Louzao: "A política de Lugo representa todo o que non queremos para a nosa cidade"

A concelleira por Cidadáns mostrouse moi crítica co equipo de Lara Méndez e asegurou que a cidade "merece unha nova etapa de futuro"

Olga Louzao concejala en Lugo y portavoz de Ciudadanos en Galicia. SEBAS SENANDE
photo_camera Olga Louzao. SEBAS SENANDE

A portavoz da formación Cidadáns en Galicia e concelleira de Lugo, Olga Louzao, mostrouse este venres moi crítica co Concello de Lugo. "A política de Lugo representa todo o que nós non queremos para a nosa cidade", asegurou no programa da Televisión de Galicia Bos Días. Tamén engadiu que a cidade "merece unha nova etapa de futuro con outra concepción da política".

Louzao tamén se mostrou optimista de cara ás proximas eleccións autonómicas, ás que asegurou que Cidadáns se presentará "cun programa ambicioso, de futuro e moi ilusionante".

Louzao declarou tamén que as expectativas do seu partido para as próximas municipais son "moi boas", a tenor do crecemento "imparable" da afiliación en Galicia, onde xa superan os 6.000 inscritos.

"Cidadáns necesita a valía e o talento da xente para poder cambiar a nosa sociedade", engadiu, para deixar patente que a porta do partido está aberta a "todo aquel que queira sumar" no proxecto.

Do mesmo xeito, defendeu que Cidadáns é máis que un proxecto unipersonal, que está conformado por un gran equipo de persoas e que, a nivel galego, ten "moi claro" cales son os pasos a seguir para "pór a Galicia no mapa".

Louzao denunciou que hai varios asuntos "mal xestionados e esquecidos por gobernos do PP e do PSOE en Galicia", entre os que se referiu en especial ás comunicacións ferroviarias.

"Ademais da alta velocidade, por suposto necesaria, hai que mellorar tamén as comunicacións internas", advertiu.

Comentarios