domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Lara Méndez: "Estamos coordinados e a facer un bo traballo nestes cen días que levamos"

A alcaldesa, durante o encontro con xornalistas de El Progreso. XESÚS PONTE
A alcaldesa, durante o encontro con xornalistas de El Progreso. XESÚS PONTE
A alcaldesa de Lugo afronta o segundo mandato, este coa estabilidade que dá un goberno en maioría co BNG

Vimos de dous procesos electorais, de repente hai un terceiro, no horizonte están as autonómicas. Que análise fai desta situación de anormalidade?
Nunca é positiva. Cando non hai gobernos conformados, directa ou indirectamente todos nos vemos afectados. No caso das administracións locais non é tanto como nas autonómicas, pero a falta de presupostos estatais tamén lle afecta á cidade. Falta cultura de pactos. Quizais nas administracións locais, como está establecido que hai que conformar gobernos, está máis arraigada.

Levamos varios meses de interinidade. Como lle afecta á cidade?
As transferencias veñen porque están establecidas, pero hai cambios normativos sobre os que habería disposición por parte do presidente que non se levan a cabo, como a modificación da regra de gasto, das taxas de reposición..., que tanto dano nos fixeron aos concellos, sobre todo no noso caso, que temos as contas saneadas. Tamén se poden ralentizar proxectos europeos, xa que ás veces as directrices márcanas os ministerios, pode haber retrasos en adxudicar.

Debería ter feito un maior esforzo negociador Pedro Sánchez? Vostede, tras catro anos en minoría, viu claro que debía facer concesións en beneficio da cidade.
Eu quixen facer goberno xa no anterior mandato, intentámolo por distintas vías, nun partido [BNG] había cerrazón e con outro [Lugonovo] estivemos a piques dúas veces. Tiña claro que sen orzamentos non había capacidade de investir. Agora houbo posibilidade de chegar a acordo e de acadar a maioría necesaria e iso tradúcese en estabilidade.

Ten máis cintura ca Sánchez...
Non se trata diso. O presidente fixo esforzos para chegar a acordos, ata cinco propostas, pero hai que ter seriedade. Non pode ser que o que un día é unha tomadura de pelo, tres días máis tarde sexa o que se propón.

Lara Méndez advirte que será combativa cando as outras administracións non cumpran

Está o PSOE lucense preparado para esta nova contenda, despois das tensións dos últimos meses?
Sempre está preparado. O partido ten 140 anos e xa viviu case de todo. As tensións foron as lóxicas de todo procedemento de renovación. Pero sabemos antepoñer os intereses do partido aos persoais.

Agora vostede está á fronte dun goberno con maioría. Como encara esta nova etapa. Vai poder sacar adiante proxectos que non puido materializar antes?
Xa estamos sacándoos. Esta semana aprobamos crédito para varias actuacións (o repintado da cidade, a peonalización de Quiroga Ballesteros...) que xa levara no orzamento de 2019, que non saíu porque só o PSOE votou a favor.

Sentiu certa frustración?
Non é a palabra, porque eu puxen todo o que tiña a disposición, incluso o meu cargo, para ter orzamentos. Utilicei todas as vías que nos pon a disposición a administración, pero non se acadaron os obxectivos. Se en vez de ter dous orzamentos tiveramos catro, a capacidade de investimento sería maior, como imos ter agora. E logo, somos un equipo de trece concelleiros, cando antes eramos oito, sendo xenerosos. Aínda así, conseguimos 22 millóns de euros de fondos europeos e preparamos proxectos que se van empezar a visualizar en breve, como a pasarela da N-VI, ou o paso soterrado e as caldas, para os que estamos esperando permisos. Hai un modelo de cidade e un traballo feito.

Séntese máis cómoda agora.
Totalmente. Antes había cinco interlocutores e non chegaba con un para aprobar un proxecto, tiñas que estar buscando apoios e nalgún caso tamén negociar a abstención doutros grupos.

