Jaureguizar: "Shakespeare fue alguien enigmático que da muchísimo juego"

O Club de Lectura do Círculo de las Artes de Lugo abordou este mércores 'O globo de Shakespeare' do escritor e xornalista de El Progreso
Jaureguizar (no centro), con integrantes do Club de Lectura do Círculo de las Artes
photo_camera Jaureguizar (no centro), con integrantes do Club de Lectura do Círculo de las Artes

Os integrantes do Club de Lectura do Círculo de las Artes de Lugo adiantárose onte á celebración do Día do Libro cunha disección da novela ‘O globo de Shakespeare’ na que participou o seu autor, o escritor e xornalista de El Progreso Santiago Jaureguizar. A figura de William Shakespeare, que planea sobre a obra de Jaureguizar desde o mesmo título, "foi un personaxe enigmático que dá moitísimo xogo", entende o narrador lugués.

‘O globo de Shakespeare’, unha novela pola que Jaureguizar gañou o premio Terra de Melide en 2008, sitúa en Ribadeo un achado do manuscrito do ‘Ur Hamlet’, unha primeira versión da célebre obra de teatro de Shakespeare. "O dramaturgo era amigo do pirata Francis Drake", apunta o escritor para argumentar o motivo polo que un libreto do puño e letra de Shakespeare podería estar agochado na vila cantábrica.

Naquela altura, os autores de teatro non levaban as súas obras á imprenta "para que non mercadeasen con elas". É máis, sobre este aspecto Jaureguizar engade que mesmo os actores, logo de memorizar o seu papel, xuntábanse con outros colegas de profesión para recompoñer as obras de teatro e vendelas no mercado negro.

"Shakespeare morreu logo dunha esmorga de tres días co seu amigo escritor Ben Jonson"

Jaureguizar contaríalles despois aos lectores do Círculo que entre o primeiro texto, manuscrito, e a versión definitiva o dramaturgo inglés perde o seu fillo, Hamnet, polo que a obra que se coñece na actualidade é moito máis sombría do que se lle supón ao libreto primixenio.

O escritor e xornalista, que xa ten analizado esta novela con outros clubes de lectura e que habitualmente comenta a súa obra para nenos e mozos co público escolar, considera que a interacción con lectores adultos presenta algunhas vantaxes.

"Así como os nenos che dan unha lectura máis fresca e che van dicir sen problema se non lles gustou a túa novela, os adultos poden facer unha lectura máis fonda e documentada".

É por iso polo que Jaureguizar estaba onte disposto a relatarlles aos lectores do Círculo a metaliteratura e todos os elementos da biografía do autor de Stradford upon Avon que empregou para compoñer en ‘O globo de Shakespeare’.

Así, un dos personaxes principais leva por nome Ricardo e, coma o ‘Ricardo III’ sobre o que escribiu Shakespeare é xorobado. "O meu Ricardo é fillo dun shakespeareán e, como somos todos os shakespeareáns, é cruel". Este personaxe, para agochar as súas eivas, comunícase a través de monicreques e é, á súa vez, un monicreque do seu pai.

"Os nenos danche unha lectura máis fresca e dinche sen problemas que non lles gustou o libro; os adultos len de xeito máis fondo"

Jaureguizar explicoulles aos seus lectores do Círculo de las Artes como de importante foi a figura paterna para William Shakespeare, un home que quixo ser poeta pero que se decantou polo teatro porque propiciaba meirandes ingresos.

"Shakespeare quería mercar as meirandes casas de Stradford upon Avon, máis tamén acadar un título nobiliario para restituír a seu pai, un catador de cervexa que fora alcalde e que caera en desgraza na Inglaterra anglicana de Sabela I por ser católico".

Relatou Jaureguizar tamén que, aínda que o Día do Libro se festexa hoxe por coincidir o cabodano do falecemento de Cervantes e de Shakespeare, isto non é exactamente así. "Shakespeare morreu o 23 de abril, pero polo calendario xuliano. O que se sabe é que faleceu logo dunha esmorga e dunha borracheira de tres días co seu amigo Ben Jonson, tamén dramaturgo".

A xestora cultura do Círculo de las Artes, Noelia Castro, explicou que están a apostar polos escritores da provincia para seren lidos no Club de Lectura da entidade. "Santiago Jaureguizar é moi coñecido por todos pola súa faceta de articulista no xornal El Progreso, pero é certo que houbo moitos membros do club que non leran un libro seu". ‘O globo de Shakespeare’ foi publicado en galego pola editorial Xerais e en castelán, por Rinoceronte.

Santiago Jaureguizar Escritor e xornalista Shakespeare morreu logo dunha esmorga de tres días co seu amigo escritor Ben Jonson" Os nenos danche unha lectura máis fresca e dinche sen problemas que non lles gustou o libro; os adultos len de xeito máis fondo" Noelia Castro Responsable cultural do Círculo de las Artes Santiago Jaureguizar é moi coñecido pola súa faceta de articulista no xornal El Progreso"

Comentarios