Jaime Castiñeira: "¿Si el PP intentaría formar gobierno sin ser la lista más votada? Pues ya veremos"

É a segunda vez que compite pola alcaldía de Lugo, despois de que a primeira se quedara a pouco máis de 400 votos da maioría absoluta. Está convencido de que desta vai, pero de non ser así tampouco pecha a porta a apoiarse noutras formacións, se se dera o caso, para gobernar. Iso si, avisa de que en ningún caso sería alcalde máis de oito anos.
Jaime Castiñeira, diante da casa consistorial
photo_camera Jaime Castiñeira, diante da casa consistorial

Está Peinando o Concello. Hai quen di que está recorrendo agora o que non recorreu antes.

Esa é unha cousa que se di sempre, que hai que estar máis na rúa, pero nos últimos catro anos pateamos moitísima rúa. Recorremos as máis de 600 rúas que ten Lugo varias veces, e as 54 parroquias de Lugo, asistindo á gran maioría delas varias veces. E tes que atender un pouco a todo. Os expedientes hai que miralos cando vas ao pleno, facer control do labor de goberno, atender peticións de veciños... Creo que foi un traballo compensado.

Non fai como Rajoy, ponse o listón alto e di que se non cumpre o 90% das propostas, dimitirá. Orozco bromea sobre a súa falta de confianza.

Eu fun capaz de firmar iso e vouno cumprir porque o noso programa é perfectamente realizable. Pero quero dicir que aínda que teña o apoio maioritario para estar varios mandatos, non estarei máis de oito anos. Un alcalde ten que ser capaz de poñer en marcha os seus proxectos nese tempo.

Leva un programa con moitas propostas, bastante concretas e algunhas moi ambiciosas. De onde vai saír tanto tiñeiro, por moito que aforre renovando contratos?

Hai moitas cousas que é traballo e ideas, e reorganizar, non son cartos. O transporte urbano non son cartos, o da Ora non son cartos...

O da Ora serán menos cartos se prescinde dela...

Co transporte é moi posible que recademos bastante máis e polo tanto que nos saia máis económico, aínda que o poñamos gratis para xubilados, pensionistas e familias con poucos recursos. Cunha xestión municipal adecuada eu estou convencido de que se pode funcionar, e logo establecer prioridades. De nada me vale que o señor Orozco presuma de superávit tendo as pistas e as rúas como as temos.

Como pensa dar esa volta total ao transporte público que propón se o servizo xa está en contratación?

De momento non está adxudicado. Paralizalo podería ser problemático, pero o prego establece que a adxudicataria no primeiro ano ten que presentar unha alternativa, que lle teremos que facer pasar polo modelo que nós queremos.

Ve suficientemente dotado o Concello para poder levar a cabo todo o que propón, con algúns servizos moi deficitarios de persoal e nun momento no que a lei impide ampliar os cadros?

Hai algúns servizos que están moi mal, pero é que se foron debilitando intencionadamente, buscando un fin, que era a externalización. Nos últimos 16 anos pasamos de ter 13 empresas prestadoras de servizos para o Concello a ter 50.

A cidade medrou e o número de servizos que se prestan, tamén.

É certo, home en 16 anos avánzase, pero hai moitos servizos que estaban xestionados polo Concello e agora están privatizados.

Algúns con peor resultado, pero outros con mellor.

Dende logo o servizo de aguas xa lle digo que non, o da grúa tamén, o da sala de control de tráfico..., e podemos seguir. Se eu son alcalde, algún será xestionado polo Concello, porque aforramos cartos.

Hai a quen lle resulta estraño oír iso dun representante do PP.

Eso é unha estigma que nos intentan poñer os que din que son progresistas e de esquerdas, e despois ao mellor privatizan máis eles que os que nos din que somos de centro-dereita. Nós buscamos a eficiencia no servizo e na xestión,

Pesan moitos os reproches da xente na rúa á xestión do PP no Goberno central e na Xunta?

Si, loxicamente. O Goberno nacional sobre todo tivo que tomar unha serie de medidas que non son gratas para ninguén. Pero tamén hai moita xente que comprende a situación e que di menos mal que está gobernando o PP porque non sei onde estariamos.

