Lugo bateu o ano pasado o seu récord histórico de exportacións con 1.131 millóns de euros

As vendas ao exterior medraron un 17,1% con respecto ao exercicio anterior, o que foi o maior aumento en Galicia ►O aluminio e os produtos químicos foron os bens que máis subiron e a Unión Europea segue sendo o principal destino
A factoría de Alcoa segue sendo un dos motores exportadores da provincia de Lugo
photo_camera A factoría de Alcoa segue sendo un dos motores exportadores da provincia de Lugo

Lugo bateu o ano pasado o seu recórd histórico de exportacións. Pechou 2015 cun crecemento do 17,1 %, o que a converteu na provincia de Galicia cun maior incremento en vendas ao exterior, porcentualmente. Sumou en total 1.131,1 millóns de euros, o que supón superar as de 2013, que ata o de agora rexistraba a mellor marca, cunha suba do 4%.

A evolución deste indicador económico é significativo na provincia de Lugo, tal e como se reflicte nos últimos datos publicados polo Ministerio de Economía e Competitividade. Ata 2010 o valor dos bens exportados roldaban os 500 millóns de euros e a partires dese ano, as exportación acadaron superar sempre os 900 millóns anuais.

Este crecemento ademais tivo repercusión no saldo comercial, xa que ata 2012 a provincia era deficitaria e a partir de entón as vendas ao exterior superaron ás importacións, e en 2015 rexistrouse un saldo positivo de 260,6 millóns.

O aluminio e os produtos químicos foron os bens clave nese comportamento do comercio exterior lugués. No primeiro caso, o aumento é dun 80,6% con respecto a 2014, e no segundo dun 16,8 %. Os principais destinos das exportacións de Lugo son países europeos, sendo os cinco primeiros Francia, Portugal, Países Baixos, Polonia e Italia.

A NIVEL AUTONÓMICO. A provincia de Lugo rexistra uns datos en exportacións que seguen a mesma liña de crecemento que os acadados por Galicia, que pechou 2015 cun novo récord histórico de vendas ao exterior, ao superar os 18.831 millóns de euros, o que supón un 5,6% máis que o ano pasado e un 0,4% máis que en 2013. Ademais, a comunidade supera en 1,3 puntos o incremento rexistrado a nivel estatal, no que as exportacións medraron un 4,3% en 2015.

A industria é clave nestas cifras e así ao longo do ano pasado o téxtil incrementou as súas vendas ao exterior nun 13,9% e a automoción nun 5,8%, mentres que as exportacións de máquinas e aparatos mecánicos subiron un 13,1% e as de conservas de carne e peixe medraron un 5,7%.

A Unión Europea seguiu sendo en 2015 o principal destino das exportacións galegas, cun 74,5% do total. O país ao que máis venderon as empresas desta comunidade autónoma o exercizo pasado foi Francia, que centrou o 26,1% das exportacións de Galicia, seguida por Portugal (12,6%), Italia (8,1%), Reino Unido (5,8%) e Alemaña, que se sitúa en quinto lugar cun 5,3%. Na sexta posición figuran os Países Baixos, cun 3,8%, e Estados Unidos no sétimo posto, cun 3,3%.

Galicia reduce así a súa dependencia dos países veciños, Francia e Portugal, que en conxunto supoñían en 2014 o 41,3% das exportacións galegas para pasar o ano pasado ao 38,8%, dando maior peso a países como Alemaña, Reino Unido ou Italia e logrando desta maneira unha maior diversificación.

ESTRATEXIAS. Galicia e a provincia de Lugo marcan así o seu mellor ciclo exportador, grazas ao esforzo do tecido empresarial, que está a ser apoiado pola administración autonómica coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, coa que busca incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020 e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos. O obxectivo que se marca a Xunta é que o número de empresas exportadoras acaden as 8.000 nese ano.

Destinos Francia, Portugal, Países Baixos, Polonia e Italia copan os cinco primeiros postos no ránking de clientes

Balanza comercial O ano pasado o importe das vendas ao exterior da provincia superaron en 260,6 millóns de euros ás importacións

Galicia Se as exportacións luguesas medraron un 17,1%, as de Galicia aumentaron un 5,6%, 1,3 puntos máis que a media nacional

Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria nace desde a unidade de acción e o diálogo mantido con todos os axentes implicados de cara a coordinar e facilitar a internacionalización das empresas galegas, impulsando investimentos e creando postos de traballo.

Neste sentido, o novo plan, que suma 50 millóns de euros nos próximos dous anos e se encadra no marco da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0, aspira tamén a manter o crecemento das exportacións galegas. Trátase dun esforzo orientado tanto ás empresas estranxeiras que desexen apostar por esta comunidade autónoma, como por aquelas xa establecidas que poidan realizar novos investimentos.

De cara a conseguir incrementar o volume das exportacións galegas e seguir insistindo na atracción de investimentos, esa estratexia conta con cinco eixos de actuación centrados nas pequenas e medianas empresas: o fomento da cultura de internacionalización; o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais; a propia atracción de investimentos; a consolidación da imaxe de Galicia no exterior e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.

Co desenvolvemento desta estratexia o Goberno galego consolida o traballo realizado ata o de agora, en colaboración co tecido produtivo, en materia de internacionalización, facendo dos mercados exteriores un motor de crecemento.

APOIOS. Enmarcado nesta Estratexia de Internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou xa a principios de ano axudas por valor de 9,5 millóns de euros para respaldar as estratexias de promoción exterior impulsadas por pemes, asociacións e clústers empresariais, así como os apoios para a contratación de xestores en internacionalización en empresas galegas.

O primeiro destes programas, o Galicia Exporta, busca dar un novo pulo ás exportacións galegas apoiando accións promocionais conxuntas en novos mercados de interese. Para acadar estes obxectivos, a liña conta cun orzamento de 8,5 millóns de euros. Polo que se refire á convocatoria dos xestores de internacionalización, os apoios, dun millón de euros, facilitarán a contratación de arredor dun centenar de especialistas.

Mediante estas liñas de apoio, que beneficiarán a 1.000 pemes galegas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria avanza, polo tanto, no impulso da internacionalización do tecido produtivo galego.

Comentarios