José Manuel Blanco: "Nin coalición nin integración no PP. Suporía a dilución do partido"

O lucense rexeita diluír o partido no PP e quere unha candidatura propia en Galicia e en clave galega. Non cuestiona o liderado de Arrimadas, pero reclama autonomía e cre que ten apoios nas bases para gañar a partida
José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos por Lugo. TWITTER
photo_camera José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos por Lugo. TWITTER

FOI candidato ás xerais por Ciudadanos e agora aspira a selo á Xunta. Cuestiona os pasos da dirección porque fuxe dun acordo co PP que dilúa o partido laranxa en Galicia.

Presenta candidatura para liderar a lista de Ciudadanos ás eleccións autonómicas e preséntase como crítico.
É crítica no sentido da tendencia do partido para orientar o futuro. Nestas eleccións xogámonos presentar unha forma de ver a política, de ofrecer unha de centro, moderada e liberal e unha lista de Galicia e para Galicia.

A súa é unha opción que se opón a un acordo co PP.
Efectivamente. Nin coalición nin integración, porque iso suporía que os galegos non terían nestas eleccións unha opción de centro moderada.

Planta cara á estratexia global do partido.
Non, esta é unha candidatura exclusivamente en clave electoral para as autonómicas galegas e coa idea de defender o noso programa.

Inés Arrimadas é a líder natural, iso está claro, pero a ideoloxía do partido non a pode marcar unha xestora política

O partido non foi nunca forte en Galicia e non chega nunha situación boa ás eleccións, por que rexeita tan firmememente un acordo co Partido Popular?
Un acordo co PP sería a dilución do partido.

Aínda así, as expectativas non son boas para o seu partido.
Se se fala de integrarse no PP, é lóxico que as expectativas sexan moi malas para Ciudadanos. Agora mesmo é como se o partido non existise para os cidadáns.

Non ve risco de que o partido teña moi pouco eco electoral?
É necesario un partido de centro moderado e con perspectiva galega. Se non, xogámonos outro mandato de perfil plano.

Aspira a un partido máis descentralizado.
A líder natural do partido neste momento é Inés Arrimadas, iso está claro, pero considero que hai que ter autonomía de xestión nun proceso electoral como o que afrontamos.

A súa candidatura é tamén unha forma de facer fronte á liña que está seguindo o partido a nivel nacional.
É unha candidatura en clave electoral, insisto. Está claro que neste momento Inés Arrimadas é a líder natural: ten escano no parlamento e é a única que pode facer oposición. Agora ben, a ideoloxía do partido non a pode marcar unha xestora.

O partido quedou moi tocado en Galicia despois do mal resultado das eleccións xerais?
Tras un terremoto, moitas casas cáense e só quedan as máis firmes. Hai que apoiarse nesas máis sólidas para reconstruír. Hai que buscar unha saída firme e moitos cremos que existe e que hai que defender con firmeza ese partido de centro moderado e liberal.

Ten apoios? Cre que pode gañar as primarias?
Antes de presentar a miña candidatura víronse os apoios á opción que eu defendo e creo que conto con apoios para gañar e teño confianza polo que representamos. Teño apoio en Lugo, en agrupacións da provincia, na Coruña, en Ourense e entre militantes de Pontevedra.

Comentarios