Leilía: "O panorama galego cambiou en 30 anos e en parte é grazas a nós"

Actúan ás 21.00 horas do xoves na Horta do Seminario ► Tamén o fan o día 9 en Augas Férreas
Leilía. EP
photo_camera Leilía. EP

FALAR de Leilía é falar de palabras maiores. Son 31 anos xa desde que comezou a andar esta referencia absoluta dentro da música tradicional galega e, como conta Ana Rodríguez, unha das súas fundadoras, o panorama galego cambiou profundamente dende aquel 1989 no que se iniciou a súa carreira.

Pasaron 30 anos e están coma o primeiro día.
Xa che digo eu que igual que o primeiro día non (ri). Pero á marxe das enrugas, sí é certo que somos conscientes de como cambiou o panorama musical galego, e en parte foi grazas á aportación de Leilía. Hai 31 anos non había ningún grupo de pandereteiras e nós fomos as primeiras en reivindicar o papel da muller na tradición oral galega. Os gaiteiros recoñécense diretamente coa música galega, pero o gaiteiro era un músico ao que lle pagaban nas festas patronais. As festas de diario, que se facían nas aldeas no serán ou os domingos, eran comandadas polas mulleres. As mulleres non se podían desprazar dunhas aldeas ás outras e tiñan que ser o reclamo na súa para que acudiran os mozos e poder socializar.

Hai unha evolución importante ao longo destas tres décadas, dende un traballo de recompilación ata a introdución de instrumentos que non se contemplaban na música tradicional.
Ao principio o que fixemos foi reflectir dunha maneira fiel o que nós escoitabamos delas. Os tonos, as coplas... todo. Respectábase todo. De feito, o noso primeiro disco é un traballo practicamente etnográfico porque é un reflexo do que se facía nas diferentes aldeas.

Esa evolución vai cos propios tempos, coa súa concepción da música ou por unha necesidade máis persoal?
Eu creo que é un compendio desas tres cousas que mencionas. A nós custounos moito dar ese salto ao principio. Introducimos máis instrumentos coma ponte entre o pasado ao que nos sentimos ligadas e o presente. Suso de Toro díxonos unha vez que sendo fillas desta terra tamén eramos fillas deste tempo. E esta afirmación abriunos a opción de evolucionar cara o presente, desde o primeiro disco (Leilía, 1989) ata agora, que andamos a voltas con este último traballo.

Cantarelas?
Cantarelas é un espectáculo, aínda que haberá un DVD cunha gravación que se fixo en decembro en Compostela. Cantarelas nace como unha recompilación que se fixo polo 30 aniversario de Leilía. Foi unha viaxe musical na que se ven os distintos estadíos polos que pasamos.

Enton vén outro traballo en camiño...
Este ano trastocounos un pouco a todos. Temos temas mirados desde 2018, temas gravados, outros aínda ensaiándose... Pero con todo este asunto houbo unha parada técnica tremenda.

Chámanlle a nova normalidade.
De normalidade ten o xusto. Hai que adaptarse e imos con retraso, pero ímoslle dando. O que si me gustaría recalcar é o papel que están facendo os concellos nestes momentos complicados de apostar polas distintas manifestacións da cultura. Se a seguridade, que é o importante, se pode garantir, é necesario manter a vida cultural.

Din que o panorama non é o mesmo que cando empezaron.
Entendo que o cambio foi para ben. Si. Aínda que o boom dos anos 90 non creo que se volva dar. Foron os anos dourados da música folk, sendo certo que moitos estaban máis baseados en Irlanda que en Galicia. Pero o panorama variou para ben. Sempre conto a anécdota de que cando tiña 16 anos e ía ao instituto, levaba a pandeireta envolta na roupa de deporte porque que sonara era como «de onde sairía esta rapaza». E agora, desde hai xa varios anos, escoitas pola rúa as nenas, os mozos, as mulleres, que van coas súas pandeiretas nesas fundas marabillosas facendo "clin, clin"... case me estou emocionando.

Comentarios