Adolfo de Abel Vilela: "Hai 50 anos do meu primeiro libro e quixen facer as vodas de ouro"

Comezou a furgar nas fontes históricas locais hai medio século e non quixo perder a ocasión de celebrar "estas vodas de ouro", como el di, cunha mostra que se abre este mércores na Biblioteca Pública de Lugo e na que se recolle a súa obra bibliográfica destes 50 anos, cartas e algún obxecto persoal

undefined
photo_camera Adolfo de Abel Vilela. VICTORIA RODRÍGUEZ

Non se lle pode negar que teña paciencia e unha gran capacidade de traballo. Os últimos 50 anos da vida do historiador Adolfo de Abel Vilela foron un exemplo de constancia, que se deixou ver a través das incontables horas nos arquivos e hemerotecas en busca de información documental sobre a historia de Lugo.

Que se pode ver nesta exposición que se abre este mércores, ás sete, e pechará o próximo 16 de decembro?
Trátase dunha exposición bibliográfica de toda a miña obra. Hai agora 50 anos que saiu á venda o meu primeiro libro, Origen de los edificios adosados a la muralla de Lugo, e decidín celebrar as vodas de ouro, como fan os matrimonios, organizando a mostra na Biblioteca Pública Provincial. A exposición clausurarase cunha táboa redonda co etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo, o escritor Lois Diéguez e as xornalistas Carmen Uz e Dolores Cela.

Cantos libros chegou a facer?
Teño vintenove libros sobre historia de Lugo e seis sobre outras cuestións como un libro de texto de Ciencias Naturais, un catálogo do pintor Manuel Abelenda ou outro sobre Luis Gómez Pacios, pintor e escultor.

Ningún literario?
Si, escribín tamén unha novela histórica, El lirio de Florencia, ambientada no Lugo de fins do século XVIII, con motivo da estancia dos prisoneiros ingleses da Guerra da Independencia de Estados Unidos. Resulta que Lugo era depósito destes prisioneiros, que despois intercambiaban os americanos por outros deles. Andaban soltos polas rúas pero eran constantemente vixiados porque había gardas nas portas da muralla.

Ademais dos libros, poderase ver algún obxecto seu na mostra?
A mostra inclúe tamén correspondencia privada que mantiven con Manuel Fraga, Ramón Falcón, Antón Fraguas ou o Marqués de Mondéjar (da Casa Real) e levo tamén un caderno forrado en papel de estraza azul no que recollín, con 12 anos, 646 refráns. Foi o meu primeiro traballo de investigación, que levei a cabo no ano 1959.

Como un perito agrícola acaba sendo un historiador da cidade?
Descubrín a historia cando tiña 9 anos, cando un compañeiro trouxo ao colexio un libro titulado Lugo y sus hombres, do boticario Salvador Castro Freire, con fotos antigas de finais do século XIX e principios do XX. Gustoume tanto o libro que conseguín facerme con el cambiándollo por outra cousa. E de aí me vén ese afán por investigar sobre a historia da cidade lendo as actas municipais e os protocolos notariais e tamén recurrindo á hemeroteca.

Cantas actas municipais leu?
Todas as que van desde a primeira que se conserva, de 1545, ata 1930. Ao principio, tomaba notas a man. Despois, xa fun fotocopiando, e finalmente, organicei todo o que atopei por materias.

Un traballo de chineses!
Si, levo máis de 50 anos metido nisto por amor á arte porque eu era perito e fun profesor de Xeoloxía e Bioloxía pero acabei licenciándome e facendo un doutorado en Xeografía e Historia pola miña paixón por investigar sobre a historia de Lugo, sobre a que había moi pouco ou case nada. Teño que dicir, ademais, que o primeiro artigo foi en El Progreso o 6 de outubro de 1968, titulado Los relojes del museo de Lugo. Desde aquela, levo publicados 359.

Por que ese primeiro libro sobre as casas adosadas da muralla?
Eu lera nas actas municipais que no século XVIII o Concello aforaba os terreos entre as torres da muralla por 4 reais e os que recibían ese terreo coidaban dese tramo da muralla. Era rendible porque só tiñan que facer a fachada, o lousado e o piso. O resto das paredes xa estaban feitas. Entón, en xuño de 1971, saiu o decreto para expropiar estas casas e pareceume que estaría ben contar esa historia, así que nun mes escribín 85 páxinas e presenteillas a Ramón Falcón, que era subdirector xeral de Bellas Artes, e díxome que seguise investigando. E así foi.

Faltan as actas da Guerra da Independencia. Desde 1809, cando entraron en Lugo os franceses, ata 1811

De todas as fontes que manexou, cal foi a principal?
As actas municipais, aínda que faltan as da Guerra da Independencia, desde 1809, cando entraron os franceses en Lugo, ata 1811. Nesa época, atópase bastante información nos protocolos notariais, que recollen reclamacións que facían particulares que recorrían aos notarios.

Hai algún tema que predomine en todos os seus libros sobre a historia de Lugo?
A muralla, fundamentalmente.

E que descubriu sobre a muralla que lle chamase máis a atención?
Despois das investigacións que fixen sábese que todas as torres teñen unha escaleira, coñécese tamén cal é a técnica construtora e que había corpos de garda nas portas, entre outras cousas. Tamén descubrín o que era a Torre da Muriega, que quere dicir Torre do Muro. Alí era onde estaban as casas consistoriais antes de que se fixese o pazo da Praza Maior. A Torre da Muirega estaba na Porta de Santiago e aínda se conserva o banco onde sentaban o alcalde e os rexedores. Sábese tamén que en 1837 derrúbanse todas as torres menos a da Mosqueira, que a deixaron para que se vise como eran as torres da muralla.

Comentarios