Agora estou más cómoda que antes, porque había ata cinco interlocutores e era moi difícil chegar a un acordo

Cales serán as súas liñas de acción para os vindeiros catro anos? Que proxectos contempla para Lugo?
Temos as bases sentadas para levar a cabo tres grandes liñas de acción. Por un lado, a integración do Miño na cidade e a integración social, cun reequilibrio territorial norte-sur e leste-oeste. A primeira, con actuacións que xa temos iniciadas e que van comezar pronto, como a pasarela sobre a N-VI, a mellora do paso soterrado, a recuperación de camiños, o fomento do patrimonio... E a integración social, tentando fomentar o emprego e a revitalización daqueles barrios máis envellecidos. Tamén queremos facer de Lugo un referente europeo de cidade sostible, e para iso xa temos o xerme, non só co edificio Impulso Verde senón con outras accións que se enmarcan dentro do proxecto Life. E tamén estamos traballando para facer de Lugo unha cidade intelixente. A e-administración vai ser un revulsivo e logo hai outros proxectos, algúns xa iniciados, como o sistema para optimizar a recollida de residuos, a xestión eficiente do alumeado público ou os aparcadoiros intelixentes.

Outro obxectivo é conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade para o casco histórico, pero esta zona está en horas baixas, cun comercio que vai a menos, ao que agora se suma un problema máis se se confirma o peche do aparcadoiro Ánxel Fole. Non pode ser un hándicap?
Non, porque esta é unha realidade tamén doutras cidades. Ao mellor hai que reinventar algún tipo de negocio, aproveitar novos nichos de mercado... E o Concello está contribuíndo a todo iso, co viveiro de empresas a pé de rúa que fixemos na Tinería e con algunha iniciativa nova que estamos preparando. Creo que estamos no mellor momento para optar ao distintivo porque será un revulsivo económico, como xa se demostrou co título da muralla e posteriormente co do Camiño Primitivo e a catedral.

A estación intermodal empeza a ser unha realidade. Que cre que achegará a Lugo e como cre que influirá na mobilidade interna?
Vai achegar moito porque nos vai conectar co resto de Galicia e da Península. Imos mellorar en tempos e en comodidade e iso vai facer de Lugo unha cidade máis competitiva para traballar e para vivir. E é a garantía de que chegue o Ave. Se non nos sumaramos á intermodalidade quedaríamos illados económica e socialmente e quedaríamos fóra da tendencia que marca a Axenda Europea 2020-2030. Respecto á mobilidade interna, os cambios ás veces xeran novas necesidades, e se as hai atenderémolas.

Non podo poñer boa cara cando non hai investimentos na cidade ou nos ningunean

Na memoria colectiva hai dous modelos de bipartito, o de Orozco e Branca Rodríguez Pazos, sobre o que se di que o PSOE o rendibilizou electoralmente, e o de Quintana- Touriño, que algúns chamaban bigoberno por ir separados. Cal vai ser o seu? Como está funcionando? Terá que haber coordinación...
Non é que terá, é que a hai. A relación é constante cos compañeiros. Eu son partidaria de traballar de forma transversal, e nin a administración nin os administrados entenden que non sexa así, que haxa departamentos estancos. Eu mesmo teño relación diaria con Rubén Arroxo [primeiro tenente de alcalde, do BNG]. Creo que estamos facendo un bo traballo nos case xa cen días que levamos. Estamos materializando o orzamento de 2020, acabamos de aprobar unha modificación de crédito de 10,5 millóns para executar diversos proxectos de forma inminente, estamos implementando a e-administración, que vai ser un punto de inflexión. Hai moitas formas de facer políticas de partido sen que interfiran no funcionamento da cidade.

