viernes. 15.10.2021 |
El tiempo
viernes. 15.10.2021
El tiempo

Lugo despídese de Paco Pestana, un "personaxe" cuxa peculiar elegancia foi icona

Paco Pestana, no 90 aniversario da visita de Lorca a Lugo. EP
Paco Pestana, no 90 aniversario da visita de Lorca a Lugo. EP
O artista, natural de Castroverde, deixa un fondo baleiro na cidade na que residiu desde rapaz

Personaxe, culto, único e multidisciplinar. Cando de definir a Paco Pestana se trata quédanse curtas as palabras. O artista de Castroverde falecía este luns a causa dun infarto, deixando un profundo oco difícil de encher.

"Non hai nin un día que morreu e xa o estou botanto de menos", dicía este martes o artista Jorge Espiral, ao tempo que lembraba que "todas as mañás víao ao ir abrir a galería. Velo na Modernita tomando o café xa me alegraba o día", asegura un home que coñeceu a Pestana na voráxine dos anos 80, aínda que para daquela "xa o respectaba moito como artista". Logo, a amizade medrou da man do grupo A Espeteira, que se reunía no Mesón do Forno, e tocou teito con tertulias na galería de Espiral que "duraban tardes enteiras".

A incredulidade coa que chegou a noticia do seu pasamento súmase á incalculable perda que deixa na paisaxe de Lugo, a onde chegou sendo un rapaz.

Subido na súa bicicleta, "adicado a practicar a amizade no seu patrullar diario" e armado cunha particular –á par que elegante– vestimenta que conservaba desde a súa xuventade, é a imaxe que deixa pegada nas rúas luguesas.

"Era máis ca un artista, era unha icona da cidade, a súa presenza era un espectáculo en si", define Jorge Espiral en sintonía co que expresa Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo: "Era multidisciplinar, tocou a escultura, a pintura, o teatro, a literatura... A súa presenza era xa unha actuación. Un personaxe".

O vencello que mantiña cos amigos e colegas da profesión plasmouse no seu inquebrantable apoio. Tanto era así que actualmente atopábase preparando a exposición de Vázquez Cereijo en Orihuela e, proximamente, no Museo Comarcal da Fonsagrada, desde o que aseguran perder "un amigo".

"Lástima non ter sido capaces de expresarlle suficientemente en vida este agradecemento", trasladaba o presidente do padroado, Xoan Xosé Molina.

A vitalidade que desprendía Pestana aos seus 72 anos fai máis difícil de concebir o seu falecemento. "Estivera falando con el pola mañá e cando mo dixeron quedei chafado, non me fixen aínda á idea", dicía Jorge Espiral, mentres que Balseiro precisou "chamar a varias persoas para confirmalo".

A todas as mostras de pesar sumáronse as condolencias de autoridades e persoeiros da cultura, eido no que gañou un espazo propio grazas a unha obra que, con seguidores e detractores, non deixa a ninguén indiferente.

PROVOCADOR. Escultor sobre todo, pero tamén pintor, poeta e "provocador nato", Pestana foi autodidacta, colaborador de El Progreso, ademais de ser lexionario, boxeador, mineiro e incluso hostaleiro. Pero o que estivo sempre presente foron as súas orixes, en Peredo (Castroverde).

Nas súas esculturas sempre había oco para o rural, a natureza e a fantasía, todo diluído nun surrealismo que trascendía máis alá das pezas e acaparaba ao artista .

"Pregoaba o seu concello alá por onde ía, ese é o legado que deixa, xunto á súa obra e á mensaxe que trasladou", dicía Xosé María Arias, alcalde de Castroverde que recentemente o convertía en fillo predilecto. "Por riba de todo era divertido e nunca perdeu o vencello coa súa terra", engadía Arias.

A creatividade de Paco Pestana queda nas exposicións que leva feito, nas súas curiosas intervencións e no imaxinario colectivo, que o recordará como un ser único, un adiantado ao seu tempo.

Lugo despídese de Paco Pestana, un "personaxe" cuxa peculiar...
Comentarios