Lugo estuda pedir amparo ao Constitucional pola anulación da súa ordenanza

Lara Méndez lembrou que o uso do galego nos menores de trinta anos baixou un "44% no últimos dez anos"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou de que o goberno local está a estudar a posibilidade de solicitar amparo ante o Tribunal Constitucional despois de que o Tribunal Supremo desestimase o recurso do Concello contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou varios artigos da súa Ordenanza de Uso do Galego.

Dita ordenanza foi aprobada pola corporación municipal de Lugo o 3 de setembro de 2012, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou parcialmente o recurso que foi presentado no seu día pola Asociación Galicia Bilingüe, nunha sentenza ditada o 18 de febreiro de 2016.

En concreto, o TSXG anulou completamente tres artigos desa ordenanza, así como diversos apartados doutros dez, en atención ao recurso presentado por ese colectivo, ao considerar que esa parte da normativa municipal vulneraba a lexislación autonómica e estatal por "non dar oficialidade á lingua castelá".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou este luns á prensa que esa ordenanza foi aprobada pola corporación municipal no ano 2012 porque os edís lucenses que a apoiaron entendían que os dous idiomas oficiais en Galicia "non estaban en igualdade de condicións" e facíase necesaria unha "protección" e un "impulso do galego" en base "ao seu retroceso" na sociedade.

Lembrou Méndez que o uso do galego nos menores de trinta anos baixou un "44% no últimos dez anos", mentres que "só o 13% dos menores entre 5 e 14 anos utilizan o galego como lingua habitual". A principio dos anos 90, insistiu, "o galego era lingua inicial para un 62% dos maiores de quince anos, pero agora só o é para o 43%". "Por iso fixemos esta ordenanza. Por iso non estamos de acordo con esta sentenza e, por iso, estamos a estudar pedir amparo ao Constitucional", resolveu.

Comentarios