Jueves. 17.01.2019 |
El tiempo
Jueves. 17.01.2019
El tiempo

Sonia Villapol: "A inxesta de probióticos podería chegar a favorecer a recuperación despois dun dano cerebral"

Sonia Villapol co seu home, Todd James Treangen, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Sonia Villapol co seu home, Todd James Treangen, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Leva anos estudando o dano cerebral desde a universidade de Georgetown. Agora, esta neurocientífica comeza outra investigación sobre o papel das bacterias intestinais na neurodexeneración cerebral.

A FLORA intestinal dá moito aínda que investigar. O papel das bacterias presentes nos intestinos e a súa influencia no resto dos órganos do corpo e, especialmente, no funcionamento cerebral é un campo no que non hai moito investigado aínda que os primeiros estudios que se fixeron ven xa unha relación entre esta flora e a neurodexeneración cerebral en casos de alzhéimer, párkinson, ictus e tamén ansiedade ou depresión.

O Goberno de Estados Unidos vén de financiar unha investigación sobre este tema, que se levará a cabo desde o departamento de Neurociencia da universidade de Georgetown, en Washington, no que a lucense Sonia Villapol Salgado será a investigadora principal dun equipo co que colaborará tamén o Centro de Informática da Saúde e Bioimaxe da universidde de Maryland, codirixido polo seu home, Todd James Treangen. Ambos os dous visitaron estes días Galicia para dar dúas conferencias no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía e no Centro de Investigacións Avanzadas, na Coruña.

Por que ese interese polas bacterias intestinais e a súa repercusión na neurodexeneración cerebral?

É un tema que se puxo moito de moda nos últimos anos e sobre o que se sabe aínda moi pouco, de aí a investigación. Pero si hai estudos previos que demostran xa, en base a experimentos que se están a facer con ratos de laboratorio, a grande influencia que teñen as bacterias intestinais na neurodexeneración do cerebro. Entón, nós o que pretendemos estudar agora é como os cambios na flora intestinal poden servir para previr ou recuperarse dun ictus ou doutro tipo de procesos dexenerativos cerebrais. Incluso se sabe que estas bacterias tamén xogan un gran papel nas lesións medulares que causan cunha gran dor crónica.

Hai estudos que demostran a influencia das bacterias intestinais na neurodexeneración cerebral

Para os profanos na materia, semella moi estrano que algo que hai nos intestinos poida influír no cerebro cando un órgano está tan lonxe do outro...

Si, pero en investigacións previas que fixemos xa na universidade de Georgetown vimos que as enfermidades neurodexenerativas cerebrais teñen moita relación con outros órganos da periferia. Por exemplo, na última investigación demostramos como despois dun dano cerebral o fígado queda inflamado e tamén como recuperando o fígado, se mellora na recuperación do dano cerebral.

De que maneira entón as bacterias intestinais poden determinar unha maior ou menor predisposición ao dano cerebral?

As vellosidades do intestino cambian. Se hai menos contraccións, faise unha peor dixestión e, finalmente, o corpo non adquire os nutrintes necesarios e iso inflúe nos outros órganos. O que pasa é que pouco se sabe aínda dos cambios que se producen nas bacterias, do que se chama disbiose. É dicir, o desequilibrio microbiano que se poida producir no intestino e que pode ser consecuencia do efecto dos antibióticos —que arrasan coa flora intestinal— e da dieta, entre outras causas. Por iso, para tratar a disbiose é moi importante o consumo tanto de prebióticos —para protexer e cambiar a composición da flora intestinal— como de probióticos, despois dun tratamento con antibióticos, para restaurala. Aquí, en España, isto é algo que están a facer xa os médicos e que está moi ben. En cambio, en Estados Unidos non se fai.

Os cambios na flora intestinal poden servir para previr ou recuperarse dun ictus

Ata que punto é coñecida esa relación entre a actividade intestinal e a neurodexeneración cerebral no mundo da medicina?

É coñecido pero está moi pouco estudado. De feito, aos intestinos chámaselles tamén o segundo cerebro porque dentro hai neuronas e nervos. Sábese que algunhas células do sistema inmunitario secretan toxicidades, o que demostra á súa vez o enlace que hai entre o cerebro e o intestino. Por outra banda, non está aínda investigado pero hai evidencias de que o nervo vago transmite a proteína alfa-sinucleína, que produce o párkinson. Moitas enfermedades dexenerativas son debidas aos cambios na flora bacteriana que, á súa vez, poden estar provocados polas dietas. Pero entre o 85 e o 90 por cento das causas destes cambios da flora aínda non se coñecen. Como tampouco se coñece, realmente, como os probióticos afectan á flora intestinal aínda que serven para restaurala. Nos Estados Unidos, estase agora a profundizar moito nesta cuestión nos casos das enfermidades neurodexenerativas cerebrais. Aparte do tratamento médico, estanse a estudar outros factores en traballos multidisciplinares con neurólogos.

A finalidade da investigación sería, entón, empregar os probióticos no tratamento destas enfermidades neurodexenerativas para restaurar a capacidade cerebral?

Si, iso é o que imos facer no laboratorio. Imos utilizar probióticos —bacterias vivas— en ratos que sufriron un dano cerebral para ver se hai algún tipo de mellora a nivel motor. Sábese que hai certas bacterias específicas intestinais que desaparecen despois dun dano cerebral. Entón trataremos de ver se restablecendo o equilibro da flora intestinal mediante a inxesta de probióticos se favorece a recuperación dun dano cerebral.