Cre que os cidadáns sinten que Lugo é unha cidade ben tratada por eses gobernos?

É que a imaxe que están intentando dar os socialistas é outra, porque teñen o estigma de que non foron capaces de facer o que outros fixeron e están a facer.

Pero os cidadáns terán criterio propio...

Pero eles están vendendo iso. Pero poñemos nunha balanza o que se queira. Lugo sigue sendo unha das cidades e provincias onde máis se investiu proporcionalmente aos habitantes.

"Están a Deputación e Orozco detrás da campaña dos veciños? Eu diría que si, e non só eu"

A tres días das eleccións, haberá unha manifestación contra a xestión sanitaria do PP. Pensou que os veciños chegarían tan lonxe?

Os veciños sós?

Sós?, pregunto.

Non, pregunto eu. Ou está detrás a Deputación e o señor Orozco? Porque ten moita similitude coa campaña do señor Orozco.

Jaime Castiñeira diría que si.

Eu diría que si. E non o digo eu só, dino moitos lucenses e incluso algún outro partido. O financiamento non sei de onde sae, hai dúbidas. Pero bueno, é unha liberdade que teñen como cidadáns. Eu dende logo penso que as municipais deberían ser outra cousa, deberían ser propostas reais. Pero ao mellor a algún se lle acabaron as ideas despois de 16 anos.

Suxire que o financiamento sae das institucións?

Non, eu non acuso, é o que percibes na rúa, o que che din, comentarios de todo tipo, de onde saíu a reprografía e outras cousas.

De ser así, non cabería algunha actuación?

Eu estou convencido e confío na intelixencia dos lucenses. Son moito máis intelixentes do que algúns pensan e o domingo van saber elixir o futuro.

Foi empezar a campaña e o PSOE sacou o da súa casa no Corgo. Esperábao?

Cando un ten as cousas legais, o que un non espera son mentiras. O primeiro, chamarlle chalé é demasiado. Está alí e pódese ver, son 50 e poucos metros cun porche.Feita no ano 91 con toda a legalidade vixente.

 "Aínda que teña o apoio para estar varios mandatos, non estarei máis de oito anos"

Con toda a legalidade no 91?

Perfectamente legal. Non teño por que ensinar os papeis. Bueno, ao señor Orozco xa llos ensinei no debate da TVG. Non sei se todos os membros da candidatura de Orozco ou da do Corgo, que encabeza o señor Cerqueiro, poden dicir o mesmo.

Se non ten maioría, permitirá gobernar á lista máis votada ou se ten en quen apoiarse intentará formar goberno?

Iso hai que esperar. Nós aspiramos a gobernar con maioría absoluta. Hai catro anos faltáronnos 400 votos, eu estou convencido que desta vez os cidadáns non van permitir que nos volva a pasar o mesmo. Hai moita xente disgustada por esa situación de pactos que se produciu. Hai catro anos o señor Orozco tampouco dixo que ía pactar con ninguén. Enganou claramente.

Por iso lle pregunto, para que a vostede non o acusen do mesmo.

O meu contrato é cos lucenses. Firmeino o primeiro día de campaña. A duda téñena cos outros, non din e despois pactan.

Deduzo entón que como non di, o PP non pactaría.

Eu non lle digo que deduza nada. Nós non nos planteamos outra situación que non sexa a maioría absoluta.

Dígoo porque o PP leva anos defendendo o da lista máis votada.

Sempre o dixemos, e seguímolo mantendo.

E se é outra a máis votada?

Pois veremos, xa falaremos despois. Pero a alternativa é clara. Ou Lugo ten un goberno encabezado por Jaime Castiñeira ou terá un Lugo ingobernable, con tres, catro ou cinco partidos, e non se sabe quen será o alcalde.

Iso non é simplificar demasiado? Pensar que vai ser mellor un goberno de maioría absoluta que unha coalición?

Con catro ou cinco? Houbo dous nestes catro anos, a metade, e xa vimos o que pasou.

Comentarios