Lara Méndez: "O Plan Reactiva comezará a pagarse a vindeira semana"

Procederase ao pago de 1 millón de euros aos 783 negocios beneficiarios desta iniciativa
Lara Méndez. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez. XESÚS PONTE

Lara Méndez anunciou esta mañá de xoves que as listas definitivas dos adxudicatarios e excluídos no Plan Reactiva acaban de ser aprobadas e se publicarán nas próximas horas, tanto na páxina web como no taboleiro electrónico do Concello

“O plan Reactiva comezará a pagarse a vindeira semana”. Así o afirmou a alcaldesa de Lugo, impulsora da iniciativa coa que o Concello de Lugo "quere seguir apoiando aos sectores da cidade máis afectados polas restricións que impuxo a crise sanitaria e que supuxeron o peche temporal, total ou parcial, de moitos negocios e establecementos".

O balance destas achegas directas, as segundas habilitadas -xunto ao Plan Reanima- polo Goberno de Lara Méndez para dotar de liquidez ao tecido produtivo local dende que comezou a pandemia, “é -segundo sinalou a alcaldesa- altamente positivo, en tanto, en só mes e medio, se adxudicaron 1.020.000 € a 783 negocios estimados inicialmente de forma favorable”.

“Deles darase conta agora a área de Tesourería para que, nos próximos días, inicie o pagamento das mesmas e, de ter contraídas estas persoas algunha débeda co Concello, procederase á súa compensación que se verá reflectida na cantidade final que perciban”.

“Agora, as persoas excluídas dispoñen do prazo dun mes para presentar o correspondente recurso de reposición”

En total, o Plan Reactiva recibiu 900 solicitudes, das que 117 foron desestimadas. Aproximadamente a metade das mesmas foron rexeitadas por manter débedas tributarias coa Administración Local. Tampouco se tiveron en conta as que entraron polo Rexistro Xeral, ao redor dunha ducia.

“Agora, as persoas excluídas dispoñen do prazo dun mes para presentar o correspondente recurso de reposición que será estudado polos servizos municipais para determinar a súa procedencia e posible estimación”.

Lara Méndez lembrou que o Plan Reactiva ten a vocación de inxectar capital a aquelas actividades económicas consideradas máis prexudicadas pola covid-19, tomando como base a normativa autonómica relativa ás medidas de prevención e restrición polas que se viron afectadas “para, deste xeito, contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”.

PROCEDEMENTO. “Das 783 axudas concedidas, 412 se corresponden coa Liña A e 371 coa Liña B, outorgándose a un total de 540 autónomos (690.500 €) e a 243 empresas (329.500 €)”, referiu a alcaldesa.

“A todas estas persoas o Concello lles enviará agora unha comunicación notificándolles a resolución ao tempo que poden consultala, tamén, na páxina web e no taboleiro electrónico do Concello, a través do número de expediente que lles foi asignado cando a cursaron xa que nel figura a data e a hora exacta na que se tramitou. Unha información moi valiosa que nos permite visualizar e ratificar o que xa dixemos no seu día: que a Plataforma telemática funcionou de maneira continuada e con fluídez e que as caídas puntuais da rede se deberon á cantidade de peticións recibidas e se solucionaron de manera inmediata”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez recordou, alén, que a asignación económica coa que contou o Plan Reactiva equivale ao 1% do Orzamento Municipal para este 2021, “como mostra do compromiso que adquirimos coa cidadanía para afrontar a superación da crise económica e social na que está a derivar a pandemia”.

Comentarios