Porén, semella que son máis fáciles as fotos entre o BNG e o PP ca entre os socios [Arroxo e o delegado da Xunta en Lugo compareceron en gran sintonía recentemente].
Non é certo, o que pasa é que hai fotos que ao PP lle interesa visibilizar e outras non. Nós tamén tivemos moitas reunións, xa no anterior mandato, coa Xunta. Tampouco pediamos a foto, porque entendemos que é o noso día a día, forma parte do noso traballo. Cando temos algo que transmitir é cando facemos convocatoria pública. Eu mesma estiven en moitas reunións. Coa directora xeral de Patrimonio reuninme en catro ocasións para darlle unha solución á esquina de San Roque coa Ronda. Estoulle tremendamente agradecida polo traballo e a boa disposición que tivo sempre, pero nunca lle pedín facelo público. Ao mellor tampouco a algún membro do Partido Popular que ten responsabilidades na Xunta lle interesaba que se viran esas fotos. Se hai interese en que se vexan dun lado e non dooutro terá que responder quen fai uso delas.

A cidade leva anos sufrindo enfrontamento institucional. Non cre que sería bo un esforzo, por parte de todos, para que non sexa así? Hai uns días, o alcalde de Pontevedra recoñecía o investimento da Xunta na cidade e valoraba o traballo do seu socio no Concello. Son reflexións que en Lugo parece difícil que se escoiten.
En absoluto. Non é a primeira vez que agradezo os investimentos, o que non podo é poñer boa cara cando non os hai ou cando nos ningunean. Agora hai certos proxectos iniciados que son importantes para a cidade, como o da Residencia, onde se van investir 20 millóns, que benvidos sexan, porque van ser un revulsivo para o barrio. Pero non é menos certo que era un compromiso de Feijóo de 2011 e ata 2019 non se iniciou. Non é normal que un plan concibido para un período de tempo, despois de vinte anos non estea finalizado. Que un proxecto coma o do auditorio, iniciado en 2004 cando Feijóo era conselleiro, non estea rematado. Non é buscar confrontación, é buscar a implicación dunha administración que tiña que estar aportando á cidade e non o está facendo. Despois hai outra realidade: mentres reiteramos ano tras ano os mesmos proxectos inconclusos non somos capaces de xerar novas demandas para as necesidades que ten a cidade.

Estamos preparando algunha iniciativa para o casco histórico, como se fixo na Tinería

Vaiamos á cidade. A vostede tamén lle pasa cando baixa o lixo que o contedor está roto ou cheira?
A ver, aí podemos falar de distintas cuestións. O contrato en vigor está desfasado. As cidades crecen, cada vez queremos máis zonas verdes, humanizamos máis, e estamos traballando intensamente en sacar os novos pregos. E logo está a concienciación, porque moitas veces o contedor está baleiro e hai unha bolsa de lixo ao lado.

Esíxeselles, e con razón, civismo aos veciños e vostedes están envorcados en facer de Lugo un modelo de cidade verde, o que supón cambiar hábitos. A alcaldesa e os seus edís estano facendo xa? Como se despraza ao Concello?
Vou no meu coche e aparco no seminario. Logo, se vou a algunha zona polo centro vou andando. E se vou a outro lugar e moi xusta de tempo, en coche, porque o tempo redunda no desenvolvemento da cidade.

E non é iso contraditorio se defendemos un modelo sostible? Ou é a demostración de que non é tan fácil renunciar ao coche?
Que vaiamos a un modelo de cidade pensada para as persoas é sempre buscando alternativas ao vehículo tradicional. Nunca é unha imposición, sempre complementario. Hai moitas formas de ser respectuoso co medio ambiente, circulando ás velocidades que nos marcan, hai modelos de coches híbridos... Eu son unha persoa que cre e aposta polo medio ambiente, e intento dar exemplo porque para min o socialismo é unha forma de vida, pero o modelo vai máis aló de se eu me desprazo en coche ou non.

"Espero que Besteiro poida decidir se dá un paso adiante"
Está estendida a idea de que Gómez Besteiro volve coller folgos. Comparte esa sensación?
José Ramón é un militante que lamentablemente tivo que dar un paso atrás polo que nos tocou vivir a moitos políticos, sobre todo da provincia, procedementos xudiciais que se alongaron excesivamente. El puxo por riba os intereses do partido aos persoais, que son lícitos. O que pedimos sempre é que a Xustiza actúe con premura. Espero que cando se resolvan todos os procedementos, teña a capacidade de decidir que quere facer, se seguir como militante ou dar un paso adiante e ocupar responsabilidades orgánicas ou institucionais, no que xa demostrou a súa capacidade.

Como é a súa relación con el?
É boa, como a que tiven sempre; máis aló da coincidencia política, sempre tiven relación persoal e directa.

E con Orozco? Recentemente dicía neste xornal que se escoita pouco aos veteranos, certo que poñía máis o foco no partido.
O alcalde Orozco ten unha traxectoria incuestionable. Foi o mellor alcalde que tivo Lugo, fixo unha gran transformación da cidade e ten un coñecemento que sempre é bo telo en conta. Dentro das posibilidades que nos deixa o día a día, a inmediatez que esixe a toma de moitas decisións, falamos. Neste momento el está exercendo de xubilado e de avó, moi merecidas as dúas vertentes. Respecto ao tema orgánico, non estou nel máis aló de ter unha representación na executiva. Pero, ao principio sobre todo, mantivemos relación cos compañeiros.

Tamén di Orozco que ve a cidade un pouco parada.
Bueno, é certo que non é o mesmo ter crédito do que dispoñer de forma anual que o feito de que só houbera dous orzamentos, e ademais co de 2016 había que atender a concluír proxectos iniciados, como os do Urban. Despois conseguimos fondos europeos e co orzamento de 2018 estanse materializando proxectos agora, xa que se aprobou en abril dese ano e só despois se puideron iniciar os procedementos, trámites dos que o alcalde Orozco é coñecedor, como da escaseza de persoal, que viviu tamén en primeira persoa. O non ter sacado ofertas de emprego público agudizou esa situación. En 2010había case 800 traballadores no Concello e a finais de 2018 eran uns 560, e iso nótase moito.

Co persoal pasa que ás veces pódese facer pouco e ás veces moito, como estamos vendo coa Policía Local, con máis actividade agora.
Cunha diferenza: agora hai un xefe de Policía. Se é un corpo xerarquizado e hai unha ausencia na cadea de mandos, evidentemente non hai unha coordinación, ninguén que dirixa ou faga protocolos de actuación. Se ademais son persoas resolutivas, propositivas e con capacidade de traballo nótase no día a día. Igual que algunha incorporación que tivemos, como a do interventor. Estivemos preto dun ano con interventores accidentais e a figura dun habilitado nacional nótase moito.

Cando a xente a para pola rúa con problemas entende iso de non temos persoal? Que lle di?
A xente cando lle dás unha explicación é moito máis sensata do que pode parecer. Adoita ser bastante comprensiva, máis aló de que o que quere é a solución, e nós estamos sempre niso.

 

Plano persoaL: "Viaxei moito grazas ao baile e téñolle ganas a Nova York"
Cantos días á semana come coa familia?
Pola semana nunca, e as fins de semana moitas veces tampouco. A miúdo como algo rápido no Concello, en ocasións co equipo, para traballar.

Así a conciliación é difícil.
É complicada, niso si que non damos exemplo.

Que afeccións ten?
As mesmas que tiña, pero por falta de tempo xa non practico ningunha. O cine, o baile rexional, a lectura por pracer e non por traballo, viaxar...

Que viaxe ten pendente?
Por sorte visitei moitos lugares, moitos grazas ao baile por certo. Téñolle moitas ganas a Nova York.

Un grupo do Caudal Fest?
A min gústame Marea.

Díganos un recuncho de Lugo que lle guste especialmente.
O campus, as prazas de Pío XII, O Cantiño e A Milagrosa, os parques do Miño e do Rato...

E un referente político, do pasado e do presente?
Moitos tamén... Manolo Rodríguez (socialista de Cervo), Melchor Roel, José Ramón [Gómez Besteiro], o meu querido alcalde Orozco...

Como lle gustaría que fose recordada?
Como unha boa persoa que contribuíu a facer unha cidade mellor.

Lara Méndez: "Estamos coordinados e a facer un bo traballo nestes...
Comentarios