Varela: "É unha provincia dependente, a maior empresa son os maiores"

Despois de dez anos ao fronte da federación galega da construción de Comisións Obreiras e de seis na executiva nacional do sector, este sindicalista volta á area local. Debuxa un futuro incerto para a provincia se non mudan as políticas de emprego, que coida que non están a dar os resultados desexados.
Jesús Varela, secretario xeral da unión comarcal de Lugo de Comisións Obreiras
photo_camera Jesús Varela, secretario xeral da unión comarcal de Lugo de Comisións Obreiras

Por que se presentou?
Eu levo nesta casa 31 anos. Ocupei diferentes cargos en Lugo e a nivel autonómico e nacional. E agora, case no final da miña carreira laboral e profesional, quero rematar collendo a secretaría xeral da unión comarcal de Lugo porque houbo moitos afiliados que me pediron que a asumira para darlle un pulo. Formo unha executiva con outras oito persoas, catro homes e catro mulleres.

Que retos se marca para estes catro anos de mandato?
Primeiro, que CC.OO. de Lugo estea máis representada e que a afiliación se incremente. E despois collelo timón para que nas eleccións sindicais nas empresas voltemos a ser o máis representativos posibles para que redunde na negociación colectiva.

Cal é a situación da provincia de Lugo?
É preocupante. Está tocada de morte. Somos unha provincia dependente porque a maior empresa que temos son os pensionistas e xubilados. Hai 117.582 na comarca de Lugo. E por riba, despois de Ourense, somos a provincia coa pensión media máis baixa do Estado, con 684,73 euros. Moitas familias saen adiante cos medios económicos que aportan os maiores. É evidente que hai moitas persoas sen traballo. Na comarca de Lugo temos o 18% de paro. Temos outro hándicap, a poboación envellece e a xuventude, que está ben formada, estase a marchar para outras partes do Estado e, sobre todo, para o estranxeiro. Nós estamos deixando marchar de balde a eses mozos moi preparados e moi cualificados profesionalmente, que son moi ben recibidos noutros países. Eu teño exemplos na miña familia de mozos que tiveron que ir buscar o seu futuro fora de España porque ven que aquí non teñen saída laboral. Teño un sobriño traballando de ATS en Oxford (Inglaterra) e unha sobriña de administrativa en Dublín (Irlanda). E así estamos hipotecando o noso futuro.

Que lle parecen as políticas activas de emprego que están a aplicar as administracións públicas?
Teñen que mudar as políticas de emprego que temos porque non surten efecto. A reforma laboral fíxonos moito dano. Dinnos que se crea emprego e que a economía vai medrando, pero eu non vexo que reverta nas familias, nin na clase traballadora. Seguimos tendo un taxa de paro moi grande. Xenérase emprego? Si, pero en que condicións. É precario. Son contratos de semanas, de meses... que non dan estabi!idade para que se emancipen os novos. Temos un panorama bastante negro.

Os sindicatos perderon capacidade de convocatoria.
A situación laboral tamén lle inflúe aos sindicatos. Nos dependemos da afiliación dos traballadores e se estes non teñen emprego ou non perciben prestacións danse de baixa porque teñen que recortar gastos. A afiliación baixou moito. Tocamos fondo en 2016. Agora parece que hai unha leve recuperación e volvemos ter altas, sobre todo nos sectores con máis precariedade no emprego, como servicios, hostalería....

Cada vez se mobilizan menos na rúa.
As organizacións sindicais quedaron un pouco máis desarticuladas nas mobilizacións. A lei mordaza tamén fixo moita pupa. Se os traballadores non teñen estabilidade nin recursos económicos, deberían manifestarse máis, pero reivindícanse menos. Teñen máis precaución de saír á rúa. Pero os sindicatos tampouco estamos o unidos que deberíamos. Causa decepción se uns van por un lado e outros por outro. Di o refrán: A unión fai a forza.

A negociación colectiva está estancada. ¿É unha das súas principais preocupacións?
Estamos tocados, pero non afundidos. A reforma laboral dalle máis ferramentas á parte empresarial, en contra da social. Temos moitas trabas para poder sacar adiante os convenios. A patronal non quere negociar nin subas do un por cento, que é o mínimo que podemos pedir. Se os salarios non medran vaise retraer o consumo. Aquí por exemplo levamos tempo pelexando polo convenio provincial no sector da limpeza, pero non avanzan as negociacións. A reforma laboral favorece o convenio a carta entre patrón e traballador, en detrimento do convenio colectivo provincial, autonómico ou estatal. Ese é un dos puntos negros que temos.

Comentarios