"A pesar da colaboración co tecido económico e social, haberá quen quede atrás nesta pandemia"

Logo de cinco anos á fronte do Concello, a alcaldesa afronta un novo curso político marcado pola pandemia pero no que espera sacar adiante os proyectos cos que busca unha transformación da cidade.
Lara Méndez., alcaldesa de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lara Méndez., alcaldesa de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Seis meses despois dalquel encerro obrigado polo covid-19, Lara Méndez amósase optimista de cara ao futuro de Lugo a pesar de que a situación de crise sanitaria e mesmo económica mantén o día a día na incertidume. Di que a xestión municipal apenas se resentiu grazas á e-administración e que se puideron axilizar proxectos que xa comezan a ver a luz e outros que o farán en breve.

Cumpriuse o primeiro ano do novo mandato. Que cambiou no goberno local con respecto ao anterior?

Hai que contextualizar porque está sendo un ano distinto, complexo e difícil. De entrada o que cambiou foi a estabilidade e iso o que permite é ter orzamentos, levar a cabo xa catro modificacións de crédito desde que iniciamos o mandato e, por tanto, ter dispoñibilidade de crédito para realizar os proxectos. Esto é fundamental, ter estabilidade económica e orzamentaria para poder realizar os modelos, as estratexias que temos deseñadas e poder executar toda a acción de goberno. Dada situación e o contexto no que estamos, creo que neste mandato fumos quen de manter os obxectivos, de seguir con eses proxectos iniciados no anterior mandato, de darlles continuidade por ter esa estabilidade presupuestaria e tamén de iniciar novos proxectos. Dito esto, despois hai que dicir que se fixo un traballo e un esforzo extra para atender a situación covid. Falamos tanto da contención da pandemia, que foi fundamental en marzo e segue sendo fundamental é imprescindible neste momento, porque a nosa cidade estase vendo máis azoutada agora que no propio mes de marzo e abril cando estivemos confinados, como do traballo para minimizar dentro do posible a situación social e económica que estamos vivindo e que nos queda por vivir. Porque a pesar dos grandes esforzos que estamos facendo de continuo e constante diálogo e colaboración co tecido social e económico da nosa cidade, desde a asociación de hostalería, comercio, asociacións de empresarios, emprendedores e veciños, para entre todos establecer liñas de traballo e actuacións que axuden como digo a minimizar o impacto e intentar evitar que ninguén se queda atrás, desgraciadamente haberá quen se quede atrás nesta pandemia.

Como afectou a crise sanitaria á xestión municipal?

Pois dicindo que se mantiveron os obxectivos que tiñamos establecidos a principios de ano para este 2020, con máis dos 100 millóns orzamentados e os 10,5 millóns do 19 que tiñamos aprobados de investimentos, máis as modificacións de crédito que levamos, a última de cinco millóns, ao final temos cerca de 130 millóns de euros para executar neste 2020. A pesar disto houbo que establecer outras prioridades e tamén tivemos que adaptarnos á parálise administrativa que houbo, non por parte do Concello, que ao ter a e-administración implantada tivemos 200 funcionarios teletraballando desde as súas vivendas, algo que era impensable porque aínda era incipiente, pero fumos quen de facer un sobreesforzo neste eido xunto cos que estaban de maneira presencial. Pero tivemos esa parálise administrativa e non contaban os prazos, o que retrasou e quitou meses á propia execución nun momento onde é necesario seguir investindo en obras, porque iso axuda a un sector moi importante como a construcción. Polo tanto fumos adiantando na redacción de proxectos, nos procesos administrativos para que cando empezaron a contar os prazos puidesemos empezar a sacar procesos de licitación e, por iso, incluso fumos onde se puido a contratos menos para facer una tramitación máis fácil e para axudar as empresas locales, como así no lo pediran desde a Apec.

Foron dos primeiros concellos en movilizar orzamento para axudar a empresas e familias, malia que logo houbo críticas pola tardanza en achegalas. Que novas medidas teñén previsto implantar?

Fomos os primeiros en pagar tamén. Quero dicir que falar de tardanza cando estamos a falar de días, cando se trataba dunha situación non previsible, cando puxemos toda a maquinaria a traballar, tendo en conta que se xeraron as bases, publicáronse, outorgouse prazo para a presentación e que todo se fixo a través da e-administración, creo que se fixo unha labor inxente e o que non o queira recoñecer así e que ten outros fins e non o de contribuír a paliar a situación económica. Sobre as novas medidas, estamos a traballar con distintos sectores para definilas e neste caso trátase dunha estratexia, de distintas actuacións desde xa ata decembro de 2021, porque en función de como vaia evolucionando incidiremos por un camiño ou polo outro. De momento, o que nos están demandando non é tanto liquidez, porque de nada lles vale que poidan facerlle fronte a un recibo, porque saben que poden vir máis detrás. Esa medida estivo ben inicialmente, pero agora queren reactivar a economía a través da clientela. Se a xente non vai ao comercio, a perruquería, a tomar un café ou se vai o mínimo ao supermercado, se a xente deixa de saír á rúa, pois eso repercute na economía. O que queren agora é incentivos para que a xente perda o medo e saír, que estea na rúa, que consuma, e por iso piden accións e incentivos, e traballaremos en campañas de cara ao Nadal para intentar que empece antes e que ademais invite a saír a consumir para cerrar un perdas para os negocios, con iso xa se conforman. É unha situación crítica, difícil, complexa e que os propios autónomos, empresas e comercios están pedindo cerrar o ano sen perdas, xa non falan de ganancias.

Vanse manter as exencións ou bonificacións de taxas no orzamento de 2021 para os afectados?

Nós sempre imos acotando no tempo e en función de como vaia evolucionando a pandemia actuaremos dun xeito ou outro. Falamos de conxelar o pago das terrazas, que se prolongou ata final de ano, pero como non sabemos cal vai ser o horizonte, non sabemos como vamos estar en decembro e cal vai ser o comportamento da pandemia e da economía. Iremos sobre a marcha, planificando e tentando adiantarnos aos acontecementos, pero desde a incertidume sen saber cando e como vai cambiar a situación, porque ese cambio non sabemos se pode ser a mellor ou a peor.

Na elaboración do orzamento de 2021 tamén pode haber unha merma de ingresos pola pandemia. Calcularon canto podería baixar o montante total?

Evidentemente vai haber unha merma de ingresos, non o temos tampouco contabilizado na súa totalidade, pero si que hai unha merma real que vai afectar á propia estabilidade orzamentaria e ao orzamento de 2021, porque queremos seguir investindo en obras e adecuación de zonas, porque hai outra cousa, a pandemia tamén fixo que a cidadanía sexa máis demandante de espazos públicos, de espazos abertos e reorientaremos o orzamento nese sentido.

En Galicia houbo unhas eleccións que deron aínda máis apoio a Feijóo, un presidente que vostede ten denunciado que marxina a Lugo. Por que cre logo que recibe tanto apoio dos lucenses?

Creo que nun momento de incertidume, de medo como no que estamos, de non saber o que vai pasar mañá, pois houbo moita xente que se quedou na casa por ese medo e tamén que entendou que mellor o malo coñecido que o bo por coñecer. Xa fixemos no seu día a análise dos resultados e agora hai un presidente autonómico e, xa o dicía hai días, ao que lle trasladamos a man tendida. Iniciamos unha nova etapa con moitas dificultades e non serve mirar atrás, hai que mirar adiante, traballar coordinadamente, buscando as sixerxias das administracións.

En Lugo ademais hai un novo delegado. Pensa que debe haber un xiro político na relación entre goberno local e Xunta?

Ten que haber un xiro, aínda que só sexa atendendo á situación real na que estamos, eu incido moito niso pero é prioritario que nos sentemos e falemos, e poñamos en común os posicionamentos, aínda que haxa unha disconformidade. O que non pode convertirse unha administración, tal e como dixo literalmente o exdelegado da Xunta, é en ariete do Concello e a Deputación, iso como administración non pode ser. É imprescindible que iniciemos unha nova era e traballemos en pro de atender os problemas da cidadanía.

"A transformación da cidade está por riba de rendibilizar obras"

O acordo de goberno PSOE-BNG repartía as diferentes áreas municipais para cada partido. Houbo algún momento de invasión de competencias nestes meses?

Non, é certo que é moi difícil e eu non comparto ter áreas estanco, As concellerías moitas veces comparten dúas ou tres áreas incluso e hai que chegar a acordos. E non se fixo un reparto por partidos, senón por concelleiros, somos trece e oito áreas e en cada área hai un delegado, por iso é moi complicado ter compartimentos estanco. Eu sempre falo de transversalidade, cando falamos da cidade do futuro que estamos deseñando non falamos dun área, senón de urbanismo, medio ambiente, mobilidade, polo tanto esas tres pivotan nese diseño, pero tamén servizos sociais, igualdade, muller, cultura, deporte, medio rural son todas transversais. Por exemplo, na obra de Quiroga Ballesteros está por un lado o concelleiro de infraestruturas pero tamén o de medioambiente, porque vai haber renovación de servizos de saneamento, abastecemento... polo tanto é moi difícil entender un só proxecto e imos falar de accións de goberno e por iso temos un acordo programático que é a folla de ruta dun goberno de coalición.

Pero da a impresión de que os nacionalistas teñen áreas máis visibles para o cidadán, como cultura ou infraestruturas, e os socialistas quedaron con áreas de funcionamento interno e de proxectos a longo prazo. Como pensa trasladar aos electores que o PSOE fixo cousas importantes no mandato?

Imos trasladar que o goberno municipal, formado por dous partidos, está traballando na segunda transformación da cidade e para que poida saír adiante o asfaltado dunha rúa temos que dotalo de persoal para axilizar os procedementos administrativos, como fixemos aprobando no pasado mandato o regulamento interno ou a principio deste a RPT e as Opes. Máis aló do asfaltado dunha rúa ou do pintado dos pasos de peóns, que nese caso xa viña do anterior mandato, a xente sabe diferenciar cando se iniciou un procedemento, por iso máis aló de rendibilizar un haber político, que é lícito, o que temos que pór por riba de todo é o crecemento e transformación da cidade, que cando menos é o que fago eu, o que fai o meu partido e o que intento que faga o meu goberno.

O PSOE leva áreas como urbanismo que ten patatas quentes como a urbanización do Garañón. Cando se vai resolver este asunto que leva máis de dez anos coleando?

Pois acabamos de aprobar o 5% do PXOM que levaba outros dez. Hai moitos temas atascados neste Concello pola falta de persoal, o exceso de xudicialización que nos tocou vivir, por moitas cuestións, que fixeron retrasar proxectos como O Cuarteirón de San Roque, que está a punto de finalizar, o expediente da Croa. Hai cuestións enquistadas que hai que solventar, pero no caso do Garañón xa fomos dando pasos administrativos que son imprescindibles para o resultado final que é o derribo. Como mostra estamos xa coa modificación do Plan Xeral, que contemplamos convertir esa parte en zona verde. Esa é a máxima garantía do que queremos para o Garañón, ampliando a zona verde do Parque. Iso vinculado á conectividade do río coa cidade a través de distintos puntos, como a Calzada da Ponte, onde se vai facer un proxecto de peonalización que vai supor un antes e un despois, a posta en valor do Camiño Primitivo, a pasarela e o paso soterrado da N-VI. Son moitos proxectos que levamos cinco anos traballando con eles, como O Carme, un punto onde había que atreverse a intervir pola complexidade dos permisos ou non facelo. Eu optei por facelo.

Van seguir adiante pese a pandemia co proxecto para tentar que o casco histórico de Lugo sexa Patrimonio da Humanidade?

Estamos seguindo con elo. O feito de peonalizar Quiroga Ballesteros contribúe a pór en valor o casco histórico, ou a reorganización dos accesos, porque imos ter menos mobilidade de vehículos e nuns días iniciarase a obra en si. Tamén contribúe a zona 30 na Ronda, a peonalización da Mosqueira e máis proxectos que iremos anunciando.

"Non tiven medo porque non son aprensiva. Creo que son serena"

Como viviu confinamento?

Saía todos os días e xestionabamos desde o concello, facíamos reunións presenciais e telemáticas, para estar no día a día de todas as cuestións nos diferentes servizos. Foi unha labor inxente tanto en limpeza, servizos sociais, persoal... Vivín o confinamento con moitísima actividade, polas tardes traballando desde a casa, con chamadas a concelleiros, a Policía, Subdelegación... tamén teño que dicir que de todas esas chamadas que recibiamos, ningunha foi da Xunta de Galicia.

Tivo medo pola súa saúde e a da súa familia?

O medo en primeira persoa non, porque iso vai no cargo, como lle pasou a sanitarios, policías, persoal de alimentación... O medo era polo que lle podía pasar á familia. Seguramente tamén inflúe a personalidade e eu non son aprensiva, son unha persona creo que senera.

Con ese ritmo actividade non tivo logo tempo para o ocio como ler, escoitar música...

Diariamente lía o BOE, o DOG, o BOP, informes [risas]. Lectura de placer pouca porque tamén traballaba as fins de semana desde a casa e saía como todos ás oito a aplaudir. Se hai unha lectura positiva desta pandemia foi que se xerou un ambiente de vecindade.

Comentarios