Lugo encara a construcción da primeira autovía autonómica da provincia

A Xunta comprometeuse a licitar antes de que remate o ano a primeira fase das obras de desdobramento do corredor Nadela-Sarria
Tramo del corredor entre A Pobra de San Xiao y Sarria. AEP
photo_camera Tramo do corredor entre A Pobra de San Xiao e Sarria. AEP

A Xunta de Galicia prevé licitar antes de finais deste ano as obras da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións (Vap) Nadela–Sarria, no tramo comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, entre os puntos quilométricos 13,500 e 24,000. O obxectivo do Goberno galego é poder iniciar a execución das obras a mediados de 2020, previsiblemente na vindeira primavera.

Esta actuación dispón dun orzamento estimado no proxecto de construción, aprobado este mesmo mes, de máis de 24,4 millóns de euros. A esta cifra hai que engadirlle as partidas destinadas ao pagamento das expropiacións das 53 fincas necesarias para a súa execución, e que superan os 255.000 euros.

Os titulares dos terreos necesarios para avanzar e facer realidade o desdobramento dunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia están convocados o vindeiro mes de xaneiro para o levantamento de actas previas á ocupación dos mesmos.

Os traballos comezan nestre tramo ao contar cunha orografía máis complicada, que dificulta os adiantamentos

A ampliación se iniciará polo desdobramento desta vía de altas prestacións, no treito de 11,5 kilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. A razón de que os traballos comecen neste tramo débese a que é no que se ten detectado que resulta máis necesaria a ampliación da capacidade, posto que conta cunha orografía complicada, con pendentes pronunciadas. Estas circunstancias reducen a velocidade dos vehículos e diminúen considerablemente as posibilidades de facer adiantamentos.

A conversión en autovía, xa prevista nos proxectos orixinais da vía de altas prestacións, é por tanto máis sinxela de executar agora, permitirá seguir incrementando a funcionalidade desta infraestrutura, mellorando as condicións de seguridade e comodidade dos usuarios, cun notable incremento da capacidade e niveis de servizo do itinerario.

ACTUACIÓN. A actuación consiste na construción dunha nova calzada paralela á existente, sobre a marxe esquerda en sentido Pobra de San Xiao-Sarria, de xeito que se pasa dunha calzada de dous carrís —un por cada sentido da circulación— a dúas calzadas de dous carrís por sentido, mantendo o trazado existente.

O proxecto inclúe a adaptación dos enlaces da Pobra de San Xiao, no punto quilométrico 13,600, con saída hacia O Páramo; en Sarria norte, no punto 21,600, con saída hacia Betote, o polígono de Mourelle e a LU-546; e o enlace de Sarria centro, no 23,900, que conecta co barrio de San Lázaro e a estrada de Paradela. Tamén prevé a adaptación dos pasos inferiores e a reposición dos camiños de servizo afectados.

O proxecto deste primeiro treito de autovía prevé enlaces na Pobra de San Xiao, en Sarria norte e Sarria centro

Na súa concepción é atendendo aos criterios técnicos máis esixentes, o novo trazado vai permitir, non só facer o percorrido máis rápido, senón que tamén se fará dun xeito máis seguro xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 kilómetros por hora, frente aos 90 kilómetros por hora da actual estrada.

A vía de altas prestación desde Lugo a Sarria e Monforte é unha infraestrutura estratéxica para o Goberno galego e tense convertido nos seus poucos anos de vida nunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade someteu a información pública tanto o proxecto como a relación de bens afectados polas obras deste mellora viaria, unha vez valoradas as alegacións presentadas, mantivo o trazado proposto inicialmente como definitivo.

Esta estrada, cuxo último treito se puxo en servizo en novembro de 2015, permitiu completar a conexión da cidade de Lugo co sur da provincia. A súa apertura supuxo un fito importante na mobilidade e no reforzo da seguridade viaria, xa que, con ela, Lugo e a capital de Lemos quedaron conectadas nuns 45 minutos, grazas a un investimento de 135 millóns de euros dende o ano 2009.

O primeiro tramo da Vía de altas prestacións Lugo-Sarria-Monforte entrou en servizo en 2008, mentres que o treito entre Sarria e Cruz do Incio inaugurouse en 2012.

A Administración autonómica mantén a súa planificación inicial, de xeito que esta primeira fase entraría en servizo a mediados de 2022 se se comezan os traballos o vindeiro verán e non xurden imprevistos. Unha vez que vaian avanzando nas obras da primeira fase, procedérase de xeito paralelo a redacción do proxecto da segunda fase entre Láncara e a rotonda de Nadela, nas cercanías de Lugo, cuxo coste podería rondar os 35 millóns de euros, dacordo cos estudos iniciais.

O desdobramento de corredor en autovía porá punto final a unha demanda dos veciños da comarca de Sarria e do sur da provincia de Lugo.

Poucas opcións de adiantar en dirección a Lugo
As posibilidades de adiantar entre a localidade de Sarria e a saída do corredor no enlace hacia A Pobra de San Xiao e O Páramo é só dun 10% en sentido Lugo e un 30% en dirección Sarria. Este foi o principal motivo polo cal a Xunta decidiu comezar o desdobramento por este tramo con fin de reducir a siniestralidade. A Administración autonómica xa colocou resaltos sonoros na separación de carriles, como medida de seguridade.

Comentarios