En España danse probióticos tras tomar antibióticos. En Estados Unidos, non se fai

"Preveríase o ictus cunha pílula feita con transplantes fecais"

Cal sería a composición deses probióticos que se subministrarían ás vítimas dun dano cerebral?

Isto tamén forma parte da investigación. O que nós trataremos facer cos ratos é analizar o ADN presente nos excrementos dos animais antes e despois do dano cerebral para ver así como cambia a composición da flora intestinal e como se poden cubrir os déficits desas bacterias a través da inxesta dos probióticos. O uso dos antibióticos ‘mata’ as bacterias boas e malas. Isto é importante porque o 90 por cento do noso corpo está formado por bacterias quedando o restante só para células humanas. Cada tres células do noso corpo, dúas son bacterias e unha, humana. Por peso estímase que temos 200 gramos de bacterias no corpo.

Como se subministrarían eses probióticos?

Haberá unha segunda parte do estudio na que traballaremos con ratos libres de xermes. Ou sexa, ratos que non teñen flora intestinal. Para iso, provocarémoslles unha lesión cerebral e despois veremos como responden. A idea sería facerlles un transplante fecal con bacterias doutros ratos, a xeito de probiótico, e ver se recuperan as súas funcións cerebrais.

Ese sería o tratamento do futuro para o dano cerebral?

Un transplante fecal coas bacterias axeitadas? Si, trataríase de prever o ictus coa inxestión dunha pílula feita con transplantes fecais, unha vez sintetizado o ADN de bacterias de persoas sás. A administración en humanos desta medicación podería durar un ano ou dous. Partimos de que alteración da flora bacteriana pode inducir un dano cerebral. Hai xa estudos recentes en modelos animais, e tamén clínicos, sobre a influencia da carencia de certas bacterias intestinais na aparición de enfermidades dixestivas. O que non se sabe é que especies de bacterias poden favorecer algúns procesos vitais que poden verse alterados conducindo así ao desenvolvemento de enfermidades. Esta comunidade bacteriana, chamada microbiota, interactúa cos sistemas endocrino, inmune e nervoso, afectando ao noso estado físico e mental. Demostrouse que a microbiota libera metabolitos que poden chegar ao cerebro, podendo ser a causa de enfermidades como o alzhéimer, o párkinson ou a esclerose lateral amiotrófica. Sábese tamén que o desequilibrio nesta flora intestinal está relacionado co empeoramento das lesións medulares e coa recuperación motora.

É importante que os biólogos se senten con bioinformáticos para analizar a secuencia xenética desta flora

Isto foi probado xa con animais?

Xa houbo experimentos con ratos aos que se lles deron potentes antibióticos para inducirlles unha lesión medular e aos que, despois, se lles deu probióticos enriquecidos con ácido láctico a un grupo e a outro non. Curiosamente, os ratos alimentados con probióticos responderon moito mellor á fase de recuperación despois da lesión medular e a súa habilidade motora mellorou considerablemente. Isto non ocurriu cos ratos alimentados cunha dieta normal. Estes estudos suxiren que a alimentación con probióticos favorece a rápida recuperación despois de lesións medulares, reducindo os procesos inflamatorios no sistema nervioso e facilitando a función motora. Por iso, é importante que neurocientíficos, biólogos moleculares, microbiólogos ou xenetistas nos sentemos con bioinformáticos para analizar a secuencia xenética desta flora bacteriana e así poder atopar as dianas axeitadas para previr e curar enfermidades que afectan ao sistema nervioso ou, noutras palabras, como curar o cerebro estudando o que ocorre no noso bandullo.

A que se debe ese interese nos EE UU para apoiar este tipo de investigación: a que hai unha alta incidencia de enfermidades neurodexenerativas cerebrais ou á relación que pode haber entre mala alimentación da súa poboación e a aparición destes problemas?

A investigación está moito máis financiada nos Estados Unidos que en España pero poden influír ambas cousas e outra máis: o elevado gasto que causan o tratamento e a rehabilitación dos ictus e dos traumatismos craneoencefálicos nos hospitais dese país, á parte do interese que hai en coñecer as causas que provocan os ictus.

A hormona da felicidade é regulada tamén polo intestino

Se resulta incrible que un ictus, un párkinson ou un alzhéimer poida ser causado por unha disfunción da flora bacteriana intestinal, aínda é máis sorprendente pensar que iso tamén inflúa na aparición da ansiedade ou da depresión. Como pode ser isto?

Sábese que os lactobacillus interactúan no eixe do hipotálamo, a zona do cerebro que regula a produción de hormonas. De aí podería saír a súa relación coa aparición da ansiedade ou da depresión. Pero é máis: o 90 por cento da serotonina —a hormona da felicidade— prodúcese no intestino, no sistema entérico, e vén regulada tamén pola flora bacteriana. A cal, á súa vez, depende da alimentación que tomemos. Concluíndo: se non hai determinadas bacterias intestinais, non se sintetiza a serotonina e pode sobrevir a depresión.

Que dieta deberiamos levar para non ter esas carencias bacterianas?

Teriamos que inxerir, sobre todo, menos azucre, que dana as bacterias boas, e comer máis verduras. A banana e un gran prebiótico, igual que a cebola. O leite cru ou sen pasteurizar pode ter bacterias beneficiosas ata que chega un virus e as altera podendo producir problemas de saúde. O importante é evitar os alimentos procesados. Agora tamén se sabe que a presenza dunha determinada flora bacteriana fai máis propensas a determinadas persoas a seren obesas.

Sonia Villapol: "A inxesta de probióticos podería chegar a...
Comentarios