sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

A importancia de inculcar a igualdade aos escolares desde etapas temperás

O xornalista Arsenio Coto charla con Mari Blanco durante a primeira xornada do foro. SEBAS SENANDE
A mestra de primaria Mari Blanco sostén nas xornadas organizadas por El Progreso e a concellería de educación que aplicar esta máxima axudaría a facer unha sociedade "máis xusta"

A mestra de primaria Mari Blanco defende que se inculquen nos escolares valores como o respeto e a igualdade desde etapas temperás para "crear unha sociedade un pouquiño máis xusta da que nos toca vivir neste momento". Esta docente do colexio da Ponte da capital lucense abriu onte as xornadas A educación, a análise, organizadas polo xornal El Progreso e pola concellería de educación e difusión do coñecemento do Concello de Lugo.

Mari Blanco considera que "se non nos formamos como persoas, mesmo desde moi pequenos, todos os contidos educativos caen en saco roto".

As ferramentas das que bota man van desde o diálogo, cunha asemblea todas as mañás ao chegar a clase para escoitar aos alumnos, ata literatura infantil, que ao seu xuízo atravesa por "un momento bastante brillante".

"A partir dun conto, que podes enfocar por exemplo co tema da igualdade, podes traballar as Matemáticas, as Ciencias, a Lingua Galega ou a Lingua Castelá", explica Mari Blanco.

A igualdade é un tema que está "sempre moi presente" na súa aula, segundo precisa esta mestra de primaria, empezando pola linguaxe que utiliza. "Eu creo moito na linguaxe inclusiva e entón refírome ao meu alumnado como persoas", engade.

As familias xogan ao seu entender "un papel importantísimo". Considera que deberían "estar á par" cos docentes. "Moitas familias preocúpanse moitísimo de que poden facer na casa, como lle poden ensinar a multiplicar, sumar, ler... Non, teñen que deixarnos esa parte aos mestres e na casa centrarse máis no seu benestar emocional. Cando eso non funciona chega o alumno ao cole cunhas problemáticas tremendas e ás veces moi difíciles de solucionar", asegura.

Blanco tamén abordou como a pandemia está a condicionar o ensino. "Puxo de manifesto tantas e tantas carencias que temos dentro do sistema educativo. Con medios humanos superaríamos un montón de barreiras", precisa esta mestra, que demanda a implicación da administración.

Exerceu no Nepal o voluntariado nun proxecto solidario

No seu currículo Mari Blanco ten a experiencia dun voluntariado nun proxecto solidario. Hai dez anos colaborou no Nepal coa fundación Vicky Sherpa, posta en marcha por unha mestra catalana. "A miña idea era ir á India, pero acabei por casualidade no Nepal", lembra. Alí exerceu como xefa de estudios. Supervisaba que alumnos e profesores acudiran cada día ao colexio.

Esta mestra de primaria do colexio da Ponte recoñece que aquela experiencia "marcou" unha parte da súa traxectoria docente. Lembra que esta ONG desaparecida tiña "un método propio de ensinanza, adaptado ao sistema cultural nepalí".

Salienta o material educativo manipulable, que era creado polas propias familias, que eran de barrios moi humildes da capital, Katmandú, e o respecto pola cultura nepalí. "Cando eu fun hai 10 anos contabilibázanse unhas 200 ONG traballando alí, cada unha desenvolvendo unha labor moi boa, pero moitas delas intentando impoñer os valores e a cultura occidental, pensando que o noso é o millor. Vicky era moi respectuosa", explica Mari Blanco, que pon como exemplo que a vestimenta do alumnado era o traxe tradicional nepalí, non os uniformes occidentais doutros colexios.

ASEMBLEAS. No haber desa experiencia lembra tamén que se facían "asembleas multitudinarias con todo o colexio nunha sala reflexionando sobre o que fora o día anterior e o que se esperaba para ese día". Importou esa práctica e axeitouna ao seu quefacer diario na aula.

Resultoulle "fascinante" o respecto entre o alumnado e deste co profesorado. "Os máis maiores sempre lle deixaban paso aos máis pequerrechiños. Aquí córrese para ser o primeiro da fila, alá nunca", sinala esta mestra.

Pero non todo foi doce. Asegura que viviu "situacións moi complexas e de perigo, porque eramos dúas voluntarias, unha compañeira de Finlandia e máis eu, nun dos barrios máis conflitivos de Katmandú". Convivían nunha casa na que tiñan ao seu cargo a 23 nenos de 4 a 21 anos en situación vulnerable. Lembra que a viaxe en autobús desde esta vivenda ao colexio duraba entre unha hora e unha hora e media.

Tamén conta que había "unha diferenza abismal entre os alumnos e as alumnas". Recoñece que lle "impactou moitísimo" e que lle produciu "unha sensación de impotencia" esa desiguladade. Explica que preparaban as nenas para o matrimonio e que "asumíano como algo normal". Di que "non entendían que eu estivera alí soa, sen o meu marido".

Educación ambiental, a próxima cita
A segunda charla deste foro organizado por El Progreso e a concellería de educación e difusión do coñecemento vaise celebrar o próximo venres co coordenador desde hai 20 anos dos proyectos e programas de educación medioambiental da asociación Adega, Ramsés Pérez, que charlará sobre a educación ambiental.

Preescolar e universitaria. O día 23 intervirá a presidenta da asociación socioeducativa Antonio Gandoy, María Luisa Rey, que falará sobre a importancia dos xogos na educación. Este colectivo é o herdeiro da fundación Preescolar na Casa. Pechará o foro o día 30 a vicerreitora de coordenación Monserrat Valcárcel, que exporá a oferta educativa e a investigación no campus de Lugo.

A importancia de inculcar a igualdade aos escolares desde etapas...
Comentarios