Caballero di que o PSOE "garantirá o estado de benestar" fronte ao PP "ultraconservador"

Acusou ao Partido Popular de estar "manexado dende a sombra por Aznar e desde fóra por Vox e Santiago Abasacal" 
 
Gonzalo Caballero, en Lugo. ELISEO TRIGO (Efe)
photo_camera Gonzalo Caballero, en Lugo. ELISEO TRIGO (Efe)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que votar ao PSOE é símbolo de garantía para preservar "o estado de benestar, o estado de autonomías e os avances na igualdade real" fronte ao "xiro ultraconservador do Partido Popular de Pablo Casado".

Este venres en Lugo, o líder dos socialistas galegos puxo sobre a mesa esta confrontación de cara ás próximas eleccións o 10 de novembro.

Desta maneira, Caballero cre que "o voto útil de progreso" debe concentrarse no PSOE para que "a marioneta de Abascal" na que, ao seu xuízo, "converteuse Pablo Casado", non teña a oportunidade de acceder á Moncloa.

Ademais de lanzar unha mensaxe "á mobilización masiva", situou ao PSOE como o voto para garantir "a subida das pensións, dos salarios dos funcionarios, do Salario Mínimo Interprofesional (SMI)". "Estamos ao pé do país para trasladar a todos que o 10 de novembro as urnas teñen que estar cheas de votos", apostilou.

"DEREITA RANCIA"

Ademais, Caballero tamén mandou unha mensaxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas súas declaracións. Instouno a "deixar de ser cómplice da dereita máis rancia de Casado, que non ten proxecto económico nin de goberno". 

Acusou ao partido de estar "manexado dende a sombra por Aznar e dende fóra por Vox e Santiago Abasacal". Non dubida en aseverar que o PP pon "en risco" todo o que "avanzou o PSOE nestes 16 meses de Goberno" e critica que Feijóo non estableza ningunha "estratexia" para evitar ese risco. 

Por outra banda, respecto ao Consello de Xunta da pasada xornada, Caballero asegurou que "Feijóo non representa Galicia", non tomou "ningunha decisión importante para o país". 

Opina que "só utiliza o Goberno galego para confrontalo co español", que toma "decisións positivas" para os galegos e galegas, que "ven o incremento das súas posibilidades adquisitivas grazas ao PSOE".

Comentarios