Méndez: "A pesar das dificultades destes catro anos, creo que a cidadanía valorou o traballo feito"

A candidata socialista amosa confianza en chegar a un acordo de goberno co BNG, despois de que o domingo conseguira manter a representación de hai catro anos e os nacionalistas subiran tres concelleiros e se quedaran a só outros tantos do PSOE

Lara Méndez. XESÚS PONTE
photo_camera Lara Méndez, no seu despacho. XESÚS PONTE

Das cidades galegas con gobernos en minoría, Lugo foi a única onde o executivo local mantivo a representación, pero houbo 7.000 lucenses que votaron a Pedro Sánchez e case 4.200 ao PSOE nas europeas que non a votaron a vostede. Séntese cuestionada?

En absoluto. Os cidadáns diferencian moi ben os procesos. Isto vale para as anteriores xerais, se non o BNG non tería representación nas municipais e todos sabíamos que non ía ser así. E con respecto ás europeas, estaban moito máis pluralizadas, ou gañaba a esquerda ou a dereita. A fragmentación da esquerda podía dar un goberno de dereitas, que non foi así. E se temos en conta o comportamento doutras cidades que estiveron na mesma situación de falta de estabilidade, pois non é só que perderan as alcaldías senón que reduciron moito a súa representación. A pesar das dificultades destes catro anos, de ter cinco partidos na oposición constantemente co non polo non, creo que a cidadanía valorou o noso traballo.

En horas baixas, o PP aumentou a representación. Que lle parece?

A ley d’Hondt, porque realmente non gañou nin 300 votos máis.

Lara Méndez será alcaldesa os próximos catro anos?

Eu espero que si.

Pregúntoo porque hai quen, como en 2015, a volve a situar na Deputación. Podería ser alcaldesa e presidenta?

Non, non. Dixen que espero ser alcaldesa porque non depende da miña vontade soa, necesito cando menos un apoio para a investidura. Refírome nestes termos unica e exclusivamente.

Non me sinto cuestionada [polo maior apoio a Sánchez nas europeas], os cidadáns diferencian os procesos

Quen é o seu candidato?

Hai un que xa ten manifestado a súa vontade de selo, que é o actual presidente, e é merecedor desa continuidade porque lle tocou vivir un momento complicado.

Pode repetirse a situación de 2015 e abrirse unha pugna pola presidencia?  Segue sonando Tomé...

Non é a primeira vez que en procesos concorren un , dous, tres... compañeiros. Temos un partido vivo, con moitos efectivos que poden desempeñar calquera cargo. A min ninguén máis me manifestou a súa vontade.

Haberá deputados da súa lista?

Si.

Quen?

Temos que falalo. O lóxico é que siga Álvaro Santos, que xa coñece a institución. Lugo ten que ter representación, como a tiña hai catro anos, antes da dimisión do compañeiro como concelleiro.

Lugo ten que ter representación na Deputación e o lóxico é que siga Álvaro Santos, que xa coñece a institución

Que papel vai ter Álvaro Santos no seu goberno?

 Teremos que ver como conformamos o goberno e despois veremos o papel de cada quen.

Hai quen amosa dúbidas sobre a relación que hai entre vostedes e sobre cales serían as intencións do secretario xeral.

É unha relación estreita de hai anos. É unha persoa cunha gran capacidade de traballo, cunha gran valía, por iso quería que sumara ao proxecto de cidade.

Na campaña escoitouse que a súa candidatura botara de menos algo de máis calor do partido.

Poden ser sensacións. É certo que coincidían moitos procesos electorais, que viñamos de moitas eleccións, o propio Álvaro na súa calidade de secretario provincial tiña que respaldar tamén a outras agrupacións da provincia.

Este martes viuse con Rubén Arroxo. Que se dixeron?

Foi un primeiro encontro. Simplemente, que imos sentarnos. Faremos unha comisión de negociación.

A min tócame falar do Concello de Lugo, do futuro da nosa cidade de Lugo, de que queremos para ela

Vostede estará nela?

Pois ímolo falar cos compañeiros e despois xa imos decidindo.

Non hai, entón, equipo negociador nin data para empezar a falar.

Eu teño a miña idea meridianamente clara, pero antes quero trasladarlla aos compañeiros.

Será unha negociación exclusiva do Concello ou estará condicionada a acordos noutros lugares, como a Deputación?

A min tócame falar do Concello de Lugo. Imos falar do futuro da cidade de Lugo, de que queremos.

En que aspectos programáticos e de organización cre que van ter que traballar máis?

