Baamonde: "O localismo non o vexo mal pero é como o colesterol, hai malo e bo"

Este vilalbés, profesor de Filosofía, ensaísta e "divagador", presenta mañá en Lugo Unha nova Olanda, na que imaxina Galicia, e o norte de Portugal, como unha grande urbe de sete cidades unidas por un tren áxil, que se desenvolva como foco de investimentos
Antón Baamonde. EP
photo_camera Antón Baamonde. EP

Unha nova olanda destacou como un dos mellores ensaios de economía industrial publicados en 2022. Antón Baamonde (Vilalba, 1959) preséntao mañá, ás 19.00 horas en O Vello Cárcere, no que promete converterse nun debate non só sobre a integración interurbana galega senón tamén sobre a unión simbiótica con Portugal.

A tese que defende no seu libro parte de que Galicia debe pensarse a si mesma como unha soa cidade, superando os localismos. Non parece fácil romper con séculos de consolidación da Galicia dos marcos e as leiras.
No libro comezo dando uns apuntamentos dos procesos de urbanización mundial. En 2008, máis da metade da poboación do mundo pasou a ser urbana. Ese é o proceso que se viviu no século XX e que seguirá vivíndose no XXI. Non se trata xa de que se crean cidades, senón megaurbes, con millóns de habitantes na súa contorna. Fago ese apuntamento para enmarcar a situación de Galicia: é un territorio que está a perder poboación, un problema demográfico con transfondo económico, non hai postos de traballo apetecibles e os mozos formados emigran. É un país que, a pesar de ter certa riqueza e ser urbano, está nunha curva de descenso. Ao final, do que se trata é de que a economía sexa potente, e unha posible oportunidade de crecemento económico é aproveitar a trama urbana de Galicia das sete cidades, un modelo policéntrico urbano que non se parece ao da España centralista con organización radial, senón que se parece máis ao modelo holandés: un armazón de cidades ben comunicadas, sobre todo por tren. Doutra banda, a economía galega é moi aberta e cun peso do sector primario moi pequeno. Se quere competir ten que pensar as cousas a outra escala. Por exemplo, como fan os portugueses, que teñen toda a política de Estado dirixida a iso.

Xorde aí outra das bases das súas propostas, aproveitar as sinerxias co norte de Portugal.
Si. Se colles o mapa da Península, ves que a poboación está no centro e nos eixos costeiros, particularmente no Mediterráneo. Todo ao redor de Madrid e a súa contorna é un deserto demográfico. Pero do eixo atlántico fálase menos que do mediterráneo, desta continuidade sociolóxica, económica e demográfica. Moitas empresas de Vigo están realmente situadas no norte de Portugal e Portugal é o principal investidor estranxeiro en Galicia. Hai que dar continuidade urbana desde Ferrol ata Porto porque, de feito, as relacións son xa enormes. Hai que requerir de quen corresponde, do Estado, os investimentos correspondentes para logralo.

Como imos esixir os galegos esa mirada e ese investimento ao Estado, cando parece que nós non estamos a ter esa ollada? Cre que os investimentos da Xunta van cara a ese eixo atlántico?
Rueda reuniuse co primeiro ministro portugués, pero non está moito na axenda política. Hai unha obriga de todas as forzas de incorporar esa mirada e de que se fomente a lóxica de comprensión entre as cidades. A min o localismo non me parece mal, pero é como o colesterol: haino malo e bo. É malo cando se basa en botarlle a culpa de todo ao outro, pero é natural que queiras que o sitio onde vives vaia ben.

Falando de colesterol bo, e regresando ao modelo holandés, dicía vostede que o sistema circulatorio que levaba ese colesterol entre todas as cidades é o tren. Como facelo en Galicia?
Exactamente. Esta é unha das partes máis importantes desta concepción da cidade única: crear unha rede de ferrocarril que conecte as cidades. A idea é que todas as cidades estean conectadas en máis ou menos media hora.

Canto podería xerar economicamente esta opción que expón?
Non é fácil. É moito máis fácil saber os datos existentes, que son negativos: nos últimos anos houbo un descenso do PIB en Galicia e un descenso da poboación. O que debemos preguntarnos é se queremos evitar seguir costa abaixo. Eu expoño esta idea como unha posibilidade de crecemento económico. Hai industrias galegas que están a medrar e que son moi competitivas e a maior parte da súa produción expórtana ao exterior. Esas empresas poderían cohesionar un distrito industrial dentro da nova lóxica de bloques mundial. Está claro que a globalización vaise matizar e moitas áreas de produción van volver a relocalizarse, o que podería dar unha oportunidade a esa área urbana e económica. O libro é tamén moito de protesta, pola falta de acción de Galicia en relación con todo isto. Hai un baleiro intelectual ao redor da idea de Galicia. O Goberno non é nada proactivo e Galicia ten un potencial maior do que se cre.

Comentarios