Balseiro: "O investimento na Residencia vai ser o maior feito en Lugo pola Xunta desde o Hula"

En novembro cumpre dous anos como ‘superdelegado’ da Xunta,  etapa na que multiplicou a axenda dese cargo para poñer en valor "o moito investimento" que di que fai esta administración en Lugo.

José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo. J. VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo. J. VÁZQUEZ

José Manuel Balseiro (O Valadouro, 1962) leva case tres décadas como cargo público e nesta última etapa tocoulle representar  en Lugo á administración con máis funcionarios e, segundo di, a que máis inviste «con diferenza» na provincia.

Vai cumprir dous anos no posto de ‘superdelegado’ da Xunta, que é como se lles chamou a estes cargos trala chegada de Feijóo á presidencia. Que cambiou na delegación desde que a dirixe?
Eu non podo dicilo porque só a coñezo desde que a dirixo eu, pero, dito esto, nós o que tratamos é de chegar á xente e de poñer en valor o moito investimento que fai a Xunta de Galicia nesta provincia, porque é con diferenza a administración que máis inviste nela, se exceptuamos cando se constrúe unha autovía do Estado. En investimento son máos de 1.300 millóns de euros anuais e só hai que fixarse que o Concello e a Deputación de Lugo teñen uns 80 millóns de orzamento.

Logo non se visualizaba ben antes a aportación da Xunta a Lugo?
(Risas) Voume centrar no traballo que fago eu e non no que fixeron outras persoas.

Bueno, pero a axenda do delegado multiplicouse desde que chegou vostede. Foi por iniciativa propia? É unha estratexia política?
Non, aquí non hai estratexia ningunha, o que hai é traballo diario para conseguir cousas para os lucenses e poñelo en valor. E iso hai que agradecerllo tamén a un equipo que está comigo e tamén aos medios de comunicación que recollen ese traballo.

A Xunta de Galicia é con diferenza a administración que máis inviste na provincia. Máis de 1.300 millóns anuais

Unha provincia tan diversa coma esta semella que non acaba de vertebrarse. De quen é a culpa desa desconexión entre o norte, o centro e o sur da provincia, da Xunta, da Deputación, dos concellos...?
Eu creo que non está desconectada. A provincia ten moito e bo que poñer en valor, desde A Mariña con dous dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico e unha das maiores empresas de Galicia, ademais dun sector forestal potente. A Terra Chá está moi definida cun sector agrogandeiro importante e Lugo, como capital, ten un peso específico como estrutura administrativa, ademais de ter tres monumentos Patrimonio da Humanidade. E o sur da provincia ten moito que aportar e, se somos capaces de que a Unesco declare Ben Mundial a Ribeira Sacra e aprobe o proxecto de xeoparque no Courel, Ribas de Sil e Quiroga, habería un cambio na comarca importante e tamén na provincia e na comunidade.

Pero para conectar esas potencialidades son necesarias infraestruturas. A Xunta prevé converter en autovía o corredor Lugo-Monforte, que se está a ver que é unha estrada perigosa. Vanse acelerar os plans de desdobramento?
No corredor Lugo-Monforte estamos a redactar o primeiro tramo que desdobraríamos, que vai da Pobra de San Xiao a Sarria. Son 11 quilómetros e está previsto que as obras empecen o vindeiro ano.

E vai haber algunha medida complementaria para dar seguridade?
Este corredor xa ten medidas de seguridade, pero a siniestralidade cero non existe. Ademais, cando se decide desdobrar ese primeiro tramo é porque é o que máis densidade de tráfico ten e vai axudar a baixar a siniestralidade.

E na Mariña tamén esperan pola prometida vía de alta capacidade.
Na Mariña estamos agora pendentes de facer a variante de Viveiro, que sacará unha parte importante do tráfico do casco urbano, que sobre todo en verán é un pescozo de botella. Estanse facendo os estudos da ponte sobre a ría. É unha obra importante e esperemos que haxa colaboración institucional do Concello para facer unha obra da que moito se ten falado, pero na que nunca se deron os pasos para levala adiante. Ademais, hai un compromiso firme do presidente da Xunta. Pero se falamos de débedas na Mariña, a máis importante tena o Goberno do Estado e é levar adiante a autovía desde A Espiñeira ata O Castelo, en Cervo. Había compromiso do Goberno anterior e creo que os proxectos deben estar concluídos e sería bo saber xa se se vai facer.

