martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Lois Oreiro: "Na economía da atención, aburrirse está terminantemente prohibido"

Lois Oreiro. AEP
Lois Oreiro. AEP
O xornalista da TVG presenta este martes en Lugo o seu ensaio sobre a espiritualidade tecnolóxica

A libraría Trama acolle este martes, ás 19.00 horas, a presentación do ensaio Os mundos de agora, do xornalista e escritor Lois Oreiro, que estará acompañado pola directora de comunicación de Red.es, Susana Pardiñas.

Estou a falar con Lois Oreiro ou cun deses ciborgs ou replicantes sobre os que alerta en Os mundos de agora e que se supón que van traballar por nós?
Iso é o que nos di Mark Zuckerberg para fuxir das denuncias moi serias que ten por parte dunha exdirectiva de Facebook, denuncia que é calcada das que cito no libro doutros exdirectivos: que para estas empresas son máis rendibles as mensaxes de odio e que todas elas non son outra cousa que empresas de publicidade. O seu obxectivo non é achegar ás persoas, como din, senón gañar diñeiro coa publicidade. E usan unha tecnoloxía absolutamente irresistible para calquera de nós, son técnicas das que non escaparía nin Buda volto nacer.

No libro non só reflexiona sobre os datos e o tempo que estamos a regalar ás multinacionais dixitais, senón mesmo sobre o risco que supoñen para a liberdade de pensamento.
Si, falo en diferentes capítulos de cousas como a nosa relación coa morte dentro deste novo paradigma dixitalizante, ou do sexo, a vontade, o concepto do tempo ou o papel das institucións políticas. Mentres vivimos rodeados de mensaxes, cos que estou substancialmente de acordo, sobre cambiar o modelo económico por un máis sustentable ou a necesidade de dixitalizarse o problema é que a estas empresas que controlan a dixitalización non se lles pon ningún tipo de límite. Estamos a falar da economía da atención liderada dunha maneira exclusiva por un grupo reducidísimo de grandes tecnolóxicas.

Falamos dun dos oligopolios máis reducidos que existiron nunca en ningún sector, nin sequera no enerxético ou o financeiro.
Nunca. E ademais creceron na lei da selva. Non é certo que haxa un mercado dixital, porque o mercado implica intercambio, trato, negociación; pero aquí non, elas móvense pola lei de "o gañador lévao todo". Non había nada que regulase internet, como non hai nada agora que regule a intelixencia artificial que se está a desenvolver. Ese baleiro legal permítelles facer todo. Mentres, temos aos políticos de toda cor dicindo que hai que dixitalizarse e innovar. Sen dúbida, pero oia: que estamos a falar dunha tecnoloxía invasiva en termos absolutamente demenciais. Poden inducir pensamentos, xa existe esa tecnoloxía para navegar pola web ou manexar o móbil coa mente a través de implantes.

"As bigtechs creceron na lei da selva, sen nada que regulase internet, como non hai nada agora para a intelixencia artificial"

Pois parece que eses políticos están moito máis preocupados de que ditas multinacionais paguen impostos, de coller a súa parte do pastel, que de regular os seus comportamentos.
Claro, e nin sequera conseguen cobrarlles. Non se centran no principial, que é regular en base aos consellos dos especialistas. Hai que regular os implantes e hai que regular a intelixencia artificial. A gran mensaxe de Os mundos de agora é que isto, que o abarca todo, desde o sexo á política ou ao comercio, hai que regulalo dun modo no que non estea en cuestión a túa economía, as túas institucións democráticas ou a túa privacidade. Estamos na economía da atención, e o que explotan son o noso datos que conseguen a través da atención, do tempo que pasamos na rede. Nesta economía está terminantemente prohibido aburrirse, é algo tabú; en cambio, é cando te aburres cando podes pensar, imaxinar, inventar, escribir, ler... Pero iso agora está prohibido, sempre hai un contido que che mantén a atención. A atención defínenos e agora está gobernada, empúxanos a pensamentos inducidos. E estamos aínda nun momento suave, na dixitalización branda, que en canto empecen a implantarnos os Lois Oreiro As bigtechs creceron na lei da selva, sen nada que regulase internet, como non hai nada agora para a intelixencia artificial» sensores ou a controlar toda a nosa casa... é un delirio que nos digan que non podemos ver o mundo co noso propio corpo e que é mellor velo desde a casa cheo de sensores e cunhas lentes 3D. É grotesco.

Queda espazo para pensar con optimismo nos mundos de despois?
Si, estamos a tempo. A dixitalización é unha bendición. Aínda que hai agora un silencio que me lembra bastante á Alemaña nazi, todo o mundo aplaudindo barbaridades acientíficas; cos transhumanismos fálannos de seres superiores evolucionados, mesmo nos ofrecen a inmortalidade nunha especie de paraíso de silicio. Pero o singular humano, os grandes inventos, non veñen de aí. A intelixencia artificial é incapaz de algo esencial, que pecha toda discusión: amar. Nin tampouco de inventar, é unha capacidade exclusiva dos humanos, que nos converteu en animais únicos. Ademais, estamos no lado bo do mundo, na Unión Europea. As leis dixitais que se están aprobando por Bruxelas son unha absoluta marabilla respecto a isto, ata os EE.UU. empezan a imitarnos, como cando citaron ao Congreso ás seis big-techs para ver se había que obrigalas a partirse, como fixeron con Microsoft ou con IBM. Para facer negocios na UE terán que respectar os nosos valores. Pero, sobre todo, non podemos renunciar á condición de seres humanos a cambio dunhas lentes 3D para ver a vida desde un apartamento. Non pode ser nin vai ser, porque os grandes cambios da humanidade chegaron por esa singularidade humana, do mesmo modo que as grandes revolucións viñeron por algo que empeza a pasar: a acumulación da riqueza cada vez en menos mans.

Lois Oreiro: "Na economía da atención, aburrirse está...
Comentarios