José Antonio Quiroga: "Esperamos poder desbloquear a praia fluvial de Lugo"

Natural do Saviñao, o presidente da Confederación Miño-Sil deixou o Parlamento galego hai unhas semanas para relevar a Francisco Marín

José Antonio Quiroga. ANA SOMOZA
photo_camera José Antonio Quiroga. ANA SOMOZA

José Antonio Quiroga (O Saviñao, 1960) é licenciado en Xeografía e Historia, graduado en Xeografía Rural, profesor de Secundaria e director do Ecomuseo de Arxeriz. Na actualidade, recae sobre el a secretaría de Organización do PSdeG e na Administración ten desenvolvido xa outros cargos de confianza, como a Dirección do SPEE-Inem de Lugo entre 2004 e 2011. A este currículo suma agora a presidencia da Confederación Hidrográfica do MiñoSil (CHMS).

A Confederación inscríbese no Ministerio para a Transición Ecolóxica, o que antes era Medio Ambiente. Este novo enfoque vai supoñer cambios nas funcións da CHMS?
O día 12 temos unha reunión en Madrid na que supoño que nos explicarán as novas directrices, pero o nome obviamente fai referencia a un dos retos que ten a sociedade actual na que os problemas medioambientais e ecolóxicos son moi serios.

Moitas veces a Confederación vese como un organismo cuxos trámites se prolongan moito no tempo e que entorpece proxectos. Porén, cando se fixo a segregación da Confederación Hidrográfica do Norte o obxectivo era o contrario: gañar proximidade e axilidade...
Esa é unha impresión que xa existía antes e certamente coa segregación non se mellorou nese aspecto. Cecais en parte se debe a uns efectivos humanos reducidos que haberá que ampliar para poder dar un mellor servizo. E logo que moitas veces a cidadanía non se percata de que hai tramitacións que son longas en canto a procedementos, requerementos, exposicións públicas... e van consumindo meses. Esa é unha eiva que queremos mellorar.

Que plantilla ten?
172 persoas. Cando se fixo a separación, a Confederación do Cantábrico, que é a orixe do que era a Confederación do Norte, quedouse coa maior parte do persoal.

A ampliación de plantilla é unha posibilidade real agora mesmo?
A ver se nesta reunión en Madrid hai ocasión de tocar ese tema, pero está dentro das reivindicacións.

"Cadaquén é responsable dos seus actos e cada pao terá que aguantar a súa vela"

Ás veces tamén hai a percepción de que nalgúns proxectos se establece unha guerra entre administracións. Un exemplo é a praia fluvial de Lugo, que nunca se materializa e a impresión é que a pelota vai pasando dun tellado a outro e o servizo segue sen existir. Cre que se chegará a facer?
Ímolo intentar. De feito onte [polo xoves] o Concello presentou unha nova batimetría para facilitar a resolución positiva porque o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta informou desfavorablemente a este tema, que esperamos desbloquear á maior brevidade posible para que a cidadanía de Lugo desfrute do río no sentido máis extenso.  

Estes problemas son estritamente técnicos, ou ás veces hai tamén unha intención política?
Cando concurren varias administracións, as dinámicas son distintas e os tempos tamén e eu quixera pensar que non inflúen outros aspectos. Se un informe sectorial que é preceptivo vén negativo, bloquea a saída máis ou menos esperada para poñer en marcha unha infraestrutura que parece desexada, convinte e positiva para a cidadanía de Lugo. Non é ánimo de querer despachar contra o Servizo de Conservación da Natureza, que ten os seus argumentos, e por iso tamén o Concello está facendo todos os esforzos posibles para adaptalo á normativa e que desaparezan os impedimentos.

Outra cuestión relacionada co Miño ao seu paso por Lugo é o mal estado de moitos caneiros. Que pasa para que iso sexa así?
A maior parte son estruturas seculares que tiñan unha finalidade específica e haberá que mirar de reparar algunhas porque telas en mal estado non é a mellor tarxeta de presentación. Eu achegareime probablemente a semana que vén a Lugo para coñecer en directo esta e outras problemáticas.

Outro dos problemas é a praga que afecta aos ameneiros, aínda que non é exclusiva de Lugo. Había un plan coa USC para poñerlle freo. Vai seguir en marcha?
Creo que a investigación segue o seu curso e esperemos que se poida atopar unha solución que free, ou polo menos estabilice, a praga.

Tamén afecta a este tramo de río a azolla, unha especie invasora . Ata o de agora non houbo medidas de control. Proponse levalas a cabo?
Haberá que propiciar convenios para que a universidade estude estes fenómenos e outros similares coa idea de ter o caudal coa mellor calidade posible.

A Confederación tamén iniciou expediente para a extinción da concesión da fábrica da luz. Está resolto? E en que se sentido?
Este parece que é un problema no que terei que afondar porque é bastante lioso. O que si é certo é que o Concello solicitou hai uns días a paralización do expediente de extinción ata que se resolvan os contenciosos que hai abertos por outro lado. A día de hoxe estamos xustamente estudando esa paralización para poder facilitarlle ao Concello que poida resolver estes contenciosos.