Temos uns programas coincidentes en moitas cuestións. Tanto o PSOE como o BNG traballamos moito no eido dunha cidade verde, de crecemento sostible, de buscar a humanización, o que implica peonalización, seguir traballando no eido da mobilidade... Creo que vai ser fácil chegar a certos acordos.

O BNG é un partido solvente, ten o seu funcionamento asembleario, pero autonomía no día a día

O BNG trasladoulle xa algunha demanda ou condición?

Non. Haberá cuestións que non se desglosen, que irán despois máis puntualizadas nos orzamentos.

Que modelo de goberno lle gustaría e cre que sería útil para Lugo? Concellerías estancas, goberno transversal...

Eu sempre dixen que a transversalidade ten que estar en todos os eidos. Independentemente de que cada concellería, como se fixo tamén ata agora, ten o seu responsable e toma decisións diarias dentro dun acordo marco. Ten que haber esa visión conxunta de cidade e iso creo que o temos.

Nalgunha ocasión, o BNG esixiu capacidade de veto. A que está disposta a ceder?

Non son de liñas vermellas nin de vetos. Hai que sentarse, falar, nunhas cousas estaremos de acordo, noutras non e haberá que buscar puntos intermedios.

Prevé a figura de vicealcalde?

Hai tenencias de alcaldía, primeira, segunda...

Ten que haber transversalidade, aínda que cada concellería toma decisións diarias dentro dun acordo marco

Preocúpalle o modelo asembleario do BNG? Pode dificultar acordos?

O BNG é un partido solvente, de moitos anos, que ocupou distintas responsabilidades na oposición e no goberno. Teñen o seu funcionamento, dentro do acordo ao que poden chegar na asemblea, pero despois teñen autonomía no día a día, xa o teñen demostrado. Se non sería inviable.

A xestión dos recursos humanos dará a medida do éxito político e de xestión dos próximos anos. Ademais de escaseza hai moita conflitividade, se a área de persoal segue en mans do PSOE, como a afrontará? Manterá a dirección xeral? Dará marcha atrás á RPT?

Serán cuestións que teremos que falar. Cando creei a dirección xeral fíxeno porque cría que era necesaria pola falta de cadros técnicos e para apoiar o propio servizo de Persoal. Sobre a RPT, como hai novos interlocutores [houbo eleccións sindicais e agora na mesa de negociación son maioría os sindicatos que rexeitan o documento], escoitarémolos e en función diso... Xa temos un informe que sinala aquelas cuestións que non son viables técnico e legalmente e haberá que revisalas.

A Policía causoulle moitas dores de cabeza. Seguirá ocupándose dela?

Está todo por dilucidar. Imos  ver primeiramente en que termos chegamos aos acordos programáticos e como afecta á distribucióndas responsabilidades das concellerías e en función diso tomaremos as decisións pertinentes.

Que vai poder e querer facer un goberno de Lara Méndez durante os próximos catro anos que non fixo nos anteriores?

O primeiro que perseguimos é a estabilidade, que sempre reclamei e busquei. Moitas cousas non se podían executar porque non tiñamos orzamentos, pola falta de poder investir, que sempre redunda na capacidade de crecemento da cidade. É moi difícil chegar a acordos se unha parte non quere. A forma de facer oposición non a decidimos nós. Houbo quen foi máis construtivo, houbo quen non o foi...

Un goberno máis estable, con máis edís e coñecemento, vai permitir ter máis tempo para outras cousas

Toda a responsabilidade da falta de acordos foi da oposición? Ningunha autocrítica? Non cambiaría nada?

É que de verdade que non hai nada que cambiar nese sentido. Eu podo recoñercer erros, e así o fixen noutros temas, pero aquí, nos orzamentos, por exemplo, íamos cunha proposta sobre a que traballar. Se nos sentamos a falar e a negociar, a vontade estámola poñendo.

Fará Rubén Arroxo que no vindeiro mandato vexamos unha alcaldesa máis a pé de rúa, máis accesible?

Creo que son bastante accesible, pola rúa, aquí... Certo que foron catro anos complexos, con 8 concelleiros fronte a 17 na oposición, unha escaseza de persoal tremenda, leis estatais que nos restaron capacidade de autogoberno e de facer uso de fondos... O feito de que poida haber un goberno máis estable, máis concelleiros e outro grao de coñecemento interno evidentemente vai permitir que poidamos dispor de máis tempo para dedicar a outras cousas.

Se, como é probable, logra formar goberno, que será o primeiro?

Temos un problema de persoal moi importante, estrutural, no que levamos traballando catro anos e grazas a iso hoxe temos 136 prazas para saír, e iso seguirá sendo o prioritario, para ter capacidade de desenvolver o resto de accións.

Comentarios