miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

José de Cora: "O humor é a base da filosofía peludeciana"

José de Cora ante a estatua dos Pelúdez. XESÚS PONTE
José de Cora ante a estatua dos Pelúdez. XESÚS PONTE
"Sinto un orgullo especial pola singularidade de Pelúdez. Houbo figuras parecidas na prensa de Asturias e Murcia, pero ningunha perviviu. Trátase dun personaxe moi ligado á historia do xornal, que aparece nel en setembro de 1908, un mes despois da súa fundación"

José de Cora Paradela substituíu en 1995 a José Trapero Pardo como narrador das andanzas festivas da familia Pelúdez, "o único personaxe, vencellado a un arquetipo sociocultural, que se mantén vivo na prensa española", segundo explica De Cora, que compaxina o seu traballo como director xeral de El Progreso cun prolífico labor como escritor. 

Que supón para vostede que El Progreso manteña un personaxe como Pelúdez durante 111 anos?
O que se sente é orgullo pola singularidade de Pelúdez. Houbo figuras parecidas na prensa de Asturias e de Murcia, pero ningunha perviviu. Trátase dun personaxe moi ligado á historia do xornal. Aparece en setembro de 1908, un mes despois da fundación do periódico. A gran forza da súa figura, o seu tirón, converteuno nun símbolo do San Froilán e nun referente para os lucenses e as xentes da provincia que acoden cada ano ás patronais da capital. Pelúdez é o festeiro por excelencia. Chega a Lugo con ánimo de divertirse e de gozar, con independencia da meteoroloxía. 

Existen precedentes de Pelúdez antes de saír nas páxinas de El Progreso? 
Antonio de Cora, primer autor da columna dedicada a este personaxe co pseudónimo de Calvino, é o seu creador na prensa. Con anterioridade existían referencias a Pelúdez en Ourense e Ferrol. A súa figura representaba ao paisano ao que se lle atribuían contos en ton de broma. Era un home da terra. 

Cando publicou o libro sobre  Peludez, coincidindo co seu centenario e o do xornal, sinalou que era bígamo?
En 1920 aparece casado cunha tal Mari Pepa, da que non se volve a falar con posterioridade, seguramente por mor dun cambio de autor da columna nesa época, que non lle deu continuidade á historia. As cousas quedaron así ata que eu incorporei á narración a Mari Pepa para dar por arranxada a súa separación con Pelúdez. Se cadra a vocación deste non era ser bígamo, senón  polígamo, pero Filomena sempre o ata en curto.

Como evolucionou o personaxe desde os tempos de Calvino ata hoxe?
Aínda que mantén o espírito  retranqueiro, a forma de ser de Pelúdez cambiou nestes 111 anos. Dende o punto de vista da expresión, pasou do uso do castelán, nos primeiros anos, para converterse en galego falante. O feito de que fale das novidades que xurden cada ano é demostrativo de que segue a evolución da cidade, o que leva implícito tamén unha reciclaxe que lle fai pensar acorde coa época na que se atopa. Pelúdez ten un espírito crítico e politicamente incorrecto. Todos os narradores  mantivemos o perfil creado por Calvino, co que facía un dúo. Ían xuntos a todas partes. Trapero déulle un xiro importante á narración ao incorporar a novos personaxes, como Filomena, Peludeciño e Vanessa. Esta última aparece un ano antes do seu pasamento, polo que me tocou a mín desenvolver o personaxe en anos posteriores. A chegada de Filomena cambiou sustancialmente a columna ao achegarlle un punto de vista feminino que fai de contrapunto de Pelúdez, ás veces dunha forma esaxerada. A segunda xeración, representada por Peludeciño e Vanessa, dálle máis frescura ao relato e contribúe a modernizar os protagonistas principais, ao igual que Reborita das Arieiras, a sogra de Pelúdez, que se incorporou á familia en 2002. Pelúdez é un home nado no século XIX, que vive acontecementos e peripecias festivas durante dous séculos. Por iso as novas xeracións axudan a renovar a filosofía desta saga centenaria e con vocación inmortal. Nesta familia non hai feitos luctuosos, xa que estarían rifados co espírito da festa. Só poden  rexistrarse nacementos e alegrías. Hai incidencias, como cando a familia tivo que asumir a desaparición de Trapero Pardo, o seu narrador, pero él era un humano, e os Pelúdez viven no limbo literario.

Cal é o eterno secreto do tirón desta familia?
O fío condutor e primeira  lei da filosofía peludeciana é manter o humor por riba de todas as cousas. É unha razón de ser que sostén a machamartelo e que contribúe á gran identificación popular con este festeiro, que vén ás patronais da capital, como calquer outro veciño da provincia, a gozar cos seus. Son datas propicias para o humor. 

Conxuntos escultóricos, libros, pregóns. Expúxose algunha vez facer unha representación teatral ou unha película, sobre Pelúdez? 
Facer unha película é un proceso arriscado e non se adapta demasiado á idiosincrasia dos personaxes. A posibilidade de facer unha serie de televisión plantexouse no seu día, pero non saíu adiante porque non tiñamos as cousas suficientemente claras. A miña ilusión, desde unha perspectiva realista, é facer unha obra teatral. Estou disposto a escribila sempre que conte coa colaboración necesaria para poñela en escena. A compañía Achádego, que representa á familia Pelúdez na rúa, podería ser o grupo axeitado para representala. Mesmo se podería facer unha peza curta, que variaría cada ano, como prólogo ou como parte do programa de San Froilán. E só unha idea, pero gustaríame que se fixera realidade. 

A que eventos acompañará aos Pelúdez no San Froilán deste ano?
O programa ten unha gran variedade de estilos musicais, pero supoño que eles e eu asistiremos a case todos os concertos. Tampouco nos perderemos o desfile de gando, que é algo así como ir a Cannes e non pasearse pola praia en top less. A cita co o ‘cienfalópodo’ é tamén obrigatoria. Aínda que cada día está máis caro, os  Pelúdez sempre se dan unha auténtica enchenta e amañan para que os conviden. Un día aparece polas casetas a alcaldesa, outro Feijóo, e fanse os encontradizos para sacar tallada. Tamén irán ás atraccións, coa confianza en que o pai de familia non se maree. Non hai cousa que máis desguste a Pelúdez que devolver o ‘cienfalópodo’. Tiralo polo chan, unha vez pagado, non é de recibo. 

José de Cora: "O humor é a base da filosofía peludeciana"
Comentarios