O Concello de Lugo non asinou o convenio e iso é un escollo para seguir adiante

E Fomento tamén ten pendentes investimentos no tren lucense, aínda que agora acaba de xurdir unha polémica entre Ourense e Monforte, xa que desde a cidade das Burgas piden que estea alí o nó loxístico de mercadorías por ferrocarril. Que postura vai tomar a Xunta nesta nova liorta localista?
Se me pregunta como delegado de Lugo, por suposto que temos que apoiar a esta provincia e a Monforte, que ten moita historia no ferrocarril. Non podemos esquecer que está alí o Museo do Ferrocarril de Galicia, que teño a honra de presidir, e ademais a Xunta está dotando de infraestruturas esa cidade, como o porto seco, onde se levan investidos uns 20 millóns de euros e imos facer un acceso cun coste duns cinco millóns. 

En Lugo tamén está pendente a construción dunha estación intermodal, na que está implicada a Xunta. Cando se verán traballar as máquinas?
O proxecto de intermodal é a tres bandas, porque Adif faría todo o relacionado co ferrocarril, a Xunta executaría a estación de autobuses e o Concello os accesos. Na reunión co anterior presidente de Adif quedamos en axilizar as obras e en remitir un convenio similar aos que se fixeron para outras intermodais galegas e a día de hoxe o Concello de Lugo nin o asinou nin dixo nada del e xa transcorreron sete ou oito meses. Sería bo que o Concello se pronunciase, porque a intención da Xunta é levar adiante unha obra que supón uns seis millóns de euros.

Pero está logo parado o proxecto pola sinatura dese convenio?
Bueno, o convenio hai que asinalo e é un escollo para seguir adiante, aínda que tamén estamos esperando que o novo Goberno central se pronuncie sobre este proxecto e nós o único que pedimos é colaboración institucional.

Por suposto que temos que apoiar a esta provincia e a Monforte, que ten moita historia no ferrocarril

A Xunta tamén impulsou cun convenio co Concello o equipamento do novo auditorio, que prevé  unha exención no Ibi de varios edificios da administración autonómica por importe de 3,6 millóns. Unha vez adxudicado o contrato, quedaron sen gastar 1,5 millóns. Vaise reinvestir en Lugo ese orzamento?
Os grandes servizos da cidade estaos dando a Xunta, desde a educación á sanidade. As grandes obras previstas ademais son da Xunta, como as que van ir no barrio da Residencia, que vai ser o maior investimento en Lugo desde que se fixo o Hula. En canto ao auditorio, o Concello aínda non puxo un euro, e costou máis de 20 millóns. A Xunta puxo os terreos e agora está adiantando o diñeiro para equipalo, senón seguiríamos co auditorio pechado e en canto estea equipado vai ser entregado ao Concello. Sobre o aforro, o convenio tamén contempla os gastos de mantemento e a Xunta tampouco terá inconvinte en reinvestir ese diñeiro e moito máis.

No proxecto para o barrio da Residencia tamén se xerou certa inquedanza entre os veciños logo de que o goberno local sacara á luz que a Xunta deu marcha atrás hai meses á retrocesión dos terreos. Por que non se falou no seu momento desa modificación?
O goberno de Lugo o que pretendía con iso era enredar, pero iso explicouse ben, porque o cambio na retrocesión faise para facela conxuntamente e non andar facéndoa a tramos. Pero se me pregunta cal é a posición da Xunta no barrio da Residencia, pois nin un paso atrás do que dixemos. Hai orzamentados en 2019 case 7 millónes e agora estamos pendentes de que o Concello dea licenza para o centro integral e a continuación imos presentar o proxecto das oficinas de emprego e despois o de derrube. Acabamos de presentar a aceleradora de empresas, que inicialmente vai ir no Pazo de Feiras. O barrio da Residencia imos volver a dotalo dese esplendor de vida que tivo no seu momento e creo que vai superalo, porque ademais do dito vai ir unha residencia de maiores e estamos esperando que o Goberno central se pronuncie sobre se vai seguir adiante coa comisaría, comprometida polo anterior ministro do Interior.

E vai ter neste mandato o Hula servizo de Hemodinámica 24 horas?
Lugo está dotada dun dos mellores hospitais de España e se cadra de Europa. Cando o PP chega ao Goberno, o Hula era un esquelete e houbo que destinar uns 50 millóns a equipalo e abrilo. A partir de aí fomos gañando servizos e mesmo a ampliación de Hemodinámica polas tardes, pero agora van decidir os técnicos se é necesario que haxa 24 horas e hai compromiso do conselleiro de tomar decisións en base a criterios técnicos.

