"Hai só un 30 por centro de mulleres na Politécnica e en Robótica, un 13"

Estrea, con moita cautela, un cargo no que resultou elixida pero aínda non está nomeada. Rosa Romero chega á dirección da Escola Politécnica Superior cunha bagaxe de 31 anos no centro. No seu proxecto, só hai espazo para tres palabras: estabilidade, integración e calidade
Rosa Romero Franco. AEP
photo_camera Rosa Romero Franco. AEP

IMPÚXOSE AO outro candidato á dirección da Escola Politécnica Superior, Pablo Vila Lameiro, por 73 votos fronte a 32. Rosa Romero Franco —profesora do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñeiría— encara o cargo con cautela aínda que tampouco chegou onte, xa que unha parte da súa carreira na escola desenvolveuse no ámbito da xestión académica como subdirectora de prácticas externas e orientación laboral e membro da comisión de igualdade de xénero.

Que foi o que a motivou a presentarse a estas eleccións?

Tiña ganas de aportar a miña experiencia na xestión e tamén estou ilusionada ante novos retos. Outra cousa que me animou foi contar cun equipo integrador formado por persoas de distintas áreas de coñecemento, que teñen as mesmas ganas que teño eu de traballar polo centro.

Ser a primeira muller en dirixir esta escola é tamén todo un reto?

Por suposto. Aínda sinto como se tivese que demostrar que as mulleres podemos dirixir un centro como este! O ser a primeira directora da escola non deixa de ser tamén un recoñecemento ás outras mulleres que me precederon e que aportaron a súa valía á docencia e á investigación aquí.

Aínda seguen a ser os estudos da Escola Politécnica Superior maioritariamente masculinos?

Si. Temos que reforzar a captación de alumnas. As STEM —que son as carreiras de matemáticas, ciencias, tecnoloxías e enxeñeirías— seguen a ter maioría masculina entre o alumnado e as mulleres estamos tan capacitadas como os homes para abordar estes estudos. De aí, o proxecto Protagonistas as Enxeñeiras a través do cal promocionamos nos institutos que tamén hai mulleres enxeñeiras.

Rosa Romero. AEP
Rosa Romero. AEP

Cal é a taxa de alumnado feminino que teñen actualmente na Escola Politécnica Superior?

Hai só un 30 por cento de mulleres. En Agrícolas, temos un pouco máis pero en Robótica, por exemplo, só son un 13 por cento.

E cantos estudantes hai en total?

A Escola Politécnica Superior é o centro máis complexo de todo o sistema universitario de Galicia. Temos 766 alumnos, 200 profesores de 24 departamentos e 338 materias. Aquí impartimos cinco graos: Enxeñeiría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñeiría Civil, Enxeñeiría Forestal e do Medio Natural, Paisaxe e Robótica. Temos tamén a titulación dobre de Agrícola e Forestal e un grao aberto con Ciencias. Ademais, ofrecemos cinco mestrados universitarios: o de Enxeñeiría Agronómica, Enxeñeiría de Montes, Dirección de Proxectos, Planificación Territorial e Sistemas Aéreos non Tripulados. E tamén, dispoñemos dous másteres propios, que son o de Produción de Leite e o de Enxeñeiría da Madeira Estrutural.

A matrícula sobe ou baixa?

Despois da pandemia, subiu, especialmente en Enxeñeiría Agrícola e Agroalimentaria, quizais sexa pola importancia que adquiriu o sector primario e porque se viu a utilidades destes estudos. Robótica é un éxito. Hai 45 prazas e cóbrense todas, mesmo hai lista de agarda.

Cal é o grao de inserción laboral dos estudos que ofrecen?

A inserción laboral é alta. En Agrícolas e Agrónomos, é do 100 por cento. Rematan os estudos e xa teñen traballo. En Forestais, é dun 95 a un 100 por cento.

Vai haber algunha titulación nova o curso que vén?

Estamos pendentes dun mestrado interuniversitario das tres universidades galegas pero estamos máis preocupados en manter o que temos que en titulacións novas. Os estudos de Enxeñeiría Civil, Agroalimentaria, Forestal e Medio Natural están duplicados en Galicia e iso inflúe en que o número de alumnos nestas titulacións sexa baixo. Polo tanto, queren reformular isto pero nós, desde Lugo, temos que loitar por manter estas titulacións por varios motivos: por historia, polo noso entorno agroforestal e pola excelencia curricular que temos no centro, que dispón dos selos de calidade Eurace, Cgiaca e SIGC. E a nosa idea é revalidar estes selos.

Comentarios