Lomarti: "A capital lucense está moi carente de obras de arte en espazos públicos"

O autor da escultura en lembranza a Javier Krahe renega das academias de arte e defínese como "ecléctico", "autodidacta" e "multiindisciplinar"

Lomarti. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lomarti. VICTORIA RODRÍGUEZ

Unha simple fotografía tomada de internet e a lembranza que tiña do cantante madrileño, ao que chegou a coñecer persoalmente, inspiraron a Juan José Lomarti (Lugo, 1957) para modelar en pedra o busto en memoria de Javier Krahe, inaugurado no xardín da Rúa dos Paxariños, a carón de onde adoitaba actuar con frecuencia. 

Que supuxo para vostede que lle encargaran realizar a escultura en menoria de Krahe? 

Para min esta obra supón moito en dous sentidos. Nun, polo que ten de cultura musical, por Krahe e polo seu significado. Os que estiveron en contra do proxecto que dicían que debían ter prioridade músicos de aquí non se dan conta de que a cultura e a música son universais. E noutro, porque é a primeira vez que unha obra miña entra a formar parte dun espazo público de Lugo. 

As críticas verquidas contra este proxecto amoláronlle ou van no soldo? 

Estou de acordo que haxa multitude de pareceres, que sexamos plurais. Cada un pensa diferente dos demais. Non imos a obrigar a ninguén a pensar coma un. Con todo, que se atacase desde certos sectores moi concretos pareceume un pouco configurado. Dicindo por outra parte que contra o autor non tiñan nada. Si, teñen. Se atacan ao meu traballo, atácanme a min. Pero son ‘gajes del oficio’, como se adoita dicir. Asúmese como se asumen as críticas que se reciben cando fas unha presentación pública. 

Salienta que é a súa primeira obra nun espazo público da cidade que o viu nacer. 

Estou encantado e gustaríame que fose unha porta aberta para que se pensase un pouco máis nos espazos públicos de Lugo e nos autores que hai aquí e no resto de Galicia de cara a ir colocando no futuro cultura visual en tres dimensións en espazos públicos da capital, que está carente nese sentido, moito. 

Era seguidor do cantautor madrileño? 

Si. Estiven en varios concertos seus e tiven relación con el. Como persoa era un dos iconos da resistencia poética-trovadoresca. Tiña unha voz particular. Por eso tamén me motivaba a idea da escultura. 

Identifícase coa forma que tiña Javier Krahe de interpretar a vida? 

Era moi parecida á miña, moi irónico, cun concepto satírico, con humor e ao mesmo tempo daba unha imaxe seria. Eu en parte o que quixen representar aquí foi a súa personalidade. Quixen darlle tamén á escultura un aire de solemnidade, que non parecera a obra tan informal. 

Esa relación persoal que tivo co homenaxeado supuxo unha obriga para vostede á hora de crear? 

Un autor, cando fai un retrato, nunca ten que sentirse obrigado a agradar ao retratado. Como dicía Picasso o retratado acabará parecéndose ao retrato. Iso é moi particular de cada un. Cada autor ten que impoñer a súa personalidade no traballo. Este tema é bastante subxectivo. 

Que cre que pensaría sobre os resultados electorais do pasado domingo un artista tan comprometido social e politicamente como Javier Krahe? 

Penso que lle parecería ben, como a todos os que estamos a favor do mundo da cultura, o progreso e a convivencia. 

Só se adica agora á escultura ou non esquence a pintura? 

Estou alternando sempre un e outro traballo. Non hai un método fixo. É ao azar. 

Empregou pedra galega, só traballa con material autóctono? 

Todas as madeiras e as pedras das miñas obras son de aquí, excepto algún caso puntual. Incluso traballo con moitas pedras silvestres, que non son cultivo de canteira.