"Hai permisos para abrir tres residencias e non pediron máis"

Falaba dunha nova residencia de maiores en Lugo, pero hai varias rematadas na provincia da Deputación que non dan aberto ao parecer por falta de permisos.
Hai tres residencias con permisos da Xunta, que son as de Becerreá, Castroverde e Pol, e a partir de aí non hai pedido ningún permiso máis. E esas tres poden abrilas cando queiran e se non o fan é por problemas deles. Non ocorre isto coas residencias da Xunta en Lugo. Abrimos a de Cervo e imos abrir proximamente a de Baleira, a de Paradela e a de Foz.

Outro proxecto inminente da Xunta en Lugo é o novo colexio do Sagrado Corazón. Cando vai ser realidade?
Pois estamos redactando o proxecto e unha vez rematado a intención da consellería é licitar as obras, que esperemos que comecen o vindeiro ano.

Os incendios do ano pasado en Cervantes provocaron graves danos e hai veciños que están á espera de cobrar axudas. Cando se van facer efectivas?
Seguen esperando polas axudas da Deputación e do Goberno central; polas da Xunta non. Quero dicir, a Xunta foi a única administración que pagou e está pagando as axudas. Había un compromiso da Fegamp para que colaborasen a Deputación e o Goberno, pero nada puxeron. A Xunta pagou o 50% dos gastos en infraestruturas municipais, neste caso en concellos da provincia afectados que as solicitaron, como Pantón, As Nogais, Cervantes, Negueira de Muñiz e Triacastela. A Xunta puxo unha oficina para que fixeran reclamacións os veciños en Donís. Agora mesmo non sei canto está pagado, pero a moitos afectados xa se lles deron adiantos.

Tamén se xerou certa polémica polas obras que fixo a Xunta no pavimento de varios tramos do Camiño de Santiago porque hai quen as ve moi agresivas.
Nunca chove a gusto de todos e se fala cos técnicos din que a única forma de suxeitar esas escorrentías e dese xeito, pero nin a Xunta nin os técnicos están por facer aberracións no Camiño, sobre todo polo que representa e porque é unha fonte de riqueza para moitos dos pobos polos que transcorre. De feito, está incrementando a afluencia e nós estamos dotando os diferentes camiños de infraestruturas.

"Non teño ningunha intención de ser candidato"
Nestes días estase a falar da posibilidade de que Alberto Núñez Feijóo opte a un cuarto mandato. Pensa que repetirá?
Esa é unha decisión persoal que ten que tomar o presidente da Xunta. Nós como partido non lle podemos marcar a ninguén o seu futuro. Pero eu estaría encantado de que o presidente repita, pero non eu só, porque tres veces consecutivas foi o que veu dicindo a maioría dos galegos. Hoxe o de Galicia é o único goberno estable de España, o único que pode garantir que vai sacar adiante uns orzamentos e o único que ten estabilidade. Ogallá por Galicia e Lugo e polos galegos que tome a decisión de continuar na próxima lexislatura.

Pero as vindeiras eleccións son as municipais. Cales son as expectativas do PP para recuperar o goberno do Concello de Lugo e da Deputación?
O único partido que lle pode dar estabilidade ao Concello e á Deputación de Lugo é o PP. Primeiro porque foi quen gañou as eleccións neses dous ámbitos e é o partido maioritario. Na Deputación temos a maioría absoluta menos un e a estabilidade política que tivo nos últimos anos non lla desexo a ningún goberno. E no Concello pasa máis ou menos igual, cun goberno en minoría, con 8 concelleiros de 25.

Para o Concello xa teñen candidato designado e, para a Deputación, quen vai ser?
O PP ten unha vantaxe nesta provincia porque é o que ten maior afiliación, ten máis ca todos os demais xuntos, co cal hai moito banquillo. Pero hai antecedentes claros; primeiro, que o candidato á Deputación adoita ser o presidente do partido en Lugo, neste caso presidenta, pero a maiores dáse a situación de que Elena Candia xa foi presidenta da Deputación e nese curto espazo de tempo cambiou a forma de facer política e moitas cousas, e iso tamén o terá en conta o partido á hora de elixir candidato. Se me vai preguntar se eu teño algunha intención, xa lle digo que ningunha.

Ía ser a pregunta seguinte.
Pois direille que estou moi contento onde estou e non teño aspiración ningunha.

Temen que forzas como Cs lles resten apoio electoral?
Un partido o primeiro que ten que ter é estrutura e nestes momentos Ciudadanos non a ten na provincia, porque só ten representación nos concellos de Lugo e Ribadeo.

Comentarios