jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

As Irmandiñas das que non se fala

2018110712165428200
2018110712165428200

A catedrática Aurora Marco falou este martes en Lugo do compromiso das mulleres integradas nas Irmandades da Fala co galeguismo e o republicanismo, que levou a algunhas ao exilio

As Irmandades da Fala non foron só territorio masculino: elas tamén estiveron aí. María Miramontes, Elvira Bao Maceiras, Amparo López Jeán, Concepción González Varela, Adela Martínez García ou Micaela Chao Maciñeira -a única muller que formou parte da comisión constituínte- son algúns dos nomes femininos que conseguiu recuperar para a historia a catedrática de Lingua e Literatura Galega na facultade de Ciencias da Educación en Santiago Aurora Marco López, que deu onte unha conferencia na Deputación, convidada pola asociación Lugo Patrimonio e dentro do programa conmemorativo do centenario da asemblea en Lugo do colectivo galeguista.

"O papel das mulleres das Irmandades da Fala era o que lles deixaban facer. Polo tanto, si houbo presenza feminina pero esa presenza foi desigual con respecto aos homes. Elas non fixeron as mesmas actividades que facían eles, pero tampouco foron convidadas de pedra", comenta Aurora Marco.

As mulleres simpatizantes coas Irmandades da Fala comezaron a traballar xa desde a mesma data da súa fundación-na Coruña, o 16 de maio de 1916- neste proxecto político e cultural que pretendía rescatar do esquecemento a cultura galega nos seus distintos ámbitos.

"As mulleres facían labores de propaganda, recadaban fondos para bordar bandeiras, editaron algún material propio e tamén criticaron o fusilamento das labregas de Sofán", afirma Aurora Marco, que está a piques de sacar As Irmandiñas, un libro froito dunha investigación sobre o papel feminino nas Irmandades da Fala.

SECCIÓN FEMININA. A primeira vez que hai constancia da constitución dun grupo feminino foi en decembro de 1918, dous anos despois da creación das Irmandades da Fala e ao mes seguinte da asemblea en Lugo que deu pé ao manifesto nacionalista. As mulleres que simpatizaban con este movemento decidiron unirse para contestar a outro manifesto lanzado, nesta ocasión, pola Asociación Nacional de Mujeres Españolas.

"Esta era unha asociación de ámbito estatal que defendía a integridade do Estado español e protestaba polas intencións separatistas e independentistas de Basconia e Cataluña facendo un chamamento a todas as mulleres do Estado. A resposta das Irmandiñas ao manifesto non se fixo agardar. Constituíronse baixo o nome de Sección Feminina das Irmandades da Fala e lanzaron unha folla voandeira titulada Habla la mujer gallega. Respuesta a un manifiesto, en castelán, na que, dun xeito moi contundente, negaban a unidade española e o centralismo e defendían o recoñecemento da personalidade e a soberanía galegas", cuenta Aurora Marco.

INVESTIGACIÓN. Non se sabe cantas mulleres puideron formar parte desta peculiar sección feminina das Irmandades porque non había listaxes. Tampouco hai datos das mulleres que podía ter habido en Lugo. Por iso, Aurora Marco vese na obriga de rebuscar en hemerotecas, memorias e fontes orais nomes de mulleres que participaron neste movemento cultural e político, onde a presenza delas quedou baixo a sombra do papel masculino.

"As mulleres foron ignoradas e esquecidas, aínda que houbo represaliadas. Algunhas tiveron que exiliarse como María Miramontes, viúva do alcalde de Santiago Anxo Carral, que foi asasinado e tivo que marchar para Bos Aires. Outras sufriron un exilio interior, como Elvira Bao Maceiras, que estivo no cárcere, sufriu rexistros continuos na súa casa e foi inhabilitada como mestra cando entrou Franco. Esta muller tivo que pasar once anos sen saír da súa casa", lembra a catedrática.

O compromiso político destas mulleres continuou, ao longo do tempo, trala ditadura de Primo de Rivera e a proclamación da Segunda República, onde xogaron un papel importante. Algunhas delas ingresaron no Partido Galeguista, constituído en 1931. Outras, en 1933, formaron parte da Agrupación Republicana Feminina, na Coruña.

Ademais do compromiso político, as mulleres tiñan tamén unha gran presenza no ámbito cultural. Participaban en representacións teatrais cando o teatro era un instrumento para a galeguización, pero tamén foi ampla a súa presenza nos coros. Das Irmandades da Fala saíron agrupacións corais que aínda hoxe, un século despois, continúan vivas como Ruada, Toxos e Flores, Cántigas da Terra ou Cantigas e Agarimos.

"Fomentaron, desde a escea, o coñecemento da música e dos bailes galegos, dos costumes... Todo isto estaba recollido nos estamentos de constitución das Irmandades", afirma Aurora Marco, que engade que moitas destas Irmandiñas tamén colaboraron co Seminario de Estudos Galegos.

BIOGRAFÍAS. Pese ao esquecemento, Aurora Marco conseguiu rescatar para o seu libro a biografía de catro mulleres, que se comprometeron con este movemento cultural e político.

"Trátase de Concepción González, que ata agora era coñecida só por ser a muller do escritor Manuel Lugrís Freire e a nai do pintor Urbano Lugrís; Adela Martínez, que axudou a moitas persoas represaliadas ás que lles facilitaba a pasaxe en barco para exiliarse; Amparo López, que foi a presidenta da Agrupación Republicana Feminina e a primeira militante do Partido Galeguista na Coruña, e Elvira Bao Maceiras, a mestra galeguista e republicana. Todas elas eran coruñesas", recapitula Aurora Marco, que pretende, con esta investigación, salientar e rescatar o papel das mulleres nas Irmandades da Fala.

As Irmandiñas das que non se fala
Comentarios