Interceptan un vehículo a 163 quilómetros por hora nun tramo limitado a 70 

Os feitos rexistráronse o pasado 30 de maio na estrada que une Nadela e Monforte 
Un coche de la Guardia Civil.AEP
photo_camera Un coche de la Guardia Civil.AEP

Axentes da Garda Civil interceptaron o pasado domingo a un vehículo que circulaba a 163 quilómetros por hora na estrada LU-546, nun tramo limitado a 70. 

Os feitos rexistráronse ás 09,22 horas do pasado 30 de maio na estrada que une Nadela e Monforte de Lemos, á altura do quilómetro 5,800 dentro do termo municipal de Lugo. 

Un cinemómetro da Garda Civil de Lugo captou a un turismo circulando en dirección Nadela a unha velocidade de 163 quilómetros por hora, máis do dobre do permitido na vía. 

A patrulla iniciou un seguimento do vehículo e solicitou apoio doutros compoñentes que se atopaban prestando servizo nas inmediacións, que localizaron o coche no Polígono industrial do Ceao. 

Os axentes identificaron o condutor, un home de 36 anos e veciño de Lugo, agora investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria. 

Comentarios