Literatura que dá arrepíos

A biblioteca do María Auxiliadora convértese nos recreos en escenario de contos de medo

Asistentes ao ciclo de contos de medo na biblioteca do María Auxiliadora. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Asistentes ao ciclo de contos de medo na biblioteca do María Auxiliadora. VICTORIA RODRÍGUEZ

Ás once empeza o recreo da ESO no colexio María Auxiliadora. Na biblioteca apáganse as luces e esténdese a penumbra, alimentada por pequenas candeas que tremelucen nos rincóns. Dos estantes colgan arañeiras de papel e soa un bruído desacougante de orixe indefinida. Dúas figuras cubertas por longas túnicas negras que rematan nun pináculo toman asento, separadas por unha pequena mesa onde brilan pequenas pingas de luz. A porta ábrese continuamente e van entrando sombras, que acaban sentadas no chao para prestar ouvidos ao que está a contar un dos capirotes: "Il y a bien longtemps dans une lointaine contrée, vivait un couple de braves fermiers qui étaient très pauvres". De vez en cando dálle a réplica a voz do outro: "Hace mucho tiempo en una tierra lejana vivía una pareja de valientes granjeros que eran muy pobres". Así, a turnos, cunha cadencia pausada e unha entonación por veces aterradora, van desenvolvendo o fío do conto de Emma Tarlett L'elephant qui avait peur du noir e que está no o ciclo Contos de medo que organiza o equipo da biblioteca.

O programa é iniciativa de Begoña Rodríguez, Yesenia Reigosa, Jesús Ramilo y Cris Iglesias, o grupo de docentes que se encarga da biblioteca, aínda que contan coa colaboración doutros profesores para poñelo en marcha. Marta Borrajo e Loli Neira fixeron tamén unha adaptación bilingüe do relato de Edgar Allan Poe The oval protrait. María Freire escolleu na seguinte quenda un par de historias de As mans do medo, o libro máis terrorífico de Xosé Miranda e Brigitte Andrade e Miguel Mouriz fixeron a lectura, tamén bilingüe de O elefante que tiña medo da escuridade.

Os últimos chanzos desta espiral de medo serán a lectura por parte dun alumno de terceiro dun relato propio e, na última sesión, varias curtas que se pasarán no salón do colexio e para cuxa asistencia hai que levar linterna.

O ciclo está pensado para todos os cursos de Ensino Secundario Obrigatorio, pero a asistencia é voluntaria, proponse como unha opción máis á hora do recreo. Ademais dun contido lúdico evidente, a iniciativa ten fins didácticos: "Búscase que aprecien o ciclo literario do conto e tamén motivar a súa afección cara a lectura e as linguas", explican os membros do equipo da biblioteca. Ademais, a narración oral "facilita o achegamento de nenos con máis dificultades de aprendizaxe", o que contribúe a unha perspectiva integradora e e inclusiva do servizo da biblioteca.

"A mí me gusta, es algo original y se pasa bien", dice Uxía Mouriz, unha das asistentes á sesión bilingüe en francés e castelán. Da mesma opinión son outras compañeiras, como Eva e Claudia, que sinalan que a "ambientación está moi guai".

O ciclo inclúe outras iniciativas relacionadas co xénero, como a realización de marcapáxinas alusivos para o Día do Libro, a exposición de obras e reseñas de literatura de medo e a "Tacita literaria", unha caixiña chea de citas literarias que os usuarios da biblioteca escollen ao chou e que lles abre a porta á obra de moitos autores descoñecidos.

Comentarios