miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

"O esforzo económico do Goberno permitirá que o tren en Lugo pase do século XIX ao XXI"

José Miñones Conde, diante da sede de El Progreso. VICTORIA RODRÍGUEZ
José Miñones Conde, diante da sede de El Progreso. VICTORIA RODRÍGUEZ
Os Presupostos Xerais do Estado demostran "que Lugo é un territorio prioritario para o Executivo central". Así o afirma José Manuel Miñones, delegado do Goberno en Galicia, que fai fincapé nos investimentos en materia de infraestruturas, especialmente no eido ferroviario, nun intento de rachar "coa inercia de obras pendentes do pasado"

O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, destaca a decidida aposta do Executivo que preside Pedro Sánchez "polo rural e polos concellos" nos Presupostos Xerais do Estado, "que consignan investimentos históricos para Galicia, cunha suba do 30% con respecto a 2021. Lugo será a segunda provincia de España en gasto en infraestruturas por habitante, coa mirada posta, de xeito especial, na conectividade ferroviaria. Este esforzo económico permitirá que a provincia pase dun tren que se mantiña no século XIX a un propio do século XXI", explica.

O Parlamento galego acordou pedirlle ao Estado que solvente necesidades históricas da comunidade galega. Inciden neste obxectivo os Orzamentos e o plan de recuperación do Goberno de Pedro Sánchez?
Estamos ante unha gran oportunidade. Vimos dunha época complicada, pero a vacinación trouxo a posibilidade de retomar as políticas gubernamentais previas á pandemia. Tanto os Presupostos vixentes este ano, como os previstos para 2022 e os fondos do plan de recuperación permiten afrontar o futuro con optimismo. As partidas orzamentarias tratan de darlle un pulo a Galicia e rachar coa incercia de obras pendentes do pasado. Os Presupostos fan unha discriminación positiva coa nosa comunidade. Durante o Goberno de Pedro Sánchez, Galicia recibiu un 27% máis de recursos que nos últimos catro anos de Rajoy. Lugo tamén é obxecto dun tratamento especial. As cifras demostran que non é unha provincia máis, senón un territorio prioritario para o Executivo central.

O Ave de Madrid a Ourense está a piques de ser unha realidade, pero dá a impresión de que a provincia de Lugo queda un pouco descolgada ao non construírse variantes para acurtar máis os tempos da viaxe e contar cunha rede de alta velocidade semellante á de outras provincias?
Sempre considerei imprescindible que os Presupostos estatais recollan investimentos reais. Durante anos incluíanse partidas que non tiñan proxectos concretos, que non estaban en vías de poder executarse. Se os proxectos ferroviarios estivesen redactados hai oito ou nove anos, non estariamos a falar deste alto investimento para a conectividade ferroviaria entre Lugo e Ourense. O que está a facer o Goberno central é incorporar partidas para aquelas actuacións que están en condicións de licitarse. A entrada en servizo do Ave ata Ourense, antes de que remate este ano, rebaixará nunha hora o tempo de viaxe entre Lugo e Madrid e coa modernización da liña entre Ourense e Lugo aforraremos media hora máis. A construción de variantes desbotouse polo seu elevado impacto ambiental en comparación co pouco tempo que se gañaba.

Coa excepción da A-54, entre Lugo e Santiago, hai outros proxectos de autoautoestradas que viven nun permanente atraso, nas que non se avanza.
Máis alá de que se faga un investimento nominal nun ou noutro lugar, o principal obxectivo é executar infraesturas pedentes, de aí o interese en rematar a autovía de Lugo a Santiago en dous anos. Tampouco esquecemos a conectividade da Mariña, como se reflicte nos fondos programados para revitalizar o ferrocarril costeiro de vía estreita. Agora están a redactarse os proxectos e os estudos de impacto de varios treitos da A-74, que sentarán as bases para que dentro de dous anos se poida facer un investimento forte nesta autoestrada entre San Cibrao e Barreiros.

José Miñones Conde, en la sede de El Progreso. VICTORIA RODRÍGUEZQue pasa co treito lucense da A-56, de Lugo a Ourense, ou coas obras da A-76, de Ourense a Ponferrada por Monforte?
Na A-56 está prevista a construción da variante de Ourense para eliminar o fluxo de tráfico pola cidade, tanto en dirección a Lugo como Ponferrada. Decidiuse actuar na provincia ourensá en función da demanda, do número de viaxeiros, pero no futuro virase obrando cara á provincia de Lugo. No caso da A-76 imos executar a variante do Barco, que exisiu unha modificación do proxecto, para seguir cara a Monforte. A dotación de partidas segue criterios realistas e dá continuidade aos proxectos.

