O goberno de Lugo renovará o firme de varios viais das Gándaras

Ademais cambiarase a sinalización horizontal

Arroxo presentou o proxecto aos veciños das Gándaras. CONCELLO
photo_camera Arroxo presentou o proxecto aos veciños das Gándaras. CONCELLO

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, presentaron á veciñanza do barrio das Gándaras o proxecto de renovación do firme de nove rúas e varios ramais de acceso do barrio. "Damos resposta a unha solicitude veciñal, realizando unnha actuación integral no barrio que mellorará os viais e os accesos ás Gándaras", explicou.

A área de Infraestruturas actuará nas rúas Vagalume, Bolboreta, Paporrubio, Galo, Gaivota, Toledo, Areas, Rola e Pombo, ademais dos ramais de acceso da rúa da Rola á Avenida Adolfo Suárez, Bolboreta a Monte Pía Páxaro e Adolfo Suarez á Urbanización Castro Gil. A actuación consistirá nunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga e unha prolongada duración da actuación. Ademais, renovarase a sinalización horizontal, que se mellorará nos cruces complicados.

Esta actuación sairá a licitación nos vindeiros días, cun orzamento base de 252.373,63 euros, e un prazo de execución de oito semanas. "Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan os viais", afirmou Arroxo.

Comentarios