domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

Lara Méndez: "Son máis ‘tradi’ que rockeira"

Lara Méndez. SEBAS SENANDE
Lara Méndez. SEBAS SENANDE
O Domingo das Mozas é para Lara Méndez un dos días máis bonitos do San Froilán e do ano: "Poño o traxe tradicional e bailo nas foliadas. A ofrenda a Rosalía ten un valor especial para min, como muller, polo que supón de reivindicación feminista e de defensa da igualdade"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agarda a chegada do San Froilán como unha lucense máis, coa ilusión de que os compromisos  institucionais lle deixen un oco para gozar das festas coa familia e asistir a algún concerto. O Domingo das Mozas é a súa xornada festiva preferida, polo que ten de reivindicación feminista e pola súa afección á música e o baile tradicional. 

Resúltalle complicado compaxinar a súa axenda diaria cos compromisos sociais e festivos propios das festas patronais de Lugo? 
Todos os lucenses temos as festas de San Froilán tan interiorizadas na nosa axenda e na nosa vida que tachar de complicadas estas datas, por mor do traballo, sería inxusto. Eu falaría máis ben duns días intensos, nos que participas das festas nalgún acto institucional e coa familia. Terei que facer algún cambio nas miñas costumes, xa que o día do patrón vereime obrigada a renunciar á comida familiar porque coincide co Día de Ferrol e recibimos á corporación desa cidade. Digamos que estas datas son unha mestura indescriptible, pero entrañable, de traballo e de ledicia. Tamén é moi agradable ver como veciños e visitantes  enchen as rúas da cidade.


Pódese dicir que o Domingo das Mozas é o día máis especial das festas para vostede? 
Para min é un dos días máis bonitos do San Froilán e do ano. O ambiente festivo é impresionante e a xente interactúa cos grupos folclóricos e asiste con interés no desfile de exaltación do traxe tradicional. Ves como moitas persoas, teñan ou non coñecementos ou afección ao folclore, se deixan levar por esa alegría festeira que convida a bailar. A ofrenda a Rosalía de Castro no parque é outro dos referentes da programación. Para min ten un valor especial, como muller, polo que supón de reivindicación feminista e de defensa da igualdade. Hai que seguir pelexando por esas xustas aspiracións polas que xa loitou Rosalía no seu día. 

Tamén gosta de vestir o traxe tradicional galego... 
E non perdo a oportunidade para bailar, con traxe ou sen traxe. O Centrad, primeiro, e agora Traxandaina, cédennos os traxes que levamos no desfile e no acto da ofrenda. Unha vez rematada a parte máis institucional quito o traxe, para non estragalo, pero despois participo na foliada que segue na rúa, xa vestida en vaqueiros e con tenis.

É vostede máis ‘tradi’ que rockeira? 
Si. Gústame a música e o baile tradicional, aínda que é certo que agradezo quitar o traxe, que pode pesar ao redor de dez quilos. Cando vas perdendo o costume de bailar e a medida que vas cumprindo anos, non te moves coa mesma soltura, sobre todo para virar esas saias pesadas e con tanto voo. 

Cre que o San Froilán segue a manter esa raigame popular e rural que sempre o caracterizou?
A festa serve para poñer en valor a nosa tradición e a nosa esencia. Non hai que esquecer que Lugo ten un notable compoñente rural, xa que conta con 54 parroquias. O desfile de gando, que este ano coincide co día do patrón, simboliza o peso que tiveron as feiras nas orixes do San Froilán. A xente viña á feira, máis que de festa, aínda que fixese un alto para comer e divertirse. Con este acto queremos facer unha chiscadela a un concello eminentemente rural e tratamos que siga vixente unha tradición arraigada entre os lucenses e que as festas sirvan de elemento integrador. Lugo segue a ter un importante sector primario e desde o goberno municipal queremos potencialo e poñelo en valor como fonte de ingresos e de desenvolvemento para a nosa cidade. Hai sectores, como o forestal, cun elevado potencial de crecemento. Os proxectos que pretendemos desenvolver na cidade dade, como o barrio sustentable, pode contribuír á promoción das industrias de segunda e terceira transformación da madeira que actúen como fonte de actividade económica e de xeración de emprego. 

Un ano máis volverá atoparse cos Pelúdez, que ademais serán os pregoeiros do San Froilán. Como cualificaría o papel destes históricos  festeiros?
Os Pelúdez teñen xa experiencia como pregoeiros. Xa leron o pregón antes. Deben ser os únicos que repiten e merécenno. O feito de que a comisión de festas os elixise para este labor é un acerto. Non se pode falar de Lugo e do San Froilán sen referirse a esta familia, que constitúe un dos nosos grandes símbolos festivos. Os Pelúdez son os personaxes máis axeitados para convidarnos a espremer ao máximo estas datas festivas. 

Cales son os mellores recordos que garda vostede das súas experiencias durante as festas de San Froilán?
Encantábanme as atraccións cando era nena. Montábame en todos os cachivaches nos que me deixaban os meus pais. Era moi ousada, algo que se che vai quitando coa idade. Tamén asocio sempre o San Froilán con aqueles bastóns xigantes cheos de caramelos. Conseguilos era todo un logro e voltaba á casa encantada. Ver eses bastóns colgados nos postos do feiral, nun tempo no que escaseaban as tendas de  gominolas, impresionaba. Era difícil ver tantos caramelos xuntos. Xa de moza gustábame ir aos concertos. Unha zona que me encanta para escoitar música é a  Praza de Santa María. Trátase dun espazo espectacular por se mesmo, pero tamén polas súas dimensións, para este tipo de actuacións, pola sensación de proximidade entre o artista e o público. Comer o polbo era outra cita obrigada, como o é para o resto dos lucenses.

Que concerto lle chama máis a atención este ano? 
Teño un especial interese en ver a actuación de Los Enemigos, así como á cantante de fado Dulce Pontes. Fóra destas preferencias, tratarei de acudir a outros concertos, na medida do posible.

San Froilán, Arde Lucus... Pode converterse o Caudal Fest no terceiro alicerce de promoción da cidade?
O San Froilán e o Arde Lucus son os mellores escaparates da historia, o patrimonio, a gastronomía e a cultura de Lugo. Estas dúas festas son unha oportunidade inmellorable para poñer a cidade no punto de mira dos turistas nacionais e internacionais. O Arde Lucus, con 18 anos de vida, acadou unha notable proxección fóra de España. O Caudal Fest, aínda que só se celebraron dúas edicións, é por dereito propio o terceiro reclamo lúdico e  turístico da cidade. Á vista do crecemento experimentado polo festival nesta segunda edición, ninguén discute que é a outra cita imprencindible. Xunto co seu interese musical, tamén pon en valor o cinto verde das ribeiras do Miño. A consolidación deste evento permítenos ir pensando nunha cuarta convocatoria para que a xente acuda a Lugo. Temos as feiras e festas, un evento de  recreación histórica e un festival. Agora xa nos plantexamos outro gran reclamo, se cadra nunha estación do ano distinta á que se celebran as anteriores convocatorias, con fin de contar cunha oferta forte para que a xente veña a visitarnos e poña na súa axenda Lugo como destino. Tamén hai que aproveitar estas festas para que invitar aos visitantes para que coñezan a contorna da cidade.

Lara Méndez: "Son máis ‘tradi’ que rockeira"
Comentarios