"Hai que darlle unha volta ás casetas para que comer o polbo teña un prezo asumible"

A concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua
Maite Ferreiro. SEBAS SENANDE
photo_camera Maite Ferreiro. SEBAS SENANDE

Maite Ferreiro pasou da oposición a asumir tarefas de goberno na Deputación e o Concello, onde tivo que organizar en só tres meses as festas de San Froilán. Di sentirse satisfeita do "éxito»" acadado, aínda que xa pensa en retocar algúns aspectos como facer máis populares as casetas do polbo.

Son as primeiras patronais que organiza como concelleira de cultura. Saíron como esperaba? Agardaba que saíran así de ben, pero foi mellor do que pensabamos porque tivemos unha axuda que non podiamos controlar que é o tempo e iso fixo que á programación, con máis de 200 actos e preto de 50 actuacións musicais, a xente acudise de xeito masivo e que estivesen as rúas ateigadas.

Cumpríronse logo as expectativas de público?
Creo que as superamos porque houbo algún concerto, como o de Don Patricio, que se demostrou que foi un acerto porque cubriu un tramo de idade daqueles que non se sentían partícipes das festas, porque non había unha actuación que lles gustase especialmente, e foi un paso para que as festas teñan un futuro para que os máis mozos se sintan identificados.

Nese concerto a aglomeración de público chegou a dar unha sensación de inseguridade. Pensan buscar outra ubicación para os actos que poidan ser multitudinarios?
Os espazos que hai na cidade son os que hai, salvo que se leven a un lugar pechado, pero non sei se será peor. É certo que nese concerto, á hora da saída, había persoas que ían cara o centro ou o feiral e si que houbo un momento así, pero a xente tomouno con traquilidade e esperou a que se desbloqueasen os tapóns, e a Policía Local e os bombeiros estaban atentos.

Outra actuación na Praza Maior, neste caso dunha orquestra, provocou danos nos xardíns pola cantidade de público. Manterase esta ubicación en vindeiras festas?
Ás orquestras é moi difícil cambiarlas de ubicación, porque historicamente sempre se celebraron na Praza Maior. O que si nos está desbordando é o tamaño dos palcos das orquestras, porque o espazo é o que hai e este ano tívose que cambiar a situación por problemas técnicos, para deixar pasar os coches aos garaxes da praza. Por iso igual temos que pedirlles ás orquestras que non aumenten tanto esas estruturas que traen porque crean problemas nos espazos das verbenas, que teñen que seguir no centro.

Que foi o máis difícil da organización destas festas?
Pois xestionar as tramitacións que hai que facer no Concello, porque teñen que pasar dun departamento a outro e empezamos en xullo, pero en agosto unha parte importante do persoal estaba de vacacións e houbo que acelerar todo desde setembro. Sin embargo, houbo unha disposición moi boa tanto en cultura, como en servizos como intervención ou contratación e fumos sacando as cousas e ao final pagou a pena.

As verbenas teñen que seguir no centro, pero igual lles temos que peidr ás orquestras que non aumenten os palcos

E que foi o que máis lle gustou?
A cara dos nenos nalgunha das actividades. Foron varias e aparte de animar tentaron transmitir a igualdade ou a solidariedade. Ademais, o día que viñeron os dinosaurios andantes quédome coa cara de emoción e expectación que tiñan os nenos cando se lles acercaba a cabeza do dinosaurio e vían a oportunidade de tocala. Foi tamén unha das actuacións que máis sorpresa xerou no público e mesmo houbo quen se lamentou de non ter sabido de que se trataba e perdeu a o oportunidade de vela. Tamén me sorprendeu moito o concerto de Ray Gelato.

Que cambiaría o vindeiro ano?
Creo que introducimos o modelo que cremos que deben ser as festas, unhas festas tradicionais, nosas, onde poidamos ensinar a particularidade de que non cambian, porque desde o inicio foron unhas feiras populares onde se lles daba visibilidade á parte tradicional, á artesanía e aos produtos típicos da comarca. Tamén recordar oficios antigos e demostrar toda a riqueza cultural e patrimonial que temos.

Houbo queixas de pais e mozos pola suba dos prezos das atraccións. Pensan regulalos como se fai cos das casetas?
Todo o proceso de licitación dos espazos estaba xa feito e para o ano toca renovar e teremos que empezar o proceso e, efectivamente, os prezos das barracas son caros, pero é difícil saber cal é o prezo xusto, porque os barraquistas teñen un traballo díficil e supoño que terán que cobrar o suficiente para vivir diso. Teremos que sentarnos con eles a contrastar ideas e ver o que se pode facer.

Estudarase tamén modificar o prezo da ración de polbo, que subiu o pasado ano debido ao valor que tiña no mercado, pero nestas festas mantívose a pesares de que se cotiza máis barato?
Todo haberá que falalo cos hostaleiros e igual tamén chega o momento de revisar que tipo de casetas queremos, se queremos facer unhas casetas onde os prezos sexan populares ou que haxa que ter un estatus económico alto para poder ir comer o polbo. As casetas partiron das feiras orixinais e igual hai que darlles unha volta, porque a situación económica é a que temos e aquí do que se trata é de que todas as familias que veñen ás festas teñan a posibilidade de comer o polbo nas casetas e que teñan uns prezos máis asumibles.

Comentarios