"Os deputados doutras formacións fórno do partido ou de si mesmos, non de Lugo"

José Manuel Blanco, candidato de Ciudadanos ao Congreso por Lugo, é do Courel, a onde volve cada fin de semana, e tras militar no PP afiliouse a Cs porque está convencido, di, de que este partido a diferenza doutros mirará por Lugo. Non esquiva temas, pero nalgúns, como o modelo competencial ou o galego, non semella cómodo

Blanco, ao carón do Miño. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Blanco, ao carón do Miño. VICTORIA RODRÍGUEZ

PASOU o filtro de Cs...

Si, fun eu o que me acheguei a Cs por convición despois de ver que era un partido honesto, de progreso, moderno, liberal, que garante a igualdade de todos os españois. Polo que a min me chegou, fun a primeira e a única opción de Cs en Lugo.

Por que entra en política?

Sempre me gustou, ten que ser vocacional porque tes que estar disposto a renunciar a moitas cousas, pero decidinme sobre todo despois de ver que cousas que se poderían facer non se fan e cousas que se fan non se deberían facer. Pode sonar un pouco frase feita, pero o que me move é traballar polos demais, facer cousas que só dende a política se poden facer.

Hai quen ve en Cs un partido de arribistas, xa que pesca candidatos no PSOE, no PP..., partido no que vostede mesmo militou ata o ano pasado, ademais de ter ocupado cargos en administracións do PP e do PSOE.

Todos os postos que tiven foron por méritos propios. Do Concello de Lugo chamáronme. O da Xunta era un posto de libre designación e cumpría requisitos. E na CHMS o posto de xefe provincial é por concurso de méritos, non é político.

Leva xa unhas semanas percorrendo a provincia. Que atopa?

Fastío. A xente está cansa de ver o mesmo, de que os seus problemas non formen parte dos problemas dos políticos. Vexo necesidade de cambio, e Cs représentao.

Que pode aportar a Lugo un deputado de Cs que non aportaran os representantes doutros partidos?

Pode contribuír a que España sexa gobernada por Albert Rivera, a que haxa un cambio de goberno, e pode aportar unha idea real do territorio de Lugo. Porque ata agora os representantes que houbo unicamente foron representantes do partido polo que foron elixidos ou de si mesmos, do seu posto.

O control que exerce a dirección nacional de Cs sobre as estruturas inferiores non é menor que o doutros partidos. Cre que vostede vai ter máis éxito na defensa dos intereses da provincia?

Os partidos loxicamente teñen que ter unha disciplina para que o seu ideario non se difumine en cada representante, pero Cs representa un cambio e non é tan controlador. Ata agora tiven total liberdade para poder facer as propostas que Lugo necesita.

Procede dun concello da montaña, cal é a súa receita para os problemas que teñen esta e outras zonas rurais?

A miña proposta pasa por darlle dignidade á xente que vive na montaña. Son persoas dignísimas que non ven recoñecido o seu estatus na sociedade porque moitas veces non teñen servizos básicos, como os sanitarios. No Courel non temos médico polas noites, o hospital está a unha hora de distancia e ás veces hai circunstancias climatolóxicas que che impiden a mobilidade, temos estradas de hai corenta anos... Hai que atender as necesidades e circunstancias de cada territorio.

Para iso fan falta investimentos e a experiencia di que resulta difícil atraer orzamentos para Galicia, en parte polo seu pouco peso electoral. Confía en que iso cambie?

A forma de que se fagan as cousas é coa Lei Xeral de Presupostos. Os últimos, que grazas a deus non se aprobaron no Congreso, eran nefastos para a provincia.

En Galicia baixaban, pero na provincia subían un chisco...

Pero non cubrían as necesidades. Os cartos teñen que vir apoiados en programas de execución concretos, viables e necesarios. O Estado non pode ser o que subvencione a vida diaria, ten que axudar a que o cidadán teña as condicións básicas e necesarias para que se desenvolva por si mesmo.

Como cre que se prestan mellores servizos aos cidadáns, dende o Estado ou descentralizando competencias?

Debe haber un marco lexislativo estatal que despois debe adaptarse ás circunstancias de cada territorio. Non se pon en dúbida o estado autonómico actual.

"Un funcionario en Galicia desenvolverá mellor o seu traballo se coñece o galego, pero o de requisito non me gusta"

O seu partido si propón devolver competencias ao Estado, en educación, por exemplo.

Non é negro ou blanco. Hai que exercer as competencias que actualmente están atribuídas ao Estado, porque este non exerce algunhas obrigas en materia competencial, por exemplo en temas de educación. O control da educación en España, aínda que é unha lei básica, ao final parece que é a comunidade autónoma a que lexisla.

Cre que o galego debe ser requisito ou mérito para ser funcionario?

Débese coñecer o galego, pero o de requisito non me gusta. Desenvolverá mellor o traballo se coñece o idioma, pero ¿por que un señor que traballa nun despacho coa súa fonte de referencia en inglés ten que falar galego?

Non o debe falar nun lugar no que é lingua cooficial?

Nuns traballos si e noutros non. Dito isto, para min o galego é a forma natural de expresarme en todos os ámbitos, aínda que tamén falo castelán cando xorde.