Parece que o Goberno central prima máis a conservación de estradas que a creación de novos traxectos de autovías?
Ese é un debate que hai que poñer enriba da mesa con serenidade e espírito de diálogo. As autoestradas hai que mantelas con impostos de todos e, por outra banda, debemos atender as demandas dos usuarios e dos concellos que reclaman o arranxo de estradas nacionais, un apartado ao que destinamos 10 millóns en Lugo.

Un dos problemas que máis preocupa na provincia é a crise industrial que afecta a Alcoa e a Vestas. Como ve o futuro da planta de aluminio, cada vez maís dependente da intervención do Goberno?
No eido industrial é importante sinalar que as competencias son da Xunta, como se reflicte no Estatuto de Autonomía. A partir de aí, os gobernos galego e central deben colaborar na procura de solucións, pero neste caso a parte que ten a competencia mira cara a outro lado. Estamos a pagar o abandono do Goberno galego en política industrial na última década, a falta dun plan que contemple a modernización e outras alternativas de futuro para as industrias. Hai que acometer esa ordenación. No caso de Alcoa, non houbo ningún ministro de Industria co compromiso de Reyes Maroto, que viaxou a Pittsburg para buscar solucións e sempre estivo atenta as negociacións. O obstáculo non son a Sepi (Sociedade Española de Participacións Industriais), nin o Goberno, senón Alcoa, que se nega a vender cando hai compradores interesados. Aí é onde debemos poñer o foco e tratar de concretar esa venda.

Obrigará o plan de recuperación a unha maior colaboración?
O acompañamento da Xunta para o seu desenvolvemento é vital para impulsar os nosos sectores, xa sexa o térmico, o enerxético, o aluminio ou a madeira. O bo uso dos fondos europeos para sentar as bases dun sector industrial sólido depende de todos, non só do Goberno, que se encargou de negociar os cartos con Europa. Tanto a Xunta, como as deputacións, os concellos ou mesmo os medios de comunicación, como canles para divulgar e publicitar as liñas de axuda abertas, terán o seu cometido. Estamos diante do reto de impulsar unha industria forte e verde en dez anos.

Ata que punto se beneficiarán os concellos do proxecto orzamentario do Goberno?
As principais necesidades plantexadas polo municipalismo están recollidas nos Presupostos. A primeira é unha maior porcentaxe no reparto de fondos. As entidades locales recibirán 2.050 millones de euros do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia e 1.228 da devolución do Ive e as liquidacións negativas de 2020. Tamén se incrementou a taxa de reposición do persoal, que acadou o 100% no 2018, para pasar agora ao 110%, aínda que nos departamentos de servizos especiais será o 120% e na policía local o 125%. Ademais, mantéñense as regras fiscais para o gasto que permiten o uso do superávit e farase unha gran oferta de emprego público.


Labor institucional. "Trato de achegar o plan de recuperación a concellos e empresas"

José Miñones Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ - Manos

José Miñones centra o seu traballo como delegado do Goberno en Galicia no cumprimento dunha das encomendas que lle fixo o presidente Sánchez, como é a divulgación das axudas do plan de recuperación aos concellos e, a través deles á veciñanza e ao sector empresarial. "Día a día traballo para dar a coñecer as liñas de subvención abertas e para escoitar as demandas das entidades locais. E nese labor é no que imos insitir", asegura.

Como leva este traballo?
Trátase dunha misión complexa e moi activa. Hai moitas cousas que contar e existe interese e un bo feed back cos alcaldes e coas empresas. Aínda que elaboramos fichas coas distintas convocatorias para expoñerllas aos concellos, pode pasar que cando vas camiño dunha xuntanza xa saíu unha nova orde.

Será doado aplicar eses fondos europeos con eficacia?
Hoxe o problema non está tanto en acceder a fondos, como na súa execución dacordo coa Lei de Contratos e nos prazos establecidos pola normativa europea. As axudas do plan Dusi, por exemplo, tiñan que estar xustificadas nun 30% neste exercicio, senón perdíanse a subvencións. O resultado non depende só da eficacia das administracións nos trámites, senón das dificultades que lle poidan xurdir á empresa adxudicataria ou a outros imprevistos.

Cando accedeu ao cargo prometeu unha política de diálogo e lealdade coa Xunta, pero parece que non se avanzou nese eido?
Veño do mundo da universidade e no campo político comecei nunha asociación de veciños. Para mín non cambiou nada nestes 13 anos que levo adicado á política. Sigo querendo facer cousas, agora desde outro lugar, e pasar polo municipalismo ábreche os ollos e faiche valorar a importancia do diálogo. Gobernei en Ames cun tripartito e a minoría esixía saber escoitar e recoller propostas. Con independencia dos reproches que poidan xurdir en política, hai que traballar en positivo. Do diálogo saen os acordos, non de desviar a atención e buscar culpables. Lóxicamente, se a Xunta se nega a apoiar un plan territorial de transición xusta, que impide unha inversión millonaria na comarca de Ferrolterra, sempre van aparecer diferencias, pero a lealdade institucional é clave para acadar os obxectivos que Galicia merece.

Dende o Gobierno galego din que non perciben ese apoio do Executivo central?
As cifras de transferencias do Estado a Galicia son máis elevadas que nunca. Os ingresos a conta transferidos á Xunta acadaron os 9.600 millóns en 2021 e superarán os 8.000 millóns en 2022, sobre un Orzamento autonómico de 11.600 millóns. As incoherencias levan á falta de credibilidade. Boto en falta o modelo de cogobernanza que se aplicou nalgúns momentos da pandemia, nunha aposta en común para intentar sumar e asumir responsabilidades.

En que medida repercutirá en Galicia o gasto social dos Presupostos?
Tres de catro euros están destinados ao gasto social, a políticas de benestar. Un total de 1,2 millóns de galegos veranse beneficiados pola suba das pensións, polo ingreso mínimo vital ou polos bonos social enerxético, cultural ou de aluger para os mozos. Deseñamos un gasto pensado nas persoas, para buscar unha recuperación social xusta. Hai que mirar por quen máis o necesita. Son múltiples liñas de acción que se adoptan para tratar de superar a crise derivada da pandemia, da que penso que sairemos con maior facilidade que da crise financeira de 2008, que se prolongou unha década. Agora tomáronse medidas para manter a empregabilidade, como os Ertes, e para axudar ás empresas. Estamos a recuperar o nivel de emprego e de afiliación á Seguridade Social de etapas anteriores á pandemia. Partimos dunha boa base para saír adiante.


Moi persoal. "A axenda non se mantén máis alá dunha semana"
Un balance de 50.000 quilómetros percorridos e a visita a máis de sesenta alcaldes e alcaldesas reflicte a intensa axenda que desenvolve José Miñones para achegar os detalles do plan de recuperación a toda a sociedade. "Como concelleiro, alcalde e delegado do Goberno aprendín que en política non se poden ter previsións en axenda máis alá dunha semana", afirma convencido.

Relación con Lugo
José Miñones, que foi alcalde da localidade coruñesa de Ames, visita con bastante frecuencia Lugo, xa que un dos seus fillos estuda no campus lucense da Universidade de Santiago.

En clave interna. "Nunca me propuxeron ser membro da executiva federal"

A prudencia e a busca de acordos caracterizan a forma de facer política de José Miñones, quen asegura manter unha boa relación cos dous candidatos a liderar o PSOE galego. "Como delegado do Goberno non pode ser doutra forma. No día a día teño unha relación cercana con Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e tamén con Gonzalo Caballero, o secretario xeral do partido".

Despois das autonómicas de 2020, vostede reclamou unhas primarias. Agora chegou ese momento.
Votar e poder escoller un secretario xeral é un proxecto de futuro e algo positivo para a militancia. Quen saia elexido vaime ter ao seu carón para seguir traballando co fin de poñer a Galicia no lugar no que se merece.

Vostede manifestou o seu desacordo cun artigo publicado neste xornal polo actual secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga. Foi un posicionamento?
Non fixen ningunha crítica. Só dixen que a misiva non me pareceu oportuna. Todos defendemos a mesma idea e un discurso socialdemócrata, que quedou afianzado no congreso de Valencia.

Soaba vostede para a executiva federal do PSOE, pero foi nomeada Pilar Cancela.
Nunca me plantexaron ser membro da executiva federal, nin teño tempo para ese labor. Si tiven unha experiencia gratificante ao redactar unha ponencia sobre municipalismo coa colaboración de importantes agrupacións e na que se trazaron liñas de actuación ata o 2030.

Que opina do regreso a primeira liña política de Gómez Besteiro?
Sempre tiven unha relación cordial e fluída con el. Todos os que veñan a sumar ao partido son benvidos.

"O esforzo económico do Goberno permitirá que o tren en Lugo pase...
Comentarios