viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

José de Cora: "Pelúdez é autónomo, ten opinión propia"

SANTY GUTIÉRREZ
SANTY GUTIÉRREZ

No 1995, José de Cora, xornalista e escritor, acolleu o reto de plasmar as aventuras de Pelúdez no xornal El Progreso, unha tarefa que asumiran anteriormente José Trapero Pardo e Antonio de Cora (Calvino). Nun ano tan complicado coma este Cora non quixo que a familia deixase de achegarse á cidade. 

Como está Pelúdez? 
En bo estado de saúde, ningún se viu afectado polo virus e a familia non tivo casos próximos. Pero Pelúdez chegou a Lugo un pouco preocupado pola situación e coa incerteza dos actos aos que poderá acudir e aos que non. El xa viviu moitas situacións complicadas, pero tanto coma esta, non. Xa viviu a gripe de 1918, que deixou un gran número de vítimas na capital lucense, pero daquelas era máis novo, andaba a outras cousas. 

Tiña similitudes aquela situación coa actual? 
Máis ben fala das diferenzas. Daquelas non había tanta información, os balances dos mortos non se actualizaban a diario e non tivo unha percepción clara da gravidade ata que xa pasara o peor. 

Con todo, non quixo faltar á cita. 
Non podía. Está convencido de defender o espírito festeiro con todas as medidas de seguridade, coa máscara, coa distancia social e co que toque pero sabe que para os lucenses é un símbolo e non quixo faltarlles. 

E para o xornalista que lle dá voz, é difícil facer humor e conservar a retranca en tempos de pandemia? 
É difícil facer humor da situación actual porque hai moita dor e moitas perdas. O que si se dan son situacións e temas colaterais que se prestan máis para a broma, para a retranca e axudan a manter o optimismo. Ese é obxectivo, facer o que se poida para levantar o ánimo, tendo moi en conta a situación actual e o respecto a todos. 

Pelúdez é un referente cunhas características moi definidas pero unha orixe pouco clara. 
A súas orixes xornalísticas son incertas e as características orixinais do persoeiro son descoñecidas ou distantes. Hai referencias a un Pelúdez en Bos Aires, Barbian Pelúdez lle chamaban. Tamén a outro en Ferrol, semella que o nome poida ser anterior ao persoeiro. O nome ten a súa orixe na cultura popular e fai referencia a ter pelo en todo o corpo (aínda que o Pelúdez actual xa non é para nada así) e o personaxe sempre está vinculado a certa rusticidade e filosofía campestre. 

Estivemos moi cerca dunha serie de televisión e incluso se gravaron capítulos cero, pero o resultado non nos convenceu a ningunha das partes implicadas

A familia foi mudando, tivo unha noiva, casou coa Filomena, tivo un fillo... 
Mari Pepa foi unha noiva que tivo en tempos de Trapero e que apareceu hai uns anos para darlle un bo susto. A historia da familia durante os primeiros anos foi moi lineal e en tempos actuais a familia foi medrando coa propia Filomena, o fillo, a nora, os netos e a consogra, pero creo que por agora non hai perspectivas de que o grupo se amplíe. 

Nalgún momento expresou o seu desexo de que Pelúdez saltara do papel a outros formatos e non lle desgustaba a idea do teatro.
Si, aínda que non depende moito de min. Estivemos moi cerca dunha serie de televisión e incluso se gravaron capítulos cero, pero o resultado non nos convenceu a ningunha das partes implicadas. O máis sinxelo parecía fabricar persoaxes ex novo, sen que deran pé a comparacións. Pero é complicado porque cada un ten algo de Pelúdez interiorizado. 

Como lle afectou a pandemia, nótase á hora de escribir? 
Na primeira etapa, no confinamento, si que me afectou máis. A miña cabeza non estaba preparada. Daba a impresión de que non existía nada que non fora o covid. Agora estou máis afeito e tomo todo coma unha situacón que nos presenta a vida e á que hai que sobrepoñerse. Temos outros factores de morte cos que convivimos, non tan contaxiosos nin descoñecidos, pero teño a sensación de que temos que afacernos a isto porque vai para largo. 

Como valora os actos deste San Froilán? 
Son un parche, pero tampouco hai moita máis alternativa. Non estou para nada en contra de que se programen actividades culturais, pero está claro que todo o que se poida facer nunca vai ser San Froilán. 

Que botará de menos Pelúdez este ano? 
Creo que o contacto coa xente. Para el as verbenas, as barracas, o polbo ou os concertos son o medio para estar en contacto coa xente, pero haberá que deixalo falar e ver como lle vai. Pelúdez é totalmente autónomo, ten a súa propia voz e eu non sei o que lle bule pola cabeza. Cando un lle dá vida a un personaxe este madura, medra, é independente e toma a súas propias decisións e opinións á marxe do creador.

José de Cora: "Pelúdez é autónomo, ten opinión propia"
Comentarios