Lola Saltatore: "Quedei prendada desta música e tamén do baile"

Tras marchar de Lugo uns anos, retornou hai case unha década para montar unha escola de danza, teatro e movemento e traer bailes como o swing e o claqué
Lola Saltatore, bailando na Rúa Nova. XESÚS PONTE
photo_camera Lola Saltatore, bailando na Rúa Nova. XESÚS PONTE

ESTA LICENCIADA en Políticas nunca exerceu para o que foi formada. Dedicouse a facer o que sempre lle gustou desde nena: bailar e interpretar. Tras marchar de Lugo uns anos, Lola Saltatore retornou hai case unha década para montar unha escola de danza, teatro e movemento e traer bailes como o swing e o claqué.

O seu nome parece italiano. Naceu vostede nese país?

Non! Son de Lugo de toda a vida. Chámome Lola Fernández Fernández pero formaba parte do grupo de teatro Histriones et Saltatores e de aí vén o nome. As saltatores eran unhas bailarinas da época romana.

Dirixe un estudio de danza, teatro e movemento. Con cal destas tres disciplinas se identifica máis?

Non podo identificarme cunha disciplina en concreto porque, para min, a tres cousas están mesturadas. Concibo o teatro como danza e viceversa. E ambas artes, tanto a danza como o teatro, baséanse na expresividade e no movemento.

Seguro que non hai danza sen teatro nin movemento?

Non, pero con matices. Pode haber danza sen un movemento externo porque a quietude tamén se baila, pero sen un movemento interior (que faga expresarse ao artista) non hai danza.

Cal é a materia pendente da danza hoxe?

Que chegue á xente. Está moi estendida a idea de que para bailar hai que ter unha complexión e unha estética e non é así. Habería que intentar achegar a danza á xente de 70 anos. Esquecémonos de poboación que ten danza dentro e non ten espazo para practicala. Unha materia pendente sería poder chegar a todo o mundo e tamén, como arte, ter máis apoio institucional.

A danza debera estar incluída no sistema educativo?

A danza e o teatro. A expresividade vén de serie nos nenos pero o proceso de socialización corta a parte artística do ser humano e non debera ser así.

É a única que ensina a bailar swing en Lugo. De onde lle veu a súa afección por este tipo de música?

Descubrino en Oporto. Vin unha xente bailando swing xunto á ponte, hai nove anos, e pregunteilles onde se aprendía porque quedei prendada da música e do baile. Desde aquela, pasei un tempo indo a clases particulares a Oporto as fins de semana. E a raíz diso fundouse o grupo Swing Jazz Lugo e ensinei xa a bailar swing a unhas 80 persoas.

Que ten o swing que non teñan outros ritmos?

O swing expresa a ledicia da música. É unha música que te fai bailar ou mover o corpo en canto a escoitas. Unha música que te leva, con moito instrumento.

Swing, claqué… séntese vostede como se fose unha Ginger Rogers do século XXI?

Non! A verdade é que o swing recuperouse na década dos pasados 80 e actualizouse. Xa non é o mesmo que bailaban Ginger Rogers e Fred Astaire.

É unha artista multidisciplinar?

Si, se cadra, porque aúno danza e teatro, nas artes escénicas, pero non domino nin as artes visuais, nin as plásticas e encantaríame dominalas! Se non xestionase unha academia de danza, a que se dedicaría? Sería policía científica! Sempre me chamou ser investigadora policial e fascíname a novela negra. Quizais fose criminóloga.

Comentarios