarios