Lugo é a cidade onde se fala máis galego

O retroceso no uso do galego das novas xeracións na comunidad queda patente nunha enquisa realizada polo INE que conclúe que o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán
Correlingua 2019. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Correlingua 2019. VICTORIA RODRÍGUEZ

Lugo é a cidade onde unha maior porcentaxe de poboación fala habitualmente en galego (44,7% dos cidadáns maiores de cinco anos), fronte a Vigo, urbe onde menos se emprega a lingua (15,21%).

Así o reflicte a enquisa Coñecemento e uso do galego publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que conclúe que a poboación que fala sempre galego situouse en 2018 no 30,57%, o que supón 0,63 puntos menos que fai cinco anos. Así mesmo, algo máis do 24% dos residentes en Galicia fala sempre en castelán, o que supón 1,85 puntos porcentuais menos que en 2013. 

Por ámbito xeográfico, as áreas da Coruña suroriental e da Costa da Morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, cun 93,14% e un 92,43%.  Na provincia de Lugo tamén se rexistra unha alta porcentaxe de galegofalantes: 88,5% en Lugo Oriental (A Montaña e Sarria) e 75,8 na Mariña. 

No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 25,5% de persoas que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, a área da Coruña (un 33,55%) e a área de Ferrol-Eume-Ortegal (un 33,75%). 
 

Un de cada catro nenos galegos sabe falar pouco ou nada de galego, nunha taxa que se incrementa máis de sete puntos na última década, ao pasar do 16,4% de 2008 ao 24% de 2018, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Entre os menores de 15 anos, un 38% sabe falar moito o idioma propio de Galicia, o que supón un retroceso de sete puntos en 10 anos (era do 45% en 2008). É a cifra máis baixa por tramos de idades, 20 puntos menos da media xeral na comunidade (do 57,6%). Ademais, a porcentaxe de nenos que saben falar pouco ou nada (o 24%) supón o dobre que en toda a poboación (12%). 

Aínda que o 83,4% dos galegos di aprender o galego en casa, entre os menores de 30 anos invístese esta tendencia, posto que a escola (o 93,73%) supera o ámbito de aprendizaxe da familia (69,99%). 

O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente tamén en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán, de forma que se dispara case 15 puntos nunha década (era do 30% en 2008). Os que falan sempre en galego baixan un punto e quedan no 14%. 

USO DESIGUAL. O uso do galego, segundo o IGE, "é desigual" dependendo da idade da poboación. Así, o 48,48% das persoas de 65 anos ou máis fala habitualmente só nesta lingua e un 24,91% utilízao máis que o castelán. 

Mentres, entre os mozos de 5 a 14 anos, o 14,27% habitualmente sempre fala en galego, o 11,85% máis en galego que en castelán e o 73,88% restante usa sempre o castelán ou máis este que a lingua galega. 

Pola súa banda, a lingua habitual de escrita segue sendo o castelán en Galicia, xa que a porcentaxe de persoas que habitualmente escriben en galego redúcese ao 16,64%. 

No ámbito familiar o 44,34% da poboación de Galicia con fillos fálalles en galego sempre; o 31,2%, sempre en castelán; o 13,85% máis en castelán que en galego; e o 9% máis en lingua galega. 

Comentarios