Comezan os traballos de reparación do caneiro do Muíño

Lara Méndez e o presidente da CHMS supervisaron este xoves o inicio dos traballos de reparación, que se prolongarán durante unhas oito semanas 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Confederación Hidrogáfica, José Antonio Quiroga, supervisaron este xoves o inicio dos traballos de reparación do coñecido como caneiro do Muíño onde a CHMS ten previsto executar unha actuación de urxencia para evitar que a construción se siga deteriorando e poida prexudicar aos residentes no barrio da Ponte.

A intervención, que ten por obxecto erguer un dique de 36 metros de lonxitude e catro de alto, suporá un investimento inicial de 80.000 euros.

"Desde o Concello de Lugo, agradecémoslle ao presidente da CHMS que cumprira co seu compromiso e tomara cartas no asunto, no prazo dunha semana, aportando unha solución mentres non se resolve o procedemento xudicial en vigo", sinalou Lara Méndez quen subliñou, ademais, que esta será a primeira das intervencións no río xa que a previsión é ir arranxando o resto de caneiros de forma progresiva.

Con motivo do inicio dos traballos, que se acometerán en menos de oito semanas, o Concello procederá a cortar o último tramo do Paseo Álvaro Cunqueiro, afectando a unha das entradas do CEIP A Ponte.

A rexedora apuntaba que segundo o informe elaborado ao respecto polo departamento municipal de enxeñería, “co obxecto de ocasionar o menor transtorno posible e para garantir a seguridade na contorna, será necesario, mentres se leva a cabo a actuación, cortar o tramo final da rúa para o que se pechará a zona ocupada, desviando aos transeúntes pola marxe esquerda da vía, aproveitando os pasos de peóns existentes”.

Comentarios