"Cada vez máis xente demanda os servizos dun laboratorio dental"

Os irmáns abadinenses Miguel e Lucía Rodríguez optaron por emprender e acaban de pór en marcha o seu propio negocio na Avenida das Américas, en Lugo

Miguel e Lucía Rodríguez, no seu laboratorio. EP
photo_camera Miguel e Lucía Rodríguez, no seu laboratorio. S. IGLESIA

O laboratorio dental Rodríguez Moreno acaba de iniciar a súa andaina da man dos irmáns Miguel e Lucía Rodríguez, veciños de Abadín, que elixiron a Avenida das Américas luguesa para instalar o seu primeiro negocio.

Por que nese emprazamento?

É unha das rúas máis concorridas de Lugo e é das que mellor se adapta ás nosas necesidades. Ademais, cando vimos o local (no número 69) tamén nos gustou moito, xa que nos permite facer un reparto axeitado de todas salas que precisamos para desenvolver a nosa actividade.

Que ofrecen?

Abrimos o 7 de outubro o laboratorio, no que podemos realizar calquera tipo de prótese e materiais con acabados de alta gama. Estes servizos están dirixidos exclusivamente a profesionais odontolóxicos.

Dito coloquialmente, fabrican dentes. Canto leva facer un?

Con esta pregunta poderiamos botar horas. (Risas). Depende de moitos factores, pero o noso traballo é un continuo deseño dental porque ningún paciente é igual ca outro. Cada un demanda unha forma, un tamaño, unha cor... E logo depende dos materiais que se empreguen, que vai influír no tempo necesario para o proceso.

Canto tempo levan adicados ao sector?

Miguel: Eu levo 14 anos traballando neste sector.
Lucía: Eu case oito, pero traballando xuntos levamos os dous últimos.

E por que decidiron abrir o seu propio negocio?

Miguel: Sempre tiven claro que quería montar o meu propio negocio, sempre foi o meu soño poder tomar as miñas propias decisións.
Lucía: A min o que máis me animou é que isto fose con meu irmán, víao como un negocio familiar. Á parte diso, eu penso que nos vén nos xenes o de emprender, porque o noso avó foi un emprendedor nato e sempre nos dixo que tiñamos que ter a nosa propia empresa. Por el é o nome do laboratorio, porque todo o mundo o coñecía como O Moreno.

Viron que este é un bo momento para emprender?

Si, estamos convencidos, porque cada vez máis xente demanda este servizo, ben para unha mellora funcional ou ben estética.

Proxectan ampliar o cadro de persoal?

Nun futuro esperamos que si, se logramos acadar todas as nosas predicións necesitaremos máis persoal. Ademais, xa fixemos un investimento inicial no local para poder facer fronte a esa posible ampliación.