Para o Concello esta cuestión pode ter un custe económico alto.
Parece que si, parece que neste caso se xuntaron a fame coas ganas de comer. Xa desde fai moitos anos vén encadeándose un problema tras outro. Nós, como con calquera outra administración local, imos tratar de facilitarlle o máximo o posible para desbloquear este problema.

Este parece un momento complicado para xestionar un recurso como a auga. Semella que empeza a haber un cambio nos patróns hídricos...
O problema da auga é un problema fundamental nesta sociedade e o ano pasado vímoslle as orellas ao lobo coa seca. Aquí estamos bastante afeitos a que a auga sexa unha regalía que nos cae do ceo e non hai unha excesiva sensibilización da importancia que ten. Un pode acreditar máis ou menos no concepto de cambio climático, pero ao longo e ancho do globo terráqueo hai signos evidentes de que as cousas se están movendo e non no sentido mellor para a actividade humana. No noroeste peninsular non nos axuda para nada o sustrato xeolóxico, que é permeable e non acumula auga. Polo tanto, se cambia o réxime pluviométrico puideramos acabar tendo problemas. De aí que haxa que extremar a concienciación sobre a importancia non só da cantidade senón da calidade da auga.

Algúns movementos empezan a pedir eliminar atrancos nos ríos.
Con respecto aos atrancos, hai varios niveis. Un nivel que estaría provocado polo crecente abandono do mundo rural, que provoca que as marxes que antes estaban limpas agora estén máis pechas e aí si que hai que facer un esforzo por limpar. A outro nivel, encontrariamos presas, sobre todo de muíños, e caneiros que, aínda que a menor escala, tamén son un atranco. Nos últimos anos, polo que estiven vendo, foronse retirando algúns. Despois teriamos as grandes presas. Nesta demarcación hai 51, que son moitas. O que ocorre é que foron planificadas nunha etapa histórica, política e económica moi determinada e a maioría desas concesións teñen un horizonte de cincuenta anos. Cando pase este tempo é probable que haxa que cuestionalas porque hoxe en día hai outras maneiras de obter enerxía e non unhas tan drásticas como poñerlle un nó ao río, que afecta a súa riqueza.

O último presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil cun goberno do PSOE foi Francisco Liñares e nos xulgados aínda colean causas pendentes da súa xestión. Ese precedente aféctalle dalgún modo, supón un lastre?
Para nada, cadaquén é responsable dos seus actos e cada pao terá que aguantar a súa vela.

Sobre Sarria: "Se o Concello arregla a Ponte Ribeira terá compensacións"
En Sarria, a presidencia anterior da Confederación Hidrográfica decidiu non aportar financiación para as obras da Ponte Ribeira. Mantén esta postura?
(Rise) Ríome porque encóntrome cunha manda de problemas tremendos. No tema de Sarria non vou entrar en disquisicińos sobre como se xestou. Eu, cando tomo posesión, atópome cunha situación moi concreta e determinada e polas informacións que teño vai ser o Concello quen intente solventar a eiva e volver restitutir a ponte porque os veciños de Sarria non poden seguir sufrindo esta situación nunha infraestrutura tan vital como é unha ponte por onde pasan os peregrinos e que comunica dúas partes importantes da vila.
Vaina executar o Concello porque a Confederación non quixo asumila. Hai posibilidade de que nesta nova etapa participe ou aporte financiamento?
A Confederación o que non pode é subvencionar unha obra feita por outra administración, pero se o Concello fai ese esforzo a Confederación tratará de compensar ao Concello e á cidadanía de Sarria con outras inversións, por exemplo, tipo depuradora, que é outro dos grandes problemas que teñen os ríos e no que hai poñer moito sentidiño porque iso implica directamente a calidade da auga. Se o Concello saca para adiante unilateralmente as obras de Ponte Ribeira, a Confederación fará un esforzo noutro tipo de actuacións que redunden na cidadanía sarriá.
Entendo que, específicamente, se refire á construcción dunha depuradora.
En concreto, si. 
A Plataforma Sarriá polo Río avogaba por unha reparación máis sinxela do taboleiro. Non sei se coñece a proposta e se a ve factible...
Si, pero é unha problemática que me pilla a touro pasado. Creo quesería unha solución provisional que non sei se tería o visto bo de Patrimonio e eu case iría a unha solución máis estable, non investir nalgo que despois ao mellor hai que retirar no caso de que Patrimonio non autorizase esta estrutura.
Di que atopa moitos problemas herdados. Quere dicir que quedan moitas cuestións sobre a mesa que non foron ben xestionadas?
Ou que simplemente se encasquillaron por distintas circunstancias e acabaron bloqueadas ou non axeitadamente resoltas, pero haberá que duplicarse e tratar de solucionalas.
